5 de novembro de 2008
Radio comunitaria arxentina clausurada por denunciar contaminación.
A orde de violación da morada foi ditada por un Xuiz federal da localidade bonaerense de Mercés, e executada poucas horas despois pola CNC e a policía. Os responsábeis da emisora aseguraron que se trata dunha "xogada política" das autoridades do municipio e a provincia, que foron denunciadas en antena como responsábeis da contaminación na rexión.
FM Punto Cero tiña sido a única emisora que transmitía en directo as sesións do Consello Deliberante da localidade e desenvolvera investigacións sobre os negocios dos funcionarios públicos.
A radio denunciou a "desidia dos gobernantes locais en materia de medio ambiente" a través dun material xornalístico sobre o vertedoiro ao descuberto e a pranta depuradora de refugallos cloacales que desemboca sen tratamento sobre o río da zona, o Río Salgado.
Tamén a radio falou da contaminación provocada por derrámelos de fertilizante da firma Rifara e a complicidade dos funcionarios.
Os responsábeis da radio, apresentaron unha medida cautelar ante o xuíz con 121 sinaturas de veciños da pequena localidade bonaerense para denunciar a persecución á independencia e a liberdade de información e expresión desta radio comunitaria.
Reporte e audio publicado pola rede Más Voces (URCM) : www.masvoces.org
Traduzón: Pequeno Monstro
24 de outubro de 2008
O Parlamento europeo vén de recoñecer a laboura dos medios de comunicación comunitarios.
Trátase da primeira resolución da Unión Europea que se adica específicamente aos medios comunitarios.
A resolución do Parlamento Europeo non é vinculante pero é un importante apoio para os medios comunitarios xa que a Resolución recoñece a labor que desempeñan estes medios e o seu aporte á pluralidade e por outra banda pide aos Estados da UE, o seu recoñecemento legal e medidas de apoio.
Esta resolución é de especial importancia en diversos países da UE ou en proceso de incorporación donde non se recoñece legalmente aos medios comunitarios e se dificulta o seu acceso ao espectro radioeléctrico (países da Europa do Este, ou mesmo o caso do Estado español).
O contido da resolución sinala que os medios comunitarios (denominados coma "terceiro sector da comunicación") son un medio eficaz de fortalecimento da diversidade cultural e lingüística, a inclusión social e a identidade local, promoven o diálogo intercultural, contribúen a acadar o obxectivo de mellorar a alfabetización mediática dos cidadáns mediante a súa participación directa na creación e a difusión de contidos, contribúen a reforzar o pluralismo dos medios de comunicación e fomentar a participación ciudadá no discurso público.
O Parlamento Europeo pide á Comisión e aos Estados membros que teñan en conta a Resolución á hora de definir nas súas normativas os medios do terceiro sector coma medios sen ánimo de lucro, responsábeis ante a comunidade e abertos á participación da comunidade.
Ademáis recomenda aos Estados membros que dean reconoñecemento legal aos medios do terceiro sector da comunicación (TSC) que apoien máis activamente estos medios e que "poñan ao dispor o espectro de frecuencias, analóxica e dixital, de radio y televisión, tendo en conta que o servizo prestado polos medios do terceiro sector da comunicación (TSC) non se van evaluar en termos de custe de oportunidade ou xustificación do custe de adxudicación do espectro, senón polo valor social que representa".
*Organismos europeos cada vez máis interesados nas políticas de comunicación dos estados membros*
A problemática dos medios comunitarios e as posibilidades que oferecen, comezan a estar na axenda dos organismos internacionais. Durante 2007, a Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo, encargou un estudo sobre o Estado dos Medios Comunitarios na Unión Europea.
Tamén está tendo a repercusión a Declaración conxunta sobre a diversidade na radiodifusión adoptada o 12 de decembro de 2007 polos Relatores da Liberdade de Expresión. Pola súa banda o Consello de Europa remata de publicar un informe sobre o Rol dos medios comunitarios na promoción da cohesión social.
Tanto o Consello de Europa coma a Comisión Europea (UE) veñen de realizar estudio
A Directiva de Servizos Audiovisuais obriga a todos os estados
Nota: información facilitada por AMARC-Europa (Asociación de Radios Comunitarias-Europa.) Traduzón Pequeno monstro. Audio: rede Más Voces
22 de outubro de 2008
I Congreso Europeo de Mulleres e Radios Comunitarias.
Máis de 70 comunicadoras e periodistas de radios comunitarias da Irlanda, Franza, Suecia, Austria, Italia, Suiza, Alemaña e o Estado español, así coma organizacións de mujeres, xuntáronse en Madrid no primeiro Congreso Europeo de Mulleres en Radios Comunitarias.
Foi un encontro sen precedentes na Europa, cuxo obxectivo foi o intercambio de experiencias de comunicación, debater e analisar como as radios comunitarias poden potenciar xunto coas organizacions e movimentos de mulleres, a súa incidencia política e social no contexto local, estatal e global ao través de modelos de comunicación non sexista.
Un especial tempo de reflexión estivo adicado ao "Dereito á Comunicación" coma unha ferramienta para a igualdade e o contexto lexislativo no que se atopen as radios comunitarias, dende un punto de vista de xénero.
As políticas de xénero; a incidencia política das voces das mulleres mulleres; a radio comunitaria coma ferramienta de empoderamiento e a construcción de pontes de comunicacións coas mulleres do mundo, foron outros dos eixos temáticos dese congreso.
Entre as expertas que interviron coma ponentes estacamos a Sally Burch, directora executiva da Axencia Latinoamericana de Información (ALAI), especialista no tema de comunicación e novas tecnoloxías; Lourdes Muñoz de Santa María, deputada do grupo socialista, portavoz da Comisión de Sociedade da Información e vogal da Comisión de Igualdade; Geneviève Teyssier, Vicepresidenta do Sindicato Nacional Francés de Radios Libres, Begoña San José, Secretaria do Forum de Política Feminista no Estado español e Margaretta D'Arcy, dramaturga e pacifista irlandesa fundadora de Radio Pirate Woman.
Esto é todo pequen@s monstr@s. Ficades cun audio producido pola rede Mas Voces, coa análise e balanzo final do Congreso. Por certo, os reportes de Más Voces podédelos escoitar diariamente nos contrainformativos que tres veces ao día emite Rádio FilispiM, 93.9 FM en Ferrol (Galiza).
Hala! monstros, a pinchar a outro lado!
21 de outubro de 2008
Boy Elliot de planeta en planeta e toco porque me toca.
Pois así foi. Celebróuse o pasado sábado aló, na Laponia. Parece de coña, pero foi así. Testemuñas de excepción foron os da Radio Galega Música que retransmitiu o evento en directo.
Nós, a quinta feira, tentamos ter en directo ao Daniel Alonso (nome verdadeiro de Boy Elliot) para o programa Divertimento para pequenos monstros, de Rádio FilispiM. Mais andaba xa procurando o fenés o vó cara París, e as comunicacións nas pontes aéreas, como que non. Aínda así, intercambiamos un par de sms, e aproveitamos pra desexarlle muita sorte no máis aló.
Da propia retransmisión que fixo a Rádio Galega Música, esta tirado o seguinte audio, que os Boy Elliot and the Plastics Bags, teñen no seu Myspace. Nel podedes ouvir a emotiva presentación do grupo galego, o estupendo tema Planeta 19 en directo e, finalmente, a sentida ovación do respetábel. Para rematala, mentres ouvides o audio seguide a ler paseniñamente e a crónica do festival tirada do portal de Vieiros.
|
Vieiros. Redacción - 21:15 18/10/2008
Jacques Culioli gañou os premios do público e do xurado. Boy Elliott recibiron 23 puntos e unha intensa ovación.
O Liet Lavtuv non veu para Galiza. Pasadas as nove, o corso Jacques Culioli gañou o premio do público con Hosanna in excelsis, que nas últimas semanas realizara unha campaña moi intensa a través de Facebook e, a seguir, dominou con claridade os votos do xurado. O corso é falado por un cuarto de millón de persoas.
A votación do xurado foi unha loita moi rifada entre o representante corso e os asturianos de Dixebra, seguidos moi de cerca polos artistas de Mordovia, Mordens e pola lapona Elin Kaven. Os asturianos foron moi aplaudidos na súa actuación, que se abriu cun discurso moi político, anticapitalista e lembrando a loita obreira en Asturias, e que se pechou cun 'pola oficialidá'. Boy Elliott recibiu un total de vinte e tres puntos: 7 da representante Arbereshe, oito de Laponia e outros oito de Mordovia.
"Cantos de vós falades linguas minorizadas?". Os condutores da gala do Liet Lavlut iniciaban deste xeito o espectáculo, pouco despois das sete da tarde. A moderna e acolledora Casa da Cultura de Lulea estaba ateigada de público, que agardaba para ver e escoitar os once artistas participantes.
Ás sete e dez os Boy Elliott xa estaban listos para actuar. Os presentadores lembraron que o galego é falado por tres millóns de persoas, xusto antes de dar paso a Daniel Alonso, que nun perfecto inglés, produto dos anos vividos en Gran Bretaña ou Australia, explicou o significado da canción e dese 'Planeta 19', "o lugar no que queres estar, o lugar no que te sentes ben". Para rematar, unha chiscadela para o público local: "para nós, ese lugar é Lulea". Despois, unha actuación sen fallos, eléctrica, que pecharon cun "graciñas".
As once canción participantes foron:
1.Boy Elliott & the Plastic Bags Planeta 19 (Galiza)
2.Surunmaa Tulethan takashin(Meänkieli)
3.Gwennyn Bugale Belfast (Bretaña)
4.Jacques Culioli Hosanna in excelsis (Córsega)
5.Spasulati Botë e shurë (Arbereshe-Albanés)
6.Elin Kåven Abbas jaska (Laponia)
7.Jelte Posthumus & Pilatus Pas De wiete wyn hellet oan (Frisia)
8.Carnicats Oz dream (Friuli)
9.Yr Annioddefol Drysu (Gales)
10.Dixebra Indios (Asturias)
11.Mordens Good will blessing (Mordovia)
Viaxe accidentada. A chegada a Lulea non foi doada para os rapaces de Boy Elliott & The Plastic Bags. O avión de Vigo a Madrid saíu cunha hora de retraso, o que fixo que perdesen o enlace de Paris a Estocolmo. Tiñan pensado chegar a Lulea ás 15 horas e chegaron á 1 da mañá, máis de 20 horas dando voltas polos aeroportos, "de todas maneiras se non pasara isto non teríamos nada que contar", dicía Dani, o cantante e líder da banda.
En Lulea, os Boy Elliott salientaron a profesionalidade da organización e a boa amizade que fixeron cos asturianos Dixebra, ademais, da entrevista que realizaron para a BBC radio.
Pois nada máis, pequen@s monstr@s, para rematar lembraros que aínda podemos fazer que o Planeta 19 de Boy Elliot, acade o premio do público. Podedes votar ao fenés ao través deste enlace. E coa mesma, marchamos a outro planeta, que xa toca.
Nota: na foto Boy Elliot e banda tocando en Laponia.
24 de setembro de 2008
De San Mateu ao ceu. Puxa Asturies!
As festas de San Mateu son moitas cousas, sobre todo moitas sensacións. Canto aos concertos musicais están repartidos entre as Pistas de San Lázaro e a Praza da Catedral. Estes últimos os máis interesantes e con entrada de balde. Ademáis, no Teatro Campoamor, comeza a temporada da Ópera, un dos acontecementos máis agardados polos amantes do bel canto no estado español.
Tentarei resumir na seguinte crónica, o que más nos fascinou das festas do San Mateo en Ovieu.
Chegamos o venres 19 de setembro a Pola de Siero, a 6 minutos en carro da capital astur, Ovieu. Hospedámonos no Hostal Jarana, un lugar recomendado pola cualidade prezo que ofrece: habitación para dous por 38 €/noite, en inmellorábeis condicións e situación (a seis quilómetros da capital, Ovieu).
Ese mesmo día celebrábase a o Día de América, festa declarada de interés turístico estatal. Canto aos concertos que nos interesan, nunha noite adicada ao Jazz e ao Blues, destacamos as actuacións de: Joaquin Cacón, Javier Vargas, Los Redentores, pero sobre todo ZEM.
Os asturianos ZEM, tocaron acompañados da interpretación do grupo de teatro Margen. Liderados polo vibrafonista Xuan ZEM e acompañamiento instrumental de Rubén Mol, Luis Rodríguez e nada máis e nada menos que Jorge Martínez e Juan Flores -Los Ilegales-.
A proposta de ZEM non deixou indiferente a ninguén: música instrumental inquietante -semellaba unha banda sonora imaxinaria dun thriller-, acompañada de imaxes non menos inquedas e da coidada presenza do experimentado grupo de teatro Margen. Un puntazo!
ZEM, apresentaban deste modo o seu segundo traballo. Xa estamos buscando @s pequen@s monstros o primeiro, segundo traballo, maquetas, maquetiñas e demáis sinais de vida deste grupazo extraterrestre contactado en Ovieu.
O sábado 20 de setembro, de novo na Praza da Catedral, aconteceu dende as cinco da tarde unha xornada adicada á música asturiana. Riba do cenario, resoarón: tonadas asturianas, coros, cuartetos, ochotes, gaiteiros, parellas de baile, grupos de baile, bandas de gaitas, cantautores de música asturiana, grupos de folk e como peche: Hevia e Nuberu.
Canto a Hevia, gaña máis tocando a súa gaita asturiana que o "electrodoméstico" -el mesmo chamouna así- que o levou a fama -e de Volta Ciclista-. Cecais faltoulle arroupo vocal. Mais, todas estas éivas -Hevias!?- foron compensadas coa participación creativa do que cecais for o mais interesante do seu concerto: a súa irmá.
E logo das "éivas", chegou o turno do melloriño da noite. Cualidade musical, experiencia, pero sobre todo emocións a esgalla: Nuberu.Tal e como eles mesmos din na súa páxina web: "Tres trenta años enriba los escenarios, Nuberu retírase en 2008".
Eles mesmos, pedazo de monstros, se encargar de realizar a crónica do acontecido no seu concerto e na súa propia fala, hala!: "Miles de persones s´agolparon el sábadu na plaza la catedral d´Uviéu pa escuchar a Nuberu nel que foi´l conciertu más concurríu de los organizaos esti añu nesi escenariu, según fontes de la propia organización. Una de les nueches más guapes de les fiestes y a una hora máxica, un ambiente nuberiegu a tope y un grupu en total estáu de gracia ficieron de la despedida de Nuberu a Uviéu un acontecimientu únicu pa tolos que tamos faciendo de 2008 un tributu merecíu a trenta años d´hestoria. Dos hores de cancios coreaos y sentimientu compartíu llenaron la nueche de Nuberu en San Mateo, pieslle d´oru pa una xornada dedicada a la música asturiana. Na memoria de toos los qu´ellí tuvimos quedarán pa siempre les imáxenes y los soníos d´un conciertu pa nun escaecer nunca. ¡Uviéu, allá foi la despedida!"
Isto é todo o que vos podemos contar @s monstr@s, cantos aos concertos que nos interesaban e puidemos acudir, na pasada e frénetica fin de semana na Asturies.
Pero monstros, non se vaian todavía, aínda hai máis!. As festas de Ovieu se caracterizan pola participación cidadá, non só canto a movida, senón canto ao activismo. Os colectivos e asociacións da comarca instalan durante case dez dias unha serie de Chiringos do máis interesantes. Dentre deles, destacamos: Topu Fartón, Pinón Folixa e Amigos de Cuba.
No capítulo de anedotarios, o sábado estrenábase unha ópera no Teatro Campoamor. Dando unha volta, atopámonos coa "ilustre" chegada de Rodríguez Zapatero, quen viña acompañado da súa dona Sonsoles Espinosa, unha das voces do reparto de Diálogo de Carmelitas, de Francis Poulenc. Como non podía ser menos, o equipo Pequen@s monstros, inmortalizou tan magna chegada, así como todo o que alí aconteceu. Non se perdan o impresionante depliegue policial.
Ficades cunha selección de fotos tiradas polos Monstros, nas que veredes imaxes de Luarca, Xixón, Ovieu, Zapatero, a súa dona Sonsoles e incluso esoutra ruina chamada El Molinón de Xixón, donde o domingo xogaban Sporting e o Barça (1-6). Ademáis, non vos perdades o ambientazo que había nas rúas e sobre todo nos chiringuitos: Topu Fartón -coa súa campaña en prol da oficialidade do asturiano-, Piñón Folixa -co apoio da xente da radio libre de Ovieu Radio QKracha- e o chiringo dos Amigos de Cuba.
Última hora: a web oficial de Nuberu incluiu no seu album de fotos, as tiradas polo Pequeno monstro -André- da súa actuación nas festas de Ovieu. No menú da súa web vai a "Tributos" e logo a "Semeyes" ou directo ao tavés deste enlaze.
Nota: todas as fotos que acompañan este artículo foron realizadas polo Pequeno Monstro. Úsense libremente, mais fágase referencia ao autor e ao blog. Obrigado.
15 de setembro de 2008
VI festival autoxestionado FERVESTEIRO.
Fervesteiro, según eles mesmos, son o seguinte tipo de monstro:
Fervesteiro xurde hai 5 anos aproximadamente coa idea inicial de movilizar un pouco o panorama cultural da cidade ante a inexistencia de espazos para que os e as artistas da comarca puidesen expor as suas creacións.
Ese é o xérmolo do colectivo, pero pouco a pouco e debido, por unha parte, as nosas inquedanzas políticas e sociais e, por outra, dos acontecementos que salpicaban dia a dia as nosas vidas (as duas folgas xerais, a catastrofe do prestige, a guerra de Irak, a lei de partidos) fomos enchendo de contido social as nosas actividades ata chegar ó que somos na actualidade.
1.- Qué somos? Somos un colectivo que persigue o cambio social: traballamos para -facer posible a participación social das persoas e as comunidades. Participando na construcción, construimos participación. Entendéndoa como a ferramenta imprescindible para construir o escenario social que queremos promover. Queremos ser participes dos cambios sociais non mer@s espectador@s resignad@s á espera de que a clase politica sexa quen defina o modelo social futuro.
2.-Qué escenario social que queremos promover? Un no que as relacions entre as persoas mais igualitarias, máis cooperativistas, máis xustas, que favorezcan a convivencia, a diversidade, nas que o capital e o tanto tes tanto vales deixe de ser o baremo predominante, queremos ser suxeitos activos critic@s.
3.- Como queremos traballar.
-De forma horizontal-asamblearia. porque isto significa ser cidadans activ@s, e dicir, ser dono@s conscientes e activ@s da toma de decisions, sendo suxeitos activ@s das nosas vidas e das nosas relación co noso entorno, e provocando en nos mesm@s unha maior implicación coa realidade que nos rodea.
-Sen xerarquías. Non cremos no liderazgo, como tal, sí na corresponsabilidade e no fluxo de relacions. O noso liderazgo será móbil, simultaneo e temporal e a responsabilidade será de tod@s, o que reforza a nosa autoxestión e independencia o consenso é o criterio que rixe a toma de decisions, non queremos caer na dictadura do voto, creemos que co debate e o intercambio de opinións podese acadar os obxetivos plantexados regulado polo diálogo e o debate autocrítico e constructivo como forma de traballo. Non temos medo a confrontación dialéctica xa que é unha das forma s mais útiles para descubrir as nosas debilidades, convertindo este debate nunha gran fortaleza.
-Dende a dinámica da diversidade das personas. Diversidade de sexos, idades, aspecto físico, capacidades, lugares, opcións sexuais ...
-En rede. Guíado polo principio da cooperación, colaboración, axuda mutua e traballo conxunto.
-Traballo con outros colectivos e organizacións. Con e para o barrio. Espacio base de interacción, como punto de partida para traballar ao grande dende o pequeno. O barrio nas cidades e aldea nos pobos son os lugares mais próximos de interrelacion persoal, nel atopamos a maior potencialidade e capacidade de promover os referentes que propicien o cambio social, e temos a posibilidade de visibilizar as nosas inquedanzas.
-De forma interxeneracional. Demostrando que a loita e o debate non teñen idade.
-Autoxestionado. Respeito á autofinanciación, xa que cremos q é unha forma de independencia á hora de traballar evitando asi que o proxecto teña unha data de caducidade.
-Respeito aos espacios colectivos. Como parte da cidadania temos dereito a utilizar os espacios sen exclusións e en contraposición ó modelo de convivencia que nos intentan impor.
-A través de espacios participativos. -Promovéndoos -Intercambiando información, coñecementos, recursos, etc.
-Como forma de empoderamento e distribución igualitaria.
-Aproveitamento das propias potencialidades.
-Como reforzo da nosa independencia.
Pola súa banda, o non menos intrépido Colectivo Opaíí! - Rádio FilispiM, colabora na divulgación da sexta edición do Fervesteiro, coa produción e difusión da seguinte cuña radiofónica:
|
Agora, xa moi monstros tod@s, imaxinade un Fervesteiro en cada barrio de Ferrol.
10 de setembro de 2008
Diagonal, un xornal fóra do normal.
Pequenas e pequenos monstros, ao fazer "clic" na segunda das imaxes que acompañan esta entrada, atoparedes un estupendo especial sobre as radios libres e comunitarias, realizado por estes dinamitadores da prensa estatal. A diagonalizar pois!
25 de agosto de 2008
Facer radio dende a comunidade.
Ficades co interesante artículo que nós ilustramos con afotos e, ao final, un interesante video sobre a historia de Rádio Pica de Barcelona, sen dúbida unha das radios libres históricas máis creativas do noso Monstro-Estado.
Agora que o espazo radiofónico se volveu arañeira con centro en Madrid, as radios libres e comunitarias seguen a manter o compromiso dun medio feito por e para o común. A tal encomenda fican fieis en Galicia as seis emisoras integradas en Regarlic.
Facer radio dende a comunidade.
Un artigo de Marcos S. Pérez.
As radios libres e comunitarias xorden da necesidade, xorden da ausencia de emisoras que dean voz a colectivos (veciñais, políticos, sociais, ecoloxistas…) que non atopan a posibilidade de se expresar nos medios de comunicación convencionais. A radio é o medio máis próximo ao cidadán. Porén, na actualidade as máis das emisoras ficaron convertidas en simples repetidores da programación de grandes cadeas, cuxos micrófonos atópanse moitas veces a centos de quilómetros. A este respecto, o profesor Emili Prado, galego afincado en Barcelona, apuntou nunha ocasión que a radio constitúe un “minifundio de emisión e un latifundio de información”. Xa o informe McBride recomendaba a creación e o fomento de medios de comunicación locais pois “a comunicación convértese nun elemento indispensábel do labor de desenvolvemento e da vida social de cada localidade”.
En Galicia, a primeira e efémera emisión dunha radio local (Radio As Mariñas) tivo lugar o 25 de xullo de 1980. A experiencia durou os oitenta minutos que tardou a Garda Civil en chegar até a emisora cunha orde de peche. Catro anos máis tarde, Fene puxo en marcha a súa radio (Radio Fene, hoxe Radio Fusión) e, grazas a que desoíu as ordes de peche lanzadas dende o Goberno Civil, puido asentarse e abrir o camiño polo que despois outros concellos crearían a súa emisora.
Emparento as emisoras municipais coas comunitarias porque, idealmente, unha radio municipal nace ao servizo dos cidadáns, o que comporta descentralización, acceso, participación e non lucro, aspectos todos comúns ás radios libres. De feito, a propia Radio As Mariñas xustificaba o seu nacemento en dous piares, a democracia e o autogoberno: “Democracia e comunicación son inseparábeis. Non poderá haber consolidación democrática sen medios de expresión ao servizo do pobo, sen xornais, radio e televisión que promovan a participación popular. Autogoberno e comunicación son tamén inseparábeis, ramas dunha mesma árbore. Unha auténtica autonomía de Galicia non se pode sacar adiante sen medios de comunicación propios, escritos ou falados na nosa lingua e que difundan a conciencia nacional”.
Seis exemplos galegos
Na actualidade podemos sinalar a existencia no noso país de seis emisoras libres, que conforman a Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias, Regarlic, creada co obxectivo de compartir experiencias, acadar o recoñecemento da súa labor social e mellorar as súas condicións de emisión. Ademais, en Ourense funcionou durante anos Radio Bemposta, e en Vigo debe ser salientado o papel de Radio Coia e Onda Nada, emisoras todas nacidas co obxectivo de dar voz ao barrio ou comunidade dos veciños que representan e para os cales emiten. Todas estas emisoras, ademais, atoparon na rede unha boa ferramenta para a súa difusión. Nas súas emisións en liña ou na distribución de arquivos de son non hai licencias, nin saturación do espectro, nin interferencias, nin cobertura limitada.
Radio Piratona comezou a emitir o 8 de marzo de 1988 (Dia da Muller Traballadora), no 104.9 FM desde a escola de FP de Teis. Dous meses despois tiveron que abandonar o centro, que recibira presións dende o Goberno Central. Nos anos seguintes, a Piratona emitiu dende un pub do centro de Vigo, até que mudou a súa sede ao Centro Social ocupado da Ruela. Foron mudando tamén as súas frecuencias de emisión, sucesivamente apropiadas por emisoras legais, até chegar á definitiva (polo de agora) 106.0 FM. Dende 2001 Radio Piratona mantén unha estabilidade, tanto nos seus locais, coma nos seus equipos, que lle permitiu consolidar a súa programación e actividades.
Filispim é iniciativa da Asociación Cultural para a Activación de Medios de Comunicación Alternativos (Colectivo OPAíí Ferrol), amparada por diversas entidades culturais, sociais e reivindicativas da comarca de Ferrolterra, entre as cales se atopa o Ateneo Ferrolán, sede social do colectivo.
Radio Kalimera vén funcionando dende hai máis de 15 anos, iniciando a súa actividade na residencia universitaria do Burgo das Nacións. Despois de varias etapas, e de cesar as súas emisións durante un tempo, retomou a actividade en febreiro de 2007, no 107.9 FM. En xuño comezou a emitir en internet, o que lles serviu para paliar a limitada cobertura que acada dende a súa sede na Casa Encantada de Compostela.
Na Coruña, CuacFM ten xa unha longa traxectoria, de máis de dez anos, emitindo dende a Universidade da Coruña baixo a coordinación dunha asociación que funciona dentro da propia UDC. Ten unha programación moi completa e consolidada, e é a única destas emisoras que acepta algún tipo de publicidade ou patrocinios.
En Lugo, Radio Clavi funciona mediante unha coordinadora de asociacións de diversos ámbitos, conformando a Asociación polo Movemento Radiofónico Lugués. Naceu en 1997 e despois de emitir durante un ano unha orde do Goberno Civil esixiu o seu peche; mesmo solicitaron unha licenza nunha convocatoria que ofrecía unha frecuencia para unha "emisora cultura e educativa"; gañouna a Asociación da Prensa de Lugo, que nunca exerceu a función para o que lle fora concedida. Radio Clavi regresou a finais de 2005, e dende entón continúa as súas emisións, con programas musicais, de debate e mesmo informativos.
Radio Corme ou Radio Roncudo, no concello de Ponteceso, iniciou emisións no verán do 2004 baixo a iniciativa da Asociación de Veciños de Corme. Hai que ter en conta que na comarca de Bergantiños non hai radios municipais e a única programación local provén das desconexións de Radio Voz e a Cadena SER.
A aparición das radios libres nos anos sesenta e setenta veu poñer de manifesto o descontento que provocaban os monopolios radiofónicos do continente. Os primeiros intentos amosaban espíritos dispares, mais compartían a necesidade dun discurso renovado e contracultural: as emisoras inglesas nos anos 60 (Radio Caroline, Radio City) partían dunha perspectiva eminentemente comercial; as aparecidas en Francia e Italia a finais dos anos setenta, en troques, partían duns obxectivos e dun discurso máis políticos (como a ecoloxista Radio Vert en Francia ou as moi diversas emisoras libres italianas, lideradas por Radio Alice e a súa estratexia de “guerrilla informativa” e o seu estilo “mao-dadaísta”).
As primeiras experiencias no Estado Español non chegan até 1979, cando bota a andar Ona Lliure, grazas a un colectivo de profesores e de alumnos da Facultade de Ciencias da Información de Barcelona. Nos oitenta, froito do desencanto ante a política gobernamental de medios, xurdiron novas emisoras; cando as distintas forzas de esquerda chegaron a controlar o poder, en lugar de converter os medios de aparellos de distribución en aparellos de comunicación -como esixía Bertolt Brecht en 1932-, mantiveron ou afirmaron a situación de control. En 1983 a reunión da Coordinadora de Radios Libres Villaverde definiu os obxectivos e as normas de funcionamento deste tipo de emisoras: carácter non profesional; funcionamento autoxestionario; autonomía perante os grupos de presión; participativos e unificadores dos conceptos de emisor/receptor; en loita contra o monopolio e a centralización da información; e potenciadores dunha forma de vida alternativa á actual.
Os grupos e entidades que compoñen o Terceiro Sector teñen hoxe unha oportunidade de incuestionable transcendencia, pois poden expresar as preocupacións cidadás, esixir responsabilidade dos poderes públicos, promover as súas comunidades, cubrir necesidades insatisfeitas e, en xeral, mellorar a calidade de vida. É dicir, constituírse nun Terceiro Sector situado nas fronteiras dos tradicionais actores que representan o Estado, o mercado e as redes primarias, e que permite a apertura de espazos autónomos óptimos para impulsar accións colectivas xeradas desde a sociedade civil. Xa Manuel Castells, en A Galaxia Internet, fala dun novo sistema de relacións sociais “centrado no individuo, construído ao redor do que se poderían chamar ‘relacións terciarias’ ou ‘comunidades personalizadas”. Castells explica que este proceso se ve favorecido pola “crise do patriarcado, a desintegración do núcleo familiar, e a crise da lexitimidade política, mentres que o crecente distanciamento entre cidadáns e Estado socava os mecanismos de representación e fomenta a retirada do individuo da esfera pública”.
As radios libres lémbrannos a necesidade de recuperarmos os conceptos de radio horizontal, co emisor e o receptor situados no mesmo nivel, e de acceso, cunhas emisoras feitas non só para a comunidade senón tamén feitas pola comunidade. A radio local debe aproveitar as potencialidades propias dun medio de proximidade, afastándose da imitación de modelos e do discurso unidireccional, de cara a construír un medio de comunicación baseado no diálogo e na interacción. Só de aí pode partir unha verdadeira relación entre medio e sociedade e mais un sistema de comunicación adaptado a cada espazo, a cada comunidade.
Mércores 20 de agosto de 2008.Marcos S. Pérez.
21 de agosto de 2008
VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres, do 14 ao 21 de outubro, en Vigo.
A rede feminista Marcha Mundial das Mulleres realiza cada dous anos os seus encontros internacionais, que reúnen a delegadas dos cinco continentes. Este ano 2008, o xa VII Encontro Internacional, terá como sede a cidade de Vigo e realizarase entre o 14 e o 21 de outubro na Residencia de Encontro e Formación de Panxón.
Esta xuntanza reunirá perto de 150 participantes procedentes das coordenadoras nacionais e do Comité Internacional da Marcha Mundial das Mulleres. Agardan contar coa participación duns 40 países e coa presenza de mozas militantes de cada delegación.
O programa do encontro será o seguinte:
14 ao 21 de Outubro
- Encontro das delegadas na Residencia de Encontro e Formación de Panxón (Nigrán)
- Feira de Soberania Alimentaria.
- Praza da Estrela (Vigo)
- Forum Internacional de Soberania Alimentaria.
- 17hs Centro Cultural Caixa Nova (Vigo).
- Podes inscribirte aquí.
- Construción dun Milladoiro conmemorativo.
- MANIFESTACIÓN. Baixo o lema "Cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo e cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres."
No pasado VI Encontro Internacional que tivo lugar na cidade de Lima (Perú), onde a Coordenadora Galega enviou dúas delegadas, aprobouse o Plano Estratéxico da Rede para os anos 2006-2010. Este plano estratéxico dividiuse en catro bloques para a acción:
- Paz e antimilitarismo
- Ben común e acceso aos recursos
- Violencia contra as mulleres
- Traballo das mulleres
Algúns dos obxectivos a acadar nesta xuntanza son:
- Analizar os desafíos para o movemento feminista no contexto actual (crecente militarización do noso planeta, avance do neoliberalismo e dos integrismos e as súas consecuencias).
- Formación política das delegadas sobre cuestións como: ecofeminismo, educación popular e libre comercio.
- Avaliación dos campos de acción do Plan Estratéxico e planificación rexional.
- Definición da acción mundial do 2010.
- Xestión interna e administración do movemento.
19 de agosto de 2008
Crónica da viaxe ao FMM de Sines, Portugal. 2ª parte: en Sines.
No cartaz dese día, figuraban repartidos entre a Avenida Vasco da Gama (ao carón da praia e de balde) e no propio Castelo (riba da praia e previo pago de 10 euros), seis grupos. Toda vez que estabelecimos a nosa base de operazóns nun dos parques de campismo da pequena vila de Porto Covo, marchamos cara Sines (a 15 m. en carro, pola impresionante costa que vai polo Parque Natural do Sudoseste Alentejano e Costa Vizantina).
Ao chegar a Sines estaban a tocar, no Castelo, o grupo galego Marful. Imaxinádevos que emoción! Subimos até o Castelo e dende as pantallas xigantes instaladas no propio muro, seguimos as evolucións da Ugía Pedreira, a Guadi Galego e compaña.
A crónica que ao día seguinte realizou Rádio Sines, a radio local e oficial do evento, evidenciou que os da Galiza deixaran ben alto o pavillón galaico. O certo é que a música das tabernas galegas, con danzas da américa latina (de Cuba a Argentina) traidas pelos seus emigrantes, o tango que bailaron dous homes no cenario e o ambiente erótico-festivo que comandaba a Ugía (Rádio Sines utilzou o cualificativo "quase pornográfico"), non deixaron indiferente a ningúen.
Mais, non foran a única presenza galega no FMM de Sines. O primeiro día do evento, a quinta feira 17 de xullo, os trasanqueses Serralhe-Aí! & Os Rosais, tocaron de balde no pequeno cenario que desta se habilitou ao carón do Centro de Artes de Sines. Acordeóns, xotas e muiñeiras que seduciron ao público. Nos fomos testemuñas directas, mais así o recollen as crónicas.
As músicas do mundo en Rádio FilispiM, constitúen un altísimo porcertaxe do seus contidos musicais (horas temáticas Música Mundi) e mesmo son a base dalgún dos programas que emite, coma Africanía. Queremos cambiar o mundo, mais non cambiamos o chip do noso propio mundo e seguimos alimentando a quen non fomenta, precisamente, outros mundos posíbeis. As radio libres e comunitarias tambén existen, semella que noutros mundos lonxanos os da organización do FMM de Sines. En todo caso, nós seguiremos achegándonos até Sines, cubrindo o festival con ou sen acreditación, porque, nos interesa estar donde pasa algo diverso, neste caso no eido musical, que gostamos de amplificar desinteresadamente. Tan só agardamos que en vindeiras edicións, a organización emende este erro e acredite oficialmente a algunha radio libre e comunitaria, co fin de facilitarnos o traballo de difusoras do evento, en igualdade de condicións que os medios privados e públicos.
En calquer caso, un ano máis, @s pequenos monstros deslocados até aló, decidimos que o 25 de xullo, día nacional de Galiza, tiña que ser especial. Ese día mercamos as entradas para poder disfrutar do festival ao vivo no interior do Castelo, incomparábel marco. A máis de 600 km da nosa terra disfrutamos do cartaz daquela xornada: da enormidade vocal de Faiz Ali Faiz (paquistan), a vangarda armada dos KTU (Finlandia), pasando polo rock chinés de Cuin Jian (China) e o punk-rock cigano de Firewater (EUA). Antes, na praia e de balde o intimismo folk británico, case de cámara, de Rachel Unthank e The Winterset. Unha xornada predominantemente tomada polas propostas arriscadas.
A noite no Castelo abriuna Faiz Ali Faiz, sen dúbida quen acaparou maior atención e suceso na noite, un artista tres veces premiado no certame World Music da BBC. Mais, a presenza deste foi anunciada a última hora, coma substitución do grupo que tiña que ter actuado segundo así estaba programado: Asif Ali Khan, discípulo do grande Nusrat Fathe Ali Khan (alcumado "A boca de Deus").
O caso pasaría desapercibido, se non for polos motivos (i)reais da ausencia de Asif Ali Khan en Sines, que poñen en evidencia o actual estado das cousas canto a libre circulacións de seres humáns no mundo. Según anunciu o seu representante: "Asif Ali Khan, não podendo provar a posse de recursos financeiros, que na realidade não tem, o visto de entrada na Europa foi-lhe negado, repetindo-se uma situação que nos últimos anos tem impedido a vinda à Europa de muitos dos melhores artistas dos países mais pobres de África, Ásia e América Latina". Para alucinar, mais así están as cousas, pequen@s monstros.
En todo caso, si puidemos disfrutar do son qâwwali, a música do misticismo musulmano que, ao través da repetición da palabra ("qaul"), procura estimular no ouvinte o contacto directo con Deus ou, para quen non cre, unha forma superior de experiencia estética. O qawwali garda muita relación estética co flamenco. Camarón de la Isla, por exemplo, faría un bon dueto co paquistanés Asif Ali Kanh, mais, como sabedes, o de San Fernando anda actualmente moi ocupado nas alturas con Nusrat Fathe Ali Khan.
Canto a organización do festival: impecábel. Os organizadores (fundamentalmente a Cámara municipal do concello de Sines), son tan detallistas que até preparan un video resume do acontecido cada día no festival para proxectalo entre os concertos programados na seguinte xornada, ademáis de crónicas audiovisuais de pasadas edicións. En varios lugares da vila (Avda. da praia e muros no exterior do propio Castelo), instalánse pantallas xigantes cun estupendo son pra quen quixer poida seguir o que pasa en todo momento no FMM. Para rematala, non falta a edición de material promo do evento, camisolas, chapas... pero sobre todo un estupendo doble cedé con música en formato digipack, con case que todas as musicas dos artistas participantes no evento, que custa tan só dous euros!!!
Para mostra un exemplo. Aquí tedes o video producido pola organización do que aconteceu o 25 de xullo, xornada na que disfrutamos máis intensamente e fomos testemuñas directas os pequenos e pequenas monstros na vila do Alentello, cun resumo audiovisual da crónica que vos vimos de fazer, deste día tan especial. Como curiosidade, o Pequeno monstro sae no video. Fixádevos no tipo da camisola encarnada con franxa branca no medio, que aparece na esquiña superior dereita nos fotogramas que van do minuto 2:27 ao 2:30.
Até aquí a segunda parte da nosa crónica no FMM de Sines 2008. Atentos e atentas á proximas edicións deste monstro-blog, donde continuaremos contándovos máis cousas verbo dunha lembranza inesquecíbel: a edición 2008 do FFM de Sines.