19 de agosto de 2008

Crónica da viaxe ao FMM de Sines, Portugal. 2ª parte: en Sines.

Como ben saben os monstros, o Festival de Músicas do Mundo de Sines (FMM), por outras referencias neste blog, deu comezo a pasada quinta feira 17 de xullo na vila Alentejana. Nós, chegamos a fermosa vila natal do navegante Vasco da Gama o xoves (quinta) 24 de xullo. Tres días tres, que disfrutamos do linto até o feche da xa décima edición do estupendo festival.

No cartaz dese día, figuraban repartidos entre a Avenida Vasco da Gama (ao carón da praia e de balde) e no propio Castelo (riba da praia e previo pago de 10 euros), seis grupos. Toda vez que estabelecimos a nosa base de operazóns nun dos parques de campismo da pequena vila de Porto Covo, marchamos cara Sines (a 15 m. en carro, pola impresionante costa que vai polo Parque Natural do Sudoseste Alentejano e Costa Vizantina).

Ao chegar a Sines estaban a tocar, no Castelo, o grupo galego Marful. Imaxinádevos que emoción! Subimos até o Castelo e dende as pantallas xigantes instaladas no propio muro, seguimos as evolucións da Ugía Pedreira, a Guadi Galego e compaña.

A crónica que ao día seguinte realizou Rádio Sines, a radio local e oficial do evento, evidenciou que os da Galiza deixaran ben alto o pavillón galaico. O certo é que a música das tabernas galegas, con danzas da américa latina (de Cuba a Argentina) traidas pelos seus emigrantes, o tango que bailaron dous homes no cenario e o ambiente erótico-festivo que comandaba a Ugía (Rádio Sines utilzou o cualificativo "quase pornográfico"), non deixaron indiferente a ningúen.

Mais, non foran a única presenza galega no FMM de Sines. O primeiro día do evento, a quinta feira 17 de xullo, os trasanqueses Serralhe-Aí! & Os Rosais, tocaron de balde no pequeno cenario que desta se habilitou ao carón do Centro de Artes de Sines. Acordeóns, xotas e muiñeiras que seduciron ao público. Nos fomos testemuñas directas, mais así o recollen as crónicas.

O programa do FMM de Sines é inmenso, non só pola cantidade e variedade de propostas que convoca anualmente (segunda quincena de xullo) senón pola inmenso interese que sustitan todas elas. É imposíbel estar en todos os concertos, así que há que elixir. Neste ponto, temos que dicir, para "descargo dos Monstros desplazados até Sines", que como integrantes da Rádio FilispiM, a radio libre e comunitária da Comarca de Trasancos-Ferrol (A Coruña-Galiza), fixemos as xestións oportunas ante a organización do FMM, para facermos con algún pase de prensa, previa autorización da asemblea de Rádio FilispiM. Mais, non tivemos resposta algunha da organización. Esta, debería saber que os medios libres e comunitarios son os que fomentan este tipo de músicas, mesmo festivais, e non outras.

As músicas do mundo en Rádio FilispiM, constitúen un altísimo porcertaxe do seus contidos musicais (horas temáticas Música Mundi) e mesmo son a base dalgún dos programas que emite, coma Africanía. Queremos cambiar o mundo, mais non cambiamos o chip do noso propio mundo e seguimos alimentando a quen non fomenta, precisamente, outros mundos posíbeis. As radio libres e comunitarias tambén existen, semella que noutros mundos lonxanos os da organización do FMM de Sines. En todo caso, nós seguiremos achegándonos até Sines, cubrindo o festival con ou sen acreditación, porque, nos interesa estar donde pasa algo diverso, neste caso no eido musical, que gostamos de amplificar desinteresadamente. Tan só agardamos que en vindeiras edicións, a organización emende este erro e acredite oficialmente a algunha radio libre e comunitaria, co fin de facilitarnos o traballo de difusoras do evento, en igualdade de condicións que os medios privados e públicos.

En calquer caso, un ano máis, @s pequenos monstros deslocados até aló, decidimos que o 25 de xullo, día nacional de Galiza, tiña que ser especial. Ese día mercamos as entradas para poder disfrutar do festival ao vivo no interior do Castelo, incomparábel marco. A máis de 600 km da nosa terra disfrutamos do cartaz daquela xornada: da enormidade vocal de Faiz Ali Faiz (paquistan), a vangarda armada dos KTU (Finlandia), pasando polo rock chinés de Cuin Jian (China) e o punk-rock cigano de Firewater (EUA). Antes, na praia e de balde o intimismo folk británico, case de cámara, de Rachel Unthank e The Winterset. Unha xornada predominantemente tomada polas propostas arriscadas.

A noite no Castelo abriuna Faiz Ali Faiz, sen dúbida quen acaparou maior atención e suceso na noite, un artista tres veces premiado no certame World Music da BBC. Mais, a presenza deste foi anunciada a última hora, coma substitución do grupo que tiña que ter actuado segundo así estaba programado: Asif Ali Khan, discípulo do grande Nusrat Fathe Ali Khan (alcumado "A boca de Deus").

O caso pasaría desapercibido, se non for polos motivos (i)reais da ausencia de Asif Ali Khan en Sines, que poñen en evidencia o actual estado das cousas canto a libre circulacións de seres humáns no mundo. Según anunciu o seu representante: "Asif Ali Khan, não podendo provar a posse de recursos financeiros, que na realidade não tem, o visto de entrada na Europa foi-lhe negado, repetindo-se uma situação que nos últimos anos tem impedido a vinda à Europa de muitos dos melhores artistas dos países mais pobres de África, Ásia e América Latina". Para alucinar, mais así están as cousas, pequen@s monstros.

En todo caso, si puidemos disfrutar do son qâwwali, a música do misticismo musulmano que, ao través da repetición da palabra ("qaul"), procura estimular no ouvinte o contacto directo con Deus ou, para quen non cre, unha forma superior de experiencia estética. O qawwali garda muita relación estética co flamenco. Camarón de la Isla, por exemplo, faría un bon dueto co paquistanés Asif Ali Kanh, mais, como sabedes, o de San Fernando anda actualmente moi ocupado nas alturas con Nusrat Fathe Ali Khan.

Canto a organización do festival: impecábel. Os organizadores (fundamentalmente a Cámara municipal do concello de Sines), son tan detallistas que até preparan un video resume do acontecido cada día no festival para proxectalo entre os concertos programados na seguinte xornada, ademáis de crónicas audiovisuais de pasadas edicións. En varios lugares da vila (Avda. da praia e muros no exterior do propio Castelo), instalánse pantallas xigantes cun estupendo son pra quen quixer poida seguir o que pasa en todo momento no FMM. Para rematala, non falta a edición de material promo do evento, camisolas, chapas... pero sobre todo un estupendo doble cedé con música en formato digipack, con case que todas as musicas dos artistas participantes no evento, que custa tan só dous euros!!!

Para mostra un exemplo. Aquí tedes o video producido pola organización do que aconteceu o 25 de xullo, xornada na que disfrutamos máis intensamente e fomos testemuñas directas os pequenos e pequenas monstros na vila do Alentello, cun resumo audiovisual da crónica que vos vimos de fazer, deste día tan especial. Como curiosidade, o Pequeno monstro sae no video. Fixádevos no tipo da camisola encarnada con franxa branca no medio, que aparece na esquiña superior dereita nos fotogramas que van do minuto 2:27 ao 2:30.



Até aquí a segunda parte da nosa crónica no FMM de Sines 2008. Atentos e atentas á proximas edicións deste monstro-blog, donde continuaremos contándovos máis cousas verbo dunha lembranza inesquecíbel: a edición 2008 do FFM de Sines.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentando das vida ao blog. Adiante!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...