A rede feminista Marcha Mundial das Mulleres realiza cada dous anos os seus encontros internacionais, que reúnen a delegadas dos cinco continentes. Este ano 2008, o xa VII Encontro Internacional, terá como sede a cidade de Vigo e realizarase entre o 14 e o 21 de outubro na Residencia de Encontro e Formación de Panxón.
Esta xuntanza reunirá perto de 150 participantes procedentes das coordenadoras nacionais e do Comité Internacional da Marcha Mundial das Mulleres. Agardan contar coa participación duns 40 países e coa presenza de mozas militantes de cada delegación.
O programa do encontro será o seguinte:
14 ao 21 de Outubro
- Encontro das delegadas na Residencia de Encontro e Formación de Panxón (Nigrán)
- Feira de Soberania Alimentaria.
- Praza da Estrela (Vigo)
- Forum Internacional de Soberania Alimentaria.
- 17hs Centro Cultural Caixa Nova (Vigo).
- Podes inscribirte aquí.
- Construción dun Milladoiro conmemorativo.
- MANIFESTACIÓN. Baixo o lema "Cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo e cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres."
No pasado VI Encontro Internacional que tivo lugar na cidade de Lima (Perú), onde a Coordenadora Galega enviou dúas delegadas, aprobouse o Plano Estratéxico da Rede para os anos 2006-2010. Este plano estratéxico dividiuse en catro bloques para a acción:
- Paz e antimilitarismo
- Ben común e acceso aos recursos
- Violencia contra as mulleres
- Traballo das mulleres
O Encontro que terá lugar en Vigo realizarase no ecuador do Plano Estratéxico elaborado, polo que será momento de facer avaliación das actividades realizadas e das metas acadadas.
Algúns dos obxectivos a acadar nesta xuntanza son:
- Analizar os desafíos para o movemento feminista no contexto actual (crecente militarización do noso planeta, avance do neoliberalismo e dos integrismos e as súas consecuencias).
- Formación política das delegadas sobre cuestións como: ecofeminismo, educación popular e libre comercio.
- Avaliación dos campos de acción do Plan Estratéxico e planificación rexional.
- Definición da acción mundial do 2010.
- Xestión interna e administración do movemento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Comentando das vida ao blog. Adiante!