Amosando publicacións coa etiqueta Divertimento - Tempada 2008/2009. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Divertimento - Tempada 2008/2009. Amosar todas as publicacións

24 de setembro de 2019

Divertimento - Quant e Xosé, de Rádio Clavi, secuestrados por un monstro.

Radio Clavi, emisora comuntaria de Lugo.


(Resubida, 23/04/2009)

Oscar, Miguel e Alberto Amigo, do supergrupo ferrolán Quant, protagonizaron esta edición de Divertimento para pequenos monstros. Ao través dos micros de Rádio Filispim de Ferrol (redifusión para Radio Piratona de Vigo), falaron do seu primeiro disco grande titulado: New adventures in full colour. Unha combinación de amateurismo e sabia estratexia de camello, da que poderás saber máis se procuras no "discurso" dos propios Quant. Pequenas xemas pop, destinadas a ser pinchadas en radios independentes e disfrutadas por pequenos monstros.

Ademáis, no programa contamos con Xosé, integrante da emisora libre de Lugo, Radio Clavi, Un outro elo da comunicación alternativa no país galego, que logo dun parón na súa xa longa andaina, procura a volta ás ondas.

Cara o final do programa recibimos unha chamada telefónica de Cholo.

Emisión: Rádio Filispim, estudio Ateneo Ferrolán.
Data: 23 de abril de 2009.
Conduce e presenta: André Pequeno Monstro.


Bola extra. Video tirado do programa da TVG "Banda Curta", no que os Quant (e outros tipos sospeitosos como Roger de Flor) forman parte dun especial adicado ao Pop que se está a producir na comarca de Ferrol.

22 de setembro de 2019

Divertimento - Post VI Conspiratorio por unha radio libre.

Troco Ferrol na Feira de Colectivos (VI Conspirando) 

(Resubida, 16/04/2009)

Post-conspirar.
Verbo intransitivo.
Acción filispina de reflexión logo de activar disidencia en peridodo sospeitosamente santo e ferrolano unha vez ao ano.

Ista podería ser unha definición do que fixemos nesta edición do Divertimento para pequenos monstros. Amplificamos as reflexións e voces dalgunha das organizacións participantes na II Feira de Colectivos na Praza do Inferniño de Ferrol, dentro da VI edición do Conspirando por unha Rádio Libre, celebrado o 9 de abril de 2009:
  • Rafael Pillado (Comité de Emerxencia Ría Ferrol e Fuco Buxán).
  • Enrique Barrera (Fuco Buxán).
  • Xoan López (Comité de Emerxencia Ría Ferrol).
  • Alexandre Carrodeguas (Comité de Emerxencia Ría Ferrol).
  • Nes (ADEGA).
  • Juan Antonio Vázquez & Araceli Tzigane (Mapamundi e Tragasóns)*
  • Xabier Porto (Unión Libertaria).
  • Rebeca (Fundaçom Artábria).
  • Solidariedade Internacional Galiza.
  • Iago (BRIGA).
  • Cristina (Ateneo Ferrolán).
Ademáis, falamos da II Semana da Poesía Salvaxe e botamos unhas pezas.

(*) Grazas a Miguel Castro Serantes pola colaboración nas entrevistas a Mapamundi e Tragasóns.

Emisión: Rádio FilispiM (estudio "Metro Cadrado", Ateneo).
Data: 16/04/2009
Conduce e presenta: André Pequeno Monstro.

16 de setembro de 2019

Divertimento - Un repaso ao movimento libertario en Ferrol, ás portas do 1º de Maio



(Resubida, 30/04/2009)

Recuperamos esta edición de Divertimento para pequenos monstros onde, ás portas do 1º de Maio, conversamos con Xabier Porto, integrante da CNT e do Espazo Libertario de Ferrol, nun repaso ao movimento libertario na nosa cidade, que vai desde a emisión do programa en 2009, pasando pola súa historia máis recente (Ateneo Libertario Francisco Iturralde, Unión Libertaria) até a Escola Racionalista Ferrolá, nos anos 30.

Emisión: Rádio FilispiM, Ferrol. Estudio: Caranza. Data: 30/04/2009
Conduce e presenta: André Pequeno Monstro.

5 de febreiro de 2019

DIVERTIMENTO - ALÉN DE ANCOS, en conversa - 6/11/2008

Alén de Ancos, nunha sesión de Vermú de Radio FilispiM (xuño, 2012)

(Resubidas, 6/11/2008)

Nesta edición de Divertimento para pequenos monstros tivemos no estudio a Alex e Rubén, que xunto a Pablo e Aitor, integran o grupo folc local Alén de Ancos. Presentáronse ámbolos dous no estudio cun cedé baixo o brazo con tres pezas, que viñan de gravar o día anterior, e que serviron para anunciar a inminente V Sesión Vermú de Rádio Filispim, que o propio grupo se encargaría de animar musicalmente. As Sesións Vermú da Filispim, sirven para apresentar e despedir as grellas radiofónicas.

Durante o programa chamóunos un ouvinte, Vicente, quen levou de agasallo unha camisol da radio libre e comunitaria de Ferrol.

Estudio: Rádio Filispim, Ateneo Ferrolán
Conduce: André, Pequeno Monstro.

30 de xaneiro de 2019

Divertimento - Entrevista a Roger de Flor, presentando Naturalidad Silvestre - 18/12/2008

Roger de Flor e Alberto Alonso, na gravación dun video clip.


(Resubida, 18/12/2008)

Nesta edición de Divertimento para pequenos monstros, contamos coa presenza no estudio de Rádio Filispim, no Ateneo Ferrolán, de Rogelio Arias, máis coñecido por estas terras como Roger de Flor. Roge, vén de publicar o seu segundo disco Naturalidad Silvestre, como referencia nº 1 do novo selo Felipop Discos, ligado ao famoso festival de Limodre (Fene).

No disco colaboran un nutrido grupo de músicos e amig@s da comarca: Fran Rey (piano), Cabe García (guitarra), Luís Cuba (baixo), Álvaro Lamas (steal guitar), Serguei Izmailov (batería)...

Ademáis, para a súa promoción, conta coa colaboración doutro fenés, Carlos Alberto Alonso, quen dirixe o video clip de "Cuanto hai que aguantar". No 2006 xa producira "Una desconocida máis", peza tirada da primeira maqueta, Canciones de Amor y Retranca (2006).

O novo disco do fenés, será presentado o venres 26 de nadal no salón de actos do Ateneo Ferrolán, R/ Magdalena, 202, antes podes ouvir aquí algunhas das pezas en excluviva mundial...

Nota: no min. 23:00 do programa intervén por teléfono o noso compañeiro, tristemente desaparecido anos despois, Diego Barcia (Guayo).

Conduce: André, Pequeno Monstro.
Estudio: Rádio Filispim, Ateneo Ferrolán.

22 de xaneiro de 2019

Divertimento - Todo el Largo Verano (Alberto Amigo) + Mani CIG Ferrol - 13/11/2008

Todo el Largo Verano (2008)
(13/11/2008, resubida)   

Todo el Largo Verano estiveron o xoves 13 de novembro de 2008 en Divertimento para pequenos monstros, na Rádio FilispiM, un dos proxectos musicais nos que anda embarcado Alberto Amigo, guitarra e letrista desta formación local.

Fer, Rubén, Carolina e outros elaboran e gravan as súas pezas no salón da casa de Alberto. Guitarras, batería, teclados, ukeles e outros artefactos, son pulsados por estes activistas do pop ferrolán. Algúns deles, ademáis de ser parte doutras bandas (Quant), son as almas desa impulsora de artistas ferrolterráqueos coñecida como La Fonográfica General, que vén de cumprir tres anos de existenza..

*
Para completar o programa na súa faceta social, cubrimos a manifestacion que o sindicato galego CIG realizaba en Ferrol "en defensa dos intereses da clase traballadora galega, que a crise a pague o capital". Nesta ocasión contamos con Lupe Ces como correspondente, dende a propia manifestación.

Estudio: Rádio Filispim, Ateneo Ferrolán.
Conduce: André, Pequeno Monstro.
Audios (2): Programa completo / Corte Lupe Ces.

20 de xaneiro de 2019

Divertimento - Entrevista a Alexandre Carrodeguas da Rede Galiza Non Se Vende (12/02/2009)

Mobilización da Rede Galiza Non se Vende (Compostela)
(12/02/2009, resubida)

Nesta edición de Divertimento para pequenos monstros contamos con Alexandre Carrodeguas, integrante da Rede Galiza non se vende e do Comité de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

A Rede Galiza non se Vende nace en  novembro de 2007 como iniciativa de máis de sesenta colectivos ecoloxistas, sociais e da veciñanza do país galego.

"Desamparados, desprotexidos, defraudados", estes foron os sentimentos dos impulsores da Rede aos dous anos de goberno do bipartito PSdG-BNG, ao que acusaron de defender un "modelo enerxético depredador, en contra dos intereses dos cidadáns".

Case un ano despois da primeira grande mobilización da Rede (17/02/2008), voven os cidadáns a estar convocados para o domingo 15 de febreiro de 2009, en plena precampaña das autonómicas do país galego.

Rádio FilispiM, a radio libre e comunitaria dende Ferrol (Galiza), deu conta da masiva asistencia a aquela primeria convocatoria a que acudiron maís de 10.000 persoas.

**
Alexandre Carrodeguas, como integrante do Comité de Emerxencia para a Ría de Ferrol, ademais nos falou do contencioso da cidadanía ferrolá cos poderes e intereses que manteñen activa a pranta de Gas de Reganosa na Ría de Ferrol, a 900 metros de una base militar naval e pouco máis de 1000 metros dun nucleo de máis de 100.000 habitantes, pese a existir un novo porto exterior na ría.

Por si todo isto for pouco convincente, a entrada da Ría de Ferrol é tan fermosa como estreita, o que só permite a entrada dos gaseiros na pleamar de día e coa axuda de remolcadores. No suposto de que houber un accidente, un gaseiro non podería sair da ría polos seus propios medios, e de atoparse coa baixamar tería que ficar no meio dela. Por certo, a pleamar diurna únicamente deixa unha hora escasa ao día para saír e sempre coa axuda dos remolcadores.

Pese a todo, os sucesivos gobernos da Xunta de Galiza (PP e PSOE/BNG), a cualifican coma de "estratéxica para Galicia". O certo é que tras desta desafortunada e caprichosa ubicación  atópanse elementos de conveniencia empresarial que engaden a este asunto unha banda sonora de fétidas melodías.

Neste enlace atoparás audios producidos pola Rádio FilispiM da manifestación contra a Reganosa organizada polo Comité de Emerxencia o 8 de xuño de 2008.

**
No transcorrer deste programa intervén vía telefónica Xabi Porto do Espazo Libertario de Ferrol.

Estudio: Rádio Filispim, Ateneo Ferrolán.
Conduce: André, Pequeno Monstro.
Audios (3): Corte1 / Corte2 / Programa completo.

4 de xaneiro de 2019

Divertimento - Festival Mundial da Rabia, Chiapas - Concerto CSO As Atochas, Coruña - XIV Festival Treme a Terra, Pontedeume - 08/01/2009


(08/01/2009 - resubida)


Primeira edición de 2009 de Divertimento para pequenos monstros, en Rádio FilispM.

Contidos:

  •  A traxedia do pobo palestiniano.
  •  De sementes e colleitas, mensaxe do subcomandante insurxente Marcos.
  •  Primeiro festival da Digna Raiba en Chiapas (México), coa presenza de Pallasos sin Fronteras (Iván Prado).
  • O Hip-Hop comprometido dos G-Town dende Jerusalén (Palestina).
  • XIV Festival Treme a Terra de Pontedeume (A Coruña).
  • Concerto en apoio ao centro social laboratorio okupado "As Atochas", Monte-Alto (A Coruña).

Selección musical, comentarios e realización: André, Pequeno Monstro.
Estudio: Rádio Filispim, Ateneo Ferrolán.

21 de decembro de 2018

Divertimento - Homenaxe a María Manuela, cantante e pintora ferrolá - 11/12/2008


(11/12/2008 - resubida)

Neste programa contamos coa presentaza no estudio de María Manuela e de María Luisa Sabio, unha das organizadoras da gala homenaxe ("Habemos de Ir") á cantante e pintora ferrolá, veciña de Caranza, que tivo lugar o xoves 4 de decembro de 2008 no Teatro Jofre de Ferrol.

Para finalizar, secuestramos a dúas persoas que pasaban polo Ateneo Ferrolán: Pablo e Reyes, con quen falamos distendidamente.

Conduce e presenta: André Pequeno Monstro.
Estudio: Rádio FilispiM, Ateneo Ferrolán.

Audio:
- Corte 1: conversa con María Manuela e María Luisa Sabio.
- Corte 2: programa completo

20 de agosto de 2018

Divertimento - Rádio Krime, unha nova fenda libre no dial da Coruña - 30/12/2008

(30/12/2008 - resubida)

Na última edición no 2008 de Divertimento para pequenos monstros en Rádio FilispiM, despedimos o ano comentando a actualidade das radios libres e comunitarias no mundo, Estado español... e en Monte Alto, Coruña.

 - O proxecto de normativa de radiodifusión elaborada polo Goberno Canario non contempla a concesión de frecuencias a radios que non sexan privadas e con ánimo de lucro, polo que as radios comunitarias fican fóra da convocatoria unha vez máis pese as recomendacións de AMARC (Asociación Mundial de Radios Libres e Comunitarias) y da propia Unión Europea quen na súa resolución do 25 de setembro de 2008 pedía o "recoñecemento legal aos medios de comunicación comunitarios (terceiro sector) como grupo definido, ao igual que se recoñece aos medios comerciais e públicos. A realidade en pleno século XXI no estado español deixa en evidencia o control do espectro radioeléctrico por parte de intereses privados e de control político.

- Ademáis, nos fixemos eco do primeiro Foro de Radios, inscrito dentro do Foro Social Mundial que se celebrará en Belém do Pará (Brasil) entre o 27 de xaneiro e un de febreiro de 2009. O primeiro Foro de Radios será un espazo de articulación que integrará o traballo de radios comunitarias, libres, cidadás, independentes, alternativas e populares, redes e colectivos radiais, conformando un proxecto de intercambio na produzón de información libre en diversos formatos, ao través do uso estratéxico das novas tecnoloxías. O Foro de Radios, instalará os seus estudios no corazón do FSM 2009, dende donde realizará unha cobertura internacional en vivo cunha programación multilingüe compartillada, que se transmitirá ao través de internet (streaming). Os arquivos de audio da cobertura en vivo e as produzóns
radiais (reportaxes e entrevista) estarán ao dispór en: www.foroderadios.org

- Por último, comunicación teléfonica con Lautaro, membro do Centro Social Okupado As Atochas, no bairro de Monte Alto en A Coruña. Este "laboratorio social" cumprirá un ano, de incesante actividade, no mes de marzo de 2009. A súa experiencia de artellamento dun espazo donde desenvolver actividades de xeito autoxestionado e libre se une as éivas dunha okupación estudada canto ao valor especulativo do recinto elixido para acoller todo ilo. Dentre os colectivos que se teñen xestado na propia casa esta a xente de Rádio Krime, que andan a pór os alicerces precisos para okupar e dignificar as ondas coruñesas, como proxecto de comunicación libre, pese aos administradores do espectro radioeléctrico e os monaguillos de turno. 

Aquí tedes o programa en dous audios:
1 - Corte da conversa con Radio Krime de Coruña.
2 - Audio completo do programa.
Conduce e presenta: André Pequeno Monstro. Estudio: Rádio Filispim, Ateneo Ferrolán.

Imaxes tiradas por integrantes da asemblea do CS As Atochas, durante o taller de radio impartido por Rádio Kalimera (Compostela).

14 de agosto de 2018

Divertimento - Noelia, fai balanzo do VII Encontro Internacional da MMM en Vigo - 6/11/2008


(6/11/2008 - resubida)

Noelía, da Marcha Mundial das Mulleres en Ferrol, visitou o Divertimento para pequenos monstros, para facer balanzo do VII Encontro Internacional da MMM, primeiro dos encontros que se celebraba en Europa, e que, nada máis e nada menos, tería a cidade de Vigo (Galiza) como anfitriona. Un ano de traballo ilusionante, que finalmente se materializou na cidade olívica entre o 14 e 21 de outubro de 2008. Noelia, falóunos daquel tremendo traballo organizativo, da soberanía alimentaria e de moitas cousas máis...

Conduce e presenta: André, Pequeno Monstro.
Estudio: Rádio Filispim, Ateneo Ferrolán.
Data emisión: 6/11/2008
+ info do VII Encontro: enlace

6 de xuño de 2018

Divertimento - O ciclón Klaus apagou Galiza + CNT Vs SGAE - 29/01/2009

O ciclón Klaus entrando en Galiza

(29/01/2009 - resubida)

Cicloxénese explosiva, así chamou o persoal técnico en meteoroloxía ao acontecido na tarde noite do 23 ao 24 de xaneiro de 2009 en Ferrolterra, e noutros pontos do Estado. Podes saber maís dela neste enlace: explosivo.

As condicións metereolóxicas as veces son ingobernábeis, mais o problema ben cando seis días despois do paso do ciclón, perto de 7.000 familias galegas continuaron a escuras no norde das provincias de A Coruña e Lugo, na Galiza. Seis días sen luz... A veciñanza cando escoita falar de Unión Fenosa, acéndense... valga o paradoxo.

A eléctrica que abastece estes lugares comeza a gañarse o apelativo de Unión Penosa. "Chamas e minten", asegura moi enfadada unha veciña de Valdoviño, "...o luns dixeron que en poucas horas teriamos luz. O martes o mesmo... pasaron tres días e nada". Ademáis non hai traída de auga nalgúns lugares de Valdoviño, ficando sen subministro, xa que dependen de pozos que funcionan con bombas eléctricas.

Unha conexión cunha veciña de Valdoviño (A Coruña) e unha entrevista a Eliseo Fernandez da CNT - Ferrol, verbo do litixio do sindicato anarquista coa SGAE, completan o programa. Durante a comunicación con Valdoviño, contamos coa visita no estudio de Miguel Castro e Iago Montes, do programa "O Recuncho".

Conduce a apresenta: André, Pequeno Monstro. Estudio: Rádio Filispim, Ateneo Ferrolán.
Audios (3): 1. Programa completo + 2. Cicloxénese en Valdoviño  + 3. Eliseo Fernández CNT-Ferrol.

12 de marzo de 2018

Divertimento - I Foro Social Galego + II Xornadas Sensibilización social VIH, LAZOS - 27/11/2008

Carlos Varela, LAZOS

(27/11/2008 - resubida)

 Divertimento para pequenos monstros, edición do 27 de novembro de 2008.

Neste programa tivemos un convidado especial, Javier Malespina, que acababa de aterrar en Rádio FilispiM.

Contidos:
  •  Falamos con Lupe Ces sobre o I Foro Social Galego, que se celebraría no Ateneo Ferrolán
  •  Mantivemos conversa telefónica con Carlos Varela, integrante do Colectivo LAZOS, que xunto á Escola de Enfermería de Ferrol, naquela altura organizaban as II Xornadas de Sensibilización do VIH-SIDA.

Conduce: André, Pequeno Monstro.
Transmite: Rádio FilispiM, dende o estudio "metro cadrado" do Ateneo Ferrolán.

23 de marzo de 2016

Divertimento - A historia do Conspirando por unha radio libre, da I á VI edición - 26/03/2009

Imaxe do VI Conspirando, 9/4/2009. Praza Inferniño, Ferrol
(26/03/09 - resubida) A piques de celebrar a VIII edición do Conspirando (xoves 24/03/2016), recuperamos esta gravación de Divertimento para pequenos monstros dende o estudo "metro cadrado" do Ateneo Ferrolán, na que faciamos un repaso das edicións do festival Conspirando por unha radio libre que se realizaran dende o ano 2004 até o 2009, ou o que é o mesmo: dende a primeira até a sexta edición.

A historia do Conspirando por unha Radio Libre.VICONSPIRANDO_09-04-2009055

Na última edición de Divertimento, co gallo da inminencia da particular penitencia ferrolá, fazemos un resumo a vista de paxaro de todas e cada unha das edicións do Conspirando por unha radio libre, lembrando os grupos que participaron, o lugar onde se celebraron e as datas.

O vindeiro xoves (insano) 9 de abril de 2009 volvemos conspirar, nun festival que cada ano medra en interés e alternativa na semana onde puidera parecer que tod@s os ferrolás comungan con rodas de múiño. Mais non. Este ano, ademáis da II edición da Feira de Colectivos, haberá chourizada e remataremos de conspirar coas actuacións de tres grupazos: Sacha na Horta (Compostela), Roger de Flor (Fene) e Retobato (Ferrol).

A idea do Conspirando nace da necesidade de darlle publicidade á creación dunha radio libre e comunitaria en Ferrol (Trasancos) e conquerir cartos para a merca dos equipamentos técnicos, sen axudas externas que condicionaran a nosa independencia coma medio (nen cartos das institucións, nen cartos de empresas). Coa entrada ao Conspirando de 3€ púñase a venda diverso material editado polo colectivo: camisolas, chapas, autocolantes, cedés compilatorios de grupos locais... Xa no 2008 o festival crece en organización e infraestrutura é pasa a ser de balde e ao ar libre, baixo unha inmensa carpa na Praza do Inferniño de Ferrol  (o Inferno).

Unha anédota do festival é que entre as propostas para darlle nome estivo "Contaminando por unha radio libre", mais a asemblea decidiuse pola variante "Conspirando", xa que cadraba mellor canto as nosas intencións, "conspirar". Outra das anédotas, a segunda edición estivo a piques de celebrarse fóra de xoves "insano". Así, prevista para o 25 de xuño de 2004 (logo do éxito da primeira edición) dias antes do festival cando xa estaba todo preparado, @s integrantes do Colectivo Opaii! se atopan cunha chea de cartazes de cor fosforita pegados por todo Ferrol que anuncian unha "festa universitaria" o mesmo día, hora e no mesmo sitio que tiñan previsto para o II Conspirando, a West Saloon. Logo dun mosqueo monumental cos (i)rresponsábeis da sá da Estación de Ferrocarril de Ferrol, tiveron que pospoñer o evento. Aquela noite ficou alcumada para a historia filispiniana como "A noite dos cartazes fosforitos". Finalmente, a segunda edición se celebraría na Fundaçom Artábria.

Esta é a cronoloxía do Conspirando, dende a súa creación no 2004, cando a Rádio FilispiM tan só emitía nos nosos maxíns, até o ano no que se realiza este especial Divertimento, 2009:


Cronoloxía do Conspirando por unha radio libre do Colectivo Opaíí! - Rádio FilispiM

8 de abril de 2004: I Conspirando por unha radio libre – Estación Ferrocarril (Ferrol). Músicos: Miguel Alonso, Window Pane, Funky Brewster, Loom, Oscar Fernandez Sanjurjo, IV Guerra Mundial.

26 de marzo de 2005: II Conspirando por unha radio libre – Fundaçom Artábria (Esteiro-Ferrol). Músicos: Vladi, Misquious, Kobe.

13 de abril de 2006: III Conspirando por unha radio libre – Local Social de San Carlos (Esteiro-Ferrol), Músicos: Strutter, IV Guerra Mundial, Sociedade Protectora del Hombre Mono (Cristobal Veiga + Rogelio Arias) coa colaboración de Boy Elliot, Os tres Trebóns e o Vendaval do Roxal (A Corunha).

5 de abril de 2007: IV Conspirando por unha radio libre – DZINE (San Sadurniño). Músicos: La Sentina, Os Chiquilicuatres (Ribeira), ex Lamatumbás (hoxe O Sonoro Maxín, Ourense).

20 de marzo de 2008: V Conspirando por unha radio libre (Praza do Inferniño-Ferrol, baixo carpa). Müsicos: Dakidarría (Nigrán), The Sweat, Ta´Crack, 1º Feira de Colectivos.

9 de abril de 2009: VI Conspirando por unha radio libre (Praza do Inferniño-Ferrol, baixo carpa). Músicos: Retobato (Trasancos), Roge de Flor (Trasancos), Sacha na Horta (Compostela), 2º Feira de Colectivos.

---
Nun futuro Divertimento faremos un repaso polas seguintes edicións do Conspirando retomadas, (tras un parón de cinco anos) no ano 2015, cadrando co 10 aniversario de Rádio FilispiM, pasando a celebrarse nunha coñecida sá de concertos de Ferrol sen perder o seu obxectivo orixinal: acadar autofinanciamento de Rádio FilispiM e ser unha alternativa máis de ocio á SS ferrolana.

Documentación e condución: Pequeno Monstro.
Sintonizamos (emisión: 26/03/2009).

19 de febreiro de 2016

Divertimento - In memoriam Diego Barcia - 16/10/2008

Diego Barcia en Rádio FilispiM (arquivo)

(16/10/2008 - resubida) Rescatamos do arquivo esta moi especial edición de Divertimento para pequenos monstros, dende o estudio "metro cadrado" do Ateneo Ferrolán. Durante case unha hora tivemos coma convidado a Diego Barcia. Como aconteceu con moitas das persoas que integraron, ou seguen a ser parte do Colectivo Opaii!-Rádio FilispiM, oferecimos o noso espazo a Diego para que se familiarizara co medio que pronto acolleria a súa proposta, "Discontinuidade", un programa que se emitiría naquela grella, 2008/2009, na Rádio FilispiM, libre e comunitaria de Ferrol.

O programa transcorreu na liña habitual de Divertimento, desenfadado e con moito humor; conversamos con Diego da súa vida, das súas aficcións e, como non, poñéndoo a tripular a nave filispiniana, para que se fixera cos mandos técnicos. "Discontinuidade" sería o nome do seu espazo na FilispiM, aínda que, coma Diego decía "o título do programa irá cambiando de nome cada pouco tempo"...  Diego era un tipo xenial, imaxinativo, sensible, que escribía moi ben, como pode apreciarse no blog da súa autoria, "Hablar Alto", unha especie de cuaderno de bitácora que recolleu as súas reflexións entre febreiro de 2012 e xaneiro de 2013. Nas últimas entradas dese blog escribe dende Berlín; a partir de aí, silencio...

Diego Barcia naceu en Uruguay. En 1984, aos sete anos, trasladóuse a Fene coa súa familia; finalmente asentouse no ferrolán bairro do Inferniño. Pai dunha nena, participaba da vida social, de colectivos coma Masa Crítica ou mesmo Opaii!-Rádio FilispiM. Como calquer mozo da súa idade buscábase a vida traballando en mil oficios, mais a lamentábel situación laboral da comarca obrigóuno a partir. Un día, no final do vrao de 2012, comentou a súa familia que marchaba á vendima en Franza. En novembro de 2012 as crónicas, que el mesmo relata no seu blog, o sitúan en Berlín. O que aconteceu na súa vida nos seguintes seis meses, entre decembro de 2012 e xuño de 2013, é dunha maldita incerteza. Estoutro blog, na súa memoria, conta o que pudo acontecelle en xuño de 2013...

Diego Barcia, unha boa persoa, imaxinativa, inesquecíbel, que deixou fonda pegada entre quen o coñeceu, un anónimo más na súa grandeza, ao que seguimos a agardar aparecerse coa súa bicicleta para nos contar as súas cousas a súa maneira.

O pequeno monstro, 19/02/2016

Conduce: Pequeno Monstro (16/10/2008 - arquivo)

16 de febreiro de 2016

Divertimento - Pedro Ferrández e Marcos Lorenzo aterran en Divertimento - 03/12/2008

Pedro Ferrandez dando un discurso en Rádio FilispiM

(03/12/2008 - resubida) Edición de Divertimento para pequenos monstros dende o estudio "metro cadrado" no Ateneo Ferrolán, na que un tal Pedro Ferrández acada o seu sono de contactar coa radio libre de Ferrol, Rádio FilispiM e apresentar unha proposta de programa incitado polo seu amigo Marcos Lorenzo, Asesor Cultural na etapa do bipartito en Ferrol. Aquela proposta materializariase semanas despois en "Aquilo que vibra", co visto e prace da Asemblea filispiniana, porque Pedro o valía.

Para tomar contacto co medio, familiarizarse e lanzarse ao baleiro das ondas hertzianas, Pedro Ferrández acudiu a aquila edición de Divertimento, até capitaneou os mandos técnicos e superviviu ao intento... e nós, tamén. Falaron de todo un pouco, das cousas de cada quen. Pedro veu con música dun grupo de rock progresivo, Soft Machine, e Marcos fixo balanzo da súa etapa coma Asesor Cultural en Ferrol...

Bo humor durante o programa e batismo filispiniano para Pedro, un outro Apóstolo filispiniano. 

Conduce: Pequeno Monstro.


PD. Pedro deixa xa o Diario de Ferrol e volve para FilispiM, querémoste máis e non imos censurarte nada.

14 de febreiro de 2016

Divertimento - Especial pre-VI Conspirando por unha radio libre - 02/04/2009

VI Conspirando, praza do Inferniño (Ferrol)
(02/04/2009 - resubida) Divertimento para pequenos monstros, especial pre-VI Conspirando por unha radio libre. Una semana antes do festival da radio libre de Ferrol, realizamos un especial con entrevistas a algúns dos grupos musicais participantes e intervencións de integrantes do Colectivo Opaii! que andaban na organización, Iago Montes e Miguel Castro.

No estudio "metro cadrado" do Ateneo, estiveron Pablo da banda de punk-rock local Retobato e Rogelio Arias (Roger de Flor), que xunto ás Sacha na Horta completaría cartaz daquela edición do xoves "santo", 8 de abril de 2009.

Unha sexta edición do Conspirando moi especial xa que, por vez primeira, o Colectivo Opaii! realizaba o festival ao ár libre, na Praza do Inferniño baixo unha grande carpa. Por outra banda, organizou una Feira de Colectivos á que acudiron 15 organizacións da comarca cos seus respeitivos postos informativos.

Sintonizamos...
Conduce; Pequeno Monstro.

8 de febreiro de 2016

Divertimento - Especial novidades grella 2008/2009 - 02/10/2008

Estudio `metro cadrado´da Rádio FilispiM no Ateneo.

(02/10/2008, resubida) Divertimento para pequenos monstros, primeira edición da grella 2008/2009. Unha fotografia sonora daquel curso radiofónico da FilispiM, dende o estudo `metro cadrado´ no Ateneo Ferrolán.

Información sobre programas e algunha conexión telefónica cos protagonistas da daquel pasado curso radiofónico: programas de produción allea coma o mítico `Crestas e Imperdíbles´conducido por Medi, de Radio Piratona, ou mesmo conversa con Miguel Castro, un dos impulsores de O Recuncho, programa da Asociación Cultural Fuco Buxán, que naquela tempo (outubro 2008) comezaba a andar e que, co tempo, acadaría a emisión de máis de douscentos espazos, consolidándose coma un dos programas de produción propia máis veteranos da FilispiM.

Outros espazos de produzón propia e allea completaban a programación, coma Spanglish (Fátima e Dimitri), Radio Insurgente (EZLN), Mundofonías (Araceli e Juan)... ou Divertimento.

Introducímonos na monstrosa máquina do tempo e sintonizamos...

Conduce: Pequeno Monstro.

5 de xaneiro de 2016

Divertimento - SGHN + Fundación Vía Galego - 05/02/2009



(05/02/2009) -resubida- A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén realizando desde os primeiros anos da década dos setenta os Censos de Aves Acuáticas invernantes, Censos de Aves petroleadas así como o anillamento científico de aves. Ademáis, participou directamente na elaboración do "Atlas de Vertebrados de Galicia", que hoxe en día é unha obra de consulta obrigada para calquera estudioso da natureza.

A SGHN forma parte da Coordinadora para a ou Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA) e da Sociedade Española de Cetáceos (SEC), cun grupo de traballo creado especialmente para a atención daqueles animais vivos que poidan varar nas nosas costas, seguimento de avistamento de cetáceos na comarca e necropsias dous cadáveres atopados, retirando mostras para o seu posterior estudo no Centro de investigacións Mariñas de Vigo.

Por outra banda, a "Sociedade" colabora con CEPESMA (Coordinadora para o Estudo e Protección das Especies Mariñas) de Luarca (Asturias), coa que comparte materiais e coñecementos.

Desde o comezo das súas actividades recollen e cuidan animais salvaxes feridos, ao non existir entidade pública oficial con este fin. Agora, se colabora no mesmo fin co Centro de recuperación de Fauna Salvaxe da Xunta de Galicia en Oleiros, organizando o envío de animais feridos aparecidos na comarca e conservando os restos de animais non recuperados para futuros estudos, que pasan a formar parte dos fondos do museo.

A delegación de Ferrol da SGHN posúe no seu local un museo que comezou sendo unha pequena exposición sobre a riqueza natural de Galicia. Hoxe, grazas ao esforzo altruísta de moitos socios e socias, podemos consideralo un Museo único en todo o País galego. Os medios e as axudas cos que conta para realizar o seu labor son escasos e os recursos limitados, mais, a pesar destas dificultades, o traballo que se está a realizar non é pouco.

O Museo comezou a con unhas pequenas coleccións de insectos, crustáceos, cranios de aves, etc., coleccións que foron aumentando para deixar de ser pequenas, e xunto a elas comezaron a aparecer as primeiras montaxes de esqueletes de mamíferos mariños (golfiños, toniñas...) e os primeiros fósiles. Hoxendía o Museo da Natureza da SGHN de Ferrol conta cunha ampla diversidade de pezas. Grande parte do material exposto foi recollido na Comunidade galega, complementado cos restos e traballos doutras zonas da península.

No ano 1984, coa cesión dun local por parte do Concello de Ferrol (antigo Hospicio en Amboage), decidiuse darlle carácter público aos numerosos libros propiedade da "Sociedade", creándose a biblioteca pública da SGHN. Esta comezou a crecer con subvencións e doazóns de libros de contido especializado e hoxe en día acadou un bon número de exemplares. Así, desde o ano 1.999 a Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol ten subscrito un convenio co Concello para manter aberto o Museo e a biblioteca así como a difusión da nosa natureza e os seus valores ás xentes de Ferrol.

No ano da gravación deste programa, 2009, este museo demandaba un espazo acondicionado e digno no que poder expor todos os fondos, xa que estado do local cedido polo Concello era de ruina total... A solución semellaba pasar pola restauración ou traslado a "Casa del Coronel" (parcela do antigo cuartel Sanchez Aguilera en Canido), un espazo de uso militar desafectado.

Aproveitando a celebración o xoves 5 de febreiro de 2009 dunhas Xornadas do Medio Mariño organizadas pola SGHN no Ateneo FerrolánJuan Ignacio Díaz da Silva, histórico integrante da "Sociedade", estivo a falar en Divertimento para pequenos monstros de todo esto...

Este Divertimento para pequenos monstros (05/02/2009) remata cunha entrevista telefónica a Iria Taibo da Fundación Vía Galego, quen tenta que os medios de comunicación audiovisuais portugueses podan ser sintonizados en Galiza, como unha oferta máis normalizada...

Conduce a apresenta: Pequeno Monstro.

9 de xuño de 2010

Crónicas de Pallasos en Rebeldía dende Palestina, Iván Prado (abril/maio 2009)

Entre o 21 de abril e o 5 de maio de 2009 recibimos no e-mail de Radio FilispiM, unhas emocionantes crónicas que ían relatando, pinga a pinga, a viaxe do colectivo Pallasos en Rebeldía pola Palestina.

Pallasos en Rebeldía é un espazo do teatro galego vencellado ao Festiclown, que traballa na cooperación internacional a través do riso e que daquela viñan de levar por segunda vez o espírito da risa e do clown a Palestina.


Iván Prado e Isaac Rodríguez Miranda foron quen de fazer realidade esta nova viaxe de fraternidade humana a través do riso tamén cun outro obxectivo igualmente importante: dar apoio ao pobo palestino e denunciar, máis unha vez, a continua e reiterada opresión que sofre por parte de Israel.

Pallasos en Rebeldía, creouse en Chiapas no ano 2004 durante unha visita ás fervenzas do río Bascán no contexto da II Caravana de Pallasos aos Municipios Autónomos de Chiapas Tes máis info en: www.pallasosenrebeldia.org.

Volvendo as emocionantes crónicas do colectivo Pallasos en Rebeldía dende Palestina, os Pequenos Monstros sentimos a necesidade de fazer algo, e non soupemos máis que pórlle voz e adaptalas para a radio, compiladas en dous programas especiais gravados especialmente para Rádio FilispiM, a radio libre e comunitaria de Ferrol [GZ]. Ademáis editamolas en nove audios, correspondentes ás nove crónicas, para que o seu uso fór máis simples. 

Subliñar que o material elaborado non ten ningún ánimo de lucro e está ao dispór de todas as radios asociativas, comunitarias, libres que o desexen difundir. Non é un material oficial do Colectivo Pallasos en Rebeldía, senón unha iniciativa persoal de André "Pequeno Monstro", integrante de Rádio Filispim, libre e comunitaria de Trasancos que emite dende Ferrol.

Ficades xa coa ADAPTACIÓN RADIÓFONICA DAS CRÓNICAS DE IVÁN PRADO que fixemos en Divertimento para pequenos monstros, non sen antes lembrar, que o colectivo galego Pallasos en Rebeldía segue a organizar actividades en apoio ao pobo palestiniano, quen continúa a ser machacado sen tregua, coa complicidade dos países máis poderosos do mundo e coa nosa... se ficamos en silencio.

Pallasos en Rebeldia dende Palestina.
Cap. 1 [Adaptación radiofónica do Pequeno Monstro-Rádio FilispiM].



Pallasos en Rebeldia dende Palestina.

Cap. 2  [Adaptación radiofónica do Pequeno Monstro-Rádio FilispiM].



Pallasos en Rebeldia dende Palestina.
Cap. 3  [Adaptación radiofónica do Pequeno Monstro-Rádio FilispiM].



Pallasos en Rebeldia dende Palestina.
Cap. 4  [Adaptación radiofónica do Pequeno Monstro-Rádio FilispiM].



Pallasos en Rebeldia dende Palestina.
Cap. 5  [Adaptación radiofónica do Pequeno Monstro-Rádio FilispiM].



Pallasos en Rebeldia dende Palestina.
Cap. 6  [Adaptación radiofónica do Pequeno Monstro-Rádio FilispiM].



Pallasos en Rebeldia dende Palestina.
Cap. 7  [Adaptación radiofónica do Pequeno Monstro-Rádio FilispiM].



Pallasos en Rebeldia dende Palestina.
Cap. 8  [Adaptación radiofónica do Pequeno Monstro-Rádio FilispiM].



Pallasos en Rebeldia dende Palestina.
Cap. 9  [Adaptación radiofónica do Pequeno Monstro-Rádio FilispiM].




+ info
Israel toma por asalto barco irlandés con axuda a Palestina.
Iván Prado expulsado polo goberno de Israel na preparación do "FestiClown Palestina 2010".
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...