12 de agosto de 2008

Adeus á Noite do Trasno ou até cando os trasnos quixer.

Nos anos 2004, 2005 e 2006, fomos testemuñas do estupendo festival A Noite do Trasno, que argallaba a A.C. Mozos e Mozas de Beluso-Bueu (Pontevedra-Galiza).

O festival, sen ánimo de lucro e con entrada de balde, víñase realizando dende o ano 2002, no espazo natural protexido do Cabo Udra, agás no ano 2006, no que a organización véuse obrigada a traladar o evento de emprazamento, logo da vaga de incendios que asolaron o noso país.

Dende os seus inicios, a cita de meiados de agosto, convirtíase en cita ineludíbel para os trasnos e trasnas do mundo con gañas de troula, de escoitar música dos máis variados estilos, de participar en obradoiros e, claro, de acampar as súas anchas, co único límite do respeito ao marabilloso entorno natural.

Bandas coma Radio Raheem (BCN), Soak (GZ), Alberto Bundi e a Turma Angologalaica (Angola-GZ), Os Diplomáticos (GZ), Skárnio (GZ), Jaleo Real (BCN), Che Sudaka (Arxentina), Wagner Pa (Brasil), Terrakota (Portugal), Matraka Perversa (GZ), La Kinki Beat (BCN), Django FM (Madrid), Guezos (GZ), Mercado Negro (Portugal), Los niños de los ojos rojos (Extremadura), Kogito (GZ), Banda Potemkim (GZ), Os Cempés (GZ), Zënzar (GZ), foron quen de encher de ledicia o palco e dar vida os trasn@s achegados até o Cabo Udra, convocados case relixiosamente á festa.

Hoxe, a poucos días da máxica cita, temos que anunciar unha mala nova. A organización vén de achegar un comunicado que anuncia a suspensión indefinida do festival "A Noite do Trasno", polo que non haberá edición 2008 do evento e a súa continuidade estará en función do resultado das conclusíóns as que cheguén @s organizadores, durante este parón para a reflexión e a análise.

Os propios mozos e mozas, da Asociación Cultural que argallaba esta iniciativa, enumeran no comunicado que transcribimos de seguido, os motivos que os levaron a tomar esta decisión, dentre deles "a crecente profesionalización do evento" :

"A asociación Mozas e Mozos de Beluso quere facer público que neste ano 2008 non organizará o festival A Noite do Trasno, unha cita que dende hai seis anos viña celebrando a segunda fin de semana de agosto no espazo natural de Cabo Udra (Bueu). Tras varios meses de reflexión e debate interno, co colectivo resolveu non levar a cabo o evento, aínda que si continuará co resto de actividades programadas durante o ano."

"Os motivos polos que Mozas e Mozos tomou esta difícil decisión son de diversa índole. Por unha banda, dende a última edición de A Noite do Trasno foron bastantes os membros da asociación que, por motivos profesionais ou por outras cuestións, abandoaron o colectivo ou reduciron o seu grao de implicación, sen que se sumaran novos relevos que cubrisen tan importantes perdas."

"Nos derradeiros anos, a organización sufriu asemade un considerable desgaste derivado das dificultades económicas e dos trámites administrativos para obter os permisos necesarios, se ben é certo que o esforzo deu os seus resultados e na actualidade tanto o Concello de Bueu como distintos departamentos da Xunta amosaron ó seu apoio ó festival. Sen embargo, a crecente profesionalización do evento derivada do afán por mellorar a súa calidade e cubrir as esixencias da administración (prevención de riscos, sistemas de evacuación, limpeza do recinto...) foi “queimando” ós membros da asociación, que se atopan cun grao de responsabilidade que supera o esperado dun colectivo sen ánimo de lucro."

"No aspecto económico, o modelo de financiamento seguido ata o de agora está prácticamente esgotado, pois cada día resulta máis difícil a venda de material de “merchandaising” (camisolas, sudadeiras, etc.). Do mesmo xeito, o fenómeno do ´botellón´ minguou a recadación nas barras dos concertos, unha das principais fontes de ingresos."

"Todas estas cuestións repercuten no desgaste dos membros da asociación, que neste intre precisan un descanso do enorme esforzo que implica a organización de A Noite do Trasno. Este 2008 será un ano de transición tras o que se valorará a posibilidade de retomar o festival ou emprender un novo proxecto."

"Mozas e Mozos quere agradecer os apoios recibidos, sobre todo nos momentos máis duros, de familiares, administracións, colectivos e persoas individuais, en especial da asociación de veciños O Progreso de Beluso."

A.C. Mozos e Mozas de Beluso.
prensa@mozasemozos.org

Pola, parte dos Pequenos e pequenas monstros, non temos máis que parabéns para estes pequenos e pequenas trasnos, que tanta maxia nos transmitiron e desexos que este parón sexa, en todo caso, positivo para a continuidade desta ou doutra iniciativa similar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentando das vida ao blog. Adiante!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...