Amosando publicacións coa etiqueta Serie: Pensamento 3 [Agustín García Calvo]. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Serie: Pensamento 3 [Agustín García Calvo]. Amosar todas as publicacións

24 de xuño de 2010

Himno da Comunidade Autónoma de Madrid - Versión íntegra orquesta e coro.

Tal e como prometimos enlazo nesta entrada o audio do himno da Comunidade Autónoma de Madrid na súa versión íntegra para orquesta e coro, ben direfente as enlazadas até agora noutros blogues e páxinas da internet [versións instrumentais coa recitación de Agustín García Calvo, gravazóns en video no Ateneo de Madrid, mesmo nas rúas de Madrid os 2 de maio, día da Comunidade, ou por mór das homenaxes a Tierno Galbán, nestes últimos casos interpretadas con entusiasmo a viva voz polo ferrolá Príncipe Galín].

A gravazón que vos oferecemos dende o blogue Divertimento para pequenos monstros é tal cual a emitían en Radio 3 RNE, cara o ano 1989, como sintonía de inicio e fin do espazo PENSAMIENTO 3 [ver enlaces a estes audios]. Esta versión que oferezo atopeina nunha gravación dese mesmo programa que agachaba unha vella cinta de casete no meu arquivo sonoro.

O certo é que as condicións non eran as mellores e tiven que fazer encaixe de boliños para que recuperar o seu son [xa na súa versión orixinal rexistrado con modestos resultados]. Se ninguén me contradí, esta versión está interpretada pola Coral de Cá­ma­ra de la Co­mu­ni­dad de Ma­drid, dirixida por Miguel Groba, que mesmo se constitúe no ano 1984. É unha mágoa que este Coro non teña gravado unha versión actualizada e coa cualidade de son que merece. Ao tempo é significativo.

O Himno da Comunidade de Madrid [1984] é certamente un contra-himno, peza controvertida para uns, para outros unha alfaia, para a Administración á que simboliza [Comunidade Autónoma de Madrid] un estorbo ao que se lle deu a "xusta" difusión [Lei de quenda] e ponto. O único interes que semella suscitar a partitura é o desexo de que pase ao esquecemento o antes posíbel.

Xunto a esta entrada atoparedes algúns enlaces a outras web, blogues ou foros para que teñades máis datos do controvertido encargo de Joaquin Leguina, daquela Presidente da Comunidade Autónoma de Madrid, aos compositores Pablo Sorozábal Serrano [música] e Agustín García Calvo [letra].

Como anticipo a toda isa información que enlazamos ao pé: contan as crónicas que Agustín García Calvo [Zamora, 1926] cobrou a cantidade simbólica de 1 peseta pola letra do himno e que Pablo Sorozábal Serrano [Donostia, 1897-1988] nunha carta dirixida a Joaquín Leguina, comentaba: “El mejor medio de expresarle la gratitud por realizar el encargo de la música del himno de Madrid, consiste en renunciar al cobro de honorarios. Le ruego, acepte mi renuncia a dichos honorarios y la interprete como un acto de solidaridad hacia usted y sus colaboradores ante las, por desdicha, previsibles campañas contra esta empresa que han de desatar sin duda poderosos grupos portavoces de intereses e ideologías antipopulares".

Que ben anticipou a controversia o músico donostiarra!

Ademáis, contan que o compositor Pablo Sorozábal fixo a música logo de ter coñecemento da letra. Deste xeito compuso unha obra marabillosa e melodiosa [así se chega a reproducir nun encontro en homenaxe ao músico], mais por decisión expresa de Agustín García Calvo se lle fixo cambiar, para que soara a marcha militar [algo fúnebre], semella que unha chiscadela de burla aos Himnos comúns.

Aquí tedes a versión íntegra de la Orquesta y Coro de la Comunidad Autónoma de Madrid, del himno de la Comunidad Autónoma de Madrid. Podedes ouvilo, descargalo e difundilo polo mundo:


Descargar o audio
Fontes e enlaces de interés:
El Pais [hemeroteca histórica]: El himno de la Comunidad de Madrid ha costado una peseta[05/10/1983]
Blogue [interesantes comentarios e videos]: Conspiración de silencio [09/05/2010].
Blogue [controversias na rede]: Controversias.
Editorial de Agustín García Calvo: Lucina.
Letra do himno da Comunidade Autónoma de Madrid: Wikipedia.


Foto : Agustín García Calvo.

23 de xuño de 2010

Divertimento - Serie: Pensamento 3 - A Preguiza.

Novo episodio da serie Pensamento 3 emitido orixinalmente en Radio 3 [RNE] en novembro de 1989. Nesta ocasión analisando o último dos Pecados Capitais do "mítico" Catecismo do Pai Astete: A Preguiza.

Durante estes meses recuperamos para vós, dende Divertimento para pequenos monstros, algunhas das gravazóns da serie Pensamento 3, que rondando todos eles os 45 minutos de durazón, foron emitidos orixinalmente dentro do programa de Radio 3 [RNE], Caravana de Hormigas. Toda vez que este programa foi fulminado da grella desa emisora [como xa vos contamos ao longo desta entradas], pasou a ter o seu propio espazo na grella de Radio 3 [mantendo día/hora de emisión e formato], até finalmente desaparecer do mapa radiofónico.

Estes documentos sonoros [ou alfaias radiofónicas] están ao dispór de tod@s, grazas aos esforzos d@s seguidor@s do poeta e filólogo zaragozano, canto a redifundir as reflexóns do autor ao través da rede. Istas son todas as que están, mais non todas as que son. Agustín García Calvo cumprirá no mes de outubro de 2010: oitenta e catro anos. Con ista idade, segue a dar charlas nas Universidades e Ateneos que o convidan [mesmo no Ateneo de Madrid dende decembro de 2005, cada semana]. Tal é o fenómeno que causa a súa palabra que as transcripción das charlas, palabra a palabra, son transcritas e subidas a rede, como se pode ver neste enlace. A capacidade e lucidez deste ser humano nos deixa sen palabras.

Quero dicer que sei, hai outras persoas humanas que teñen máis arquivos sonoros de Pensamento 3, mais estes aínda non son de acceso "popular", polo que tentarei localizalos e poñelos a disposición dos meus pequen@s monstros, para que poidan seguir a mamar de tan nutritivo manxar.

Dende aquí fago un chamamento para que se algún de vós ten [ou sabe que alguén ten], algunha desas gravazóns [que aínda non están pero son] de Pensamiento 3, non deixe de pórse en contacto con nós en: radiomonstro [arroba] gmail.com

Pola nosa banda, a vindeira semana ofecereivos a última edición desta serie, que como contributo a todo ese aquivo sonoro que circula pola rede libremente, vai ser da colleita propia do Pequeno Monstro, do noso arquivo sonoro. De xeito, que tod@s poderemos ter acceso a un novo episodio de Pensamento 3, até agora inédito na rede. Poremos, ademáis, fin a estadía de Divertimento na grella 2009/2010 da Rádio FilispiM e de Radio Roncudo de Corme.

Volvendo ao episodio de hoxe, A Preguiza, o presentador do programa, Javier Bermúdez, introduce deste modo a participación de Agustín García Calvo e das ouvintes:

"Imos xa coa Preguiza, o último dos Pecados Capitais nomeados no Catecismo do Pai Astete. Así, define Acidia ou Preguiza, coma un caimento do ánimo en ben obrar. Naturalmente, non é difícil fazerse á ideia de que pode entender o Pai Astete por "ben obrar", podémolo imaxinar: rezar, cumprir coas obrigas laborais, casar ou fazerse cura, aceitar con resignación [incluso con ilusión] o tempo. En definitiva, aceitar [con ese caimento que dixen] a condea a morte que temos cada un."

"Fronte a esta aceitazón calquer eloxio da Preguiza, pola nosa banda, sempre ficaría curto. Agora ben, se por "ben obrar" entenderamos algo ditinto [precisamente dicir NON a todas isas cousas que o Pai Astete e os outros "Grandes Pais" din sentir], entón non poderiamos considerar a actitude preguizosa como mala, no senso de mortecina. Nesto, non caben máis que recomendar o que nos dicía o Pai García [ironicamente aludindo a A. García Calvo]: contra Preguiza, Ira...".

Ficades co programa. Lembrade, a vindeira semana volvemos a vernos aquí, onde paran os monstros.



Descargar o audio

14 de xuño de 2010

Divertimento - Serie: Pensamento 3 - Ira.

Aquí estamos de volta cun novo capítulo da serie PENSAMENTO 3, dentro de Divertimento para pequenos monstros.

Lembramos que esta serie foi emitida orixinalmente por Radio 3 [RNE] cara o ano 1989, sendo estes documentos recuperados polos propios ouvintes daquel espazo, que no seu momento tiveron a boa ideia de rexistralos en cintas de casete. Soporte moi recorrente naqueles anos, que hoxe nos ten sido moi acaido, aos pequenas e pequenos monstros, pois podemos ouvir as gravazóns [vinte un anos despois!!] na sintonía de Rádio Filispim, ou mesmo neste pod-cast, así como se nada.

No programa de hoxe, Agustín Gacía Calvo, diserta cos ouvintes e coa axuda de Javier [o presentador] sobre un novo Pecado Capital: a Ira.

Así, García Calvo introdúcenos na cuestión deste xeito:
"Imos entrar por estoutra cuestión política. As nosas ouvintes, non se esquecen de que aínda partindo do Padre Astete [o seu Catecismo], como bon representante da conversión en pura moral [e personal] dos pecados, tratamos de entender sempre que non hai pecados que non sexan políticos e que a apariencia moral e personal dos pecados, é simplesmente iso: unha apariencia destinada ao engano coma tantas outras cousas, unha parte de ese engano, que é o arma principal do Poder como todas os días repetimos."

"Imos ver que é o que alude, que é o que toca, que cousas removen, tambén no corazón e na razón das nosas ouvintes, esta alusión á Ira."

"O feito de que se defina como un apetito desordenado u ordenado, quítalle á Ira o que a palabra [paréceme a min], suxire máis inmediatamente aos que a ouven. A Ira, montar en cólera, todas isas cousas, se presentan non coma algo que pode estar suxeita ao orde e ao desorde, senón como anterior en certo modo ou exterior ao orde e a desorde."

"A Ira é a paixón por excelencia desenfrenada, poderíase dicir incluso máis que os asaltos dos impulsos amorosos. Os vellos moralistas [Séneca e compaña], xa se preocupaban de describir a Ira, relacionándoa coma unha loucura. Era unha locura breve, e que tal vez por ser breve é polo que non se inclúe nas formas de loucura que ván a parar nos Psiquiátricos...".

Máis nada, ficades co audio. Lembrade que a serie completa podedela atopar neste enlace. A vindeira semana un novo capítulo de PENSAMENTO 3, aquí onde paran @s monstr@s.


Descargar o audio

28 de maio de 2010

Divertimento - Serie: Pensamento 3 - Avaricia.

Novo capítulo da serie PENSAMENTO 3, programa emitido orixinalmente por Radio 3 [RNE], un 29 de setembro de 1989 e que hoxe recuperamos en Divertimento para pequenos monstros para as ondas da libre e comunitaria Rádio Filispim [Ferrol-Trasancos 93.9 FM].

Nesta ocasión, un novo pecado capital: a avaricia.

Na introdución ao tema Agustín García Calvo comenta: "Imos seguir con esta retahila que Javier [polo presentador do programa], tirou do Catecismo do pai Astete e tratar de atopar, como se ten dito, cal é a faciana política destas monsergas da relixión doutros tempos, porque unha e outra vez partimos de que a distinción entre moral e política é de por si unha mentira, por tanto non pode haber pecados privados, porque a vida privada é pública,como se sabe, e política, por tanto.

De todas formas non esquezan os ´lectores´ que a pesar de que o pai Astete puña contra os sete vicios sete virtudes que o outro día [programa] estivemos a recitar aquí, pensamos que tal vez podiamos ser máis económicos... preferiamos que os pecados se combateran uns aos outros e así púñamos como lema o de: contra envexa soberbia, contra bula avaricia, contra ira pereza... que por suposto son dous a dous e pódense dicir do revés. De maneira que partindo deste posíbel combate dos pecados uns contra outros, imos entrar co que hoxe Javier nos ten anunciado: ese [pecado capital] chamado da avaricia...".

Nada máis ficades con este novo episodio, non sen antes remitiros a este ENLACE, donde atoparedes a versión íntegra para orquesta e coro do himno da Comunidade Autónoma de Madrid [escoita ou descarga] tal e como a veño de "rescatar" dunha vella cinta de casete, agachada no meu arquivo sonoro.

A vindeira semana, máis PENSAMENTO 3, aquí onde paran os monstros.


Descargar o audio

19 de maio de 2010

Divertimento - Serie: Pensamento 3 - Soberbia

Novo episodio da Serie: Pensamento 3, hoxe adicado a o primeiro dos Pecados Capitais: A Soberbia. En sucesivos programas poderanse escoitar reflexións ao respeito dos seis restantes.

Relembrando que demos estamos a fazer nos últimos Divertimento para pequenos monstros: andamos a re-emitir en Rádio Filispim, 93.9 FM, edicións dos míticos programas de "pensamento", que cara o ano 1989 se emitiron dentro do programa Caravana de Hormigas [Radio 3, RNE].

Algúns das gravacións destes espazos teñen sido subidos a sitios na rede [Megaload ou mesmo estoutro], por xente anonima e moitas delas asinadas por un tal Jannico.

O que fazemos logo dende Divertimento é redifundir estes programas, que previamente arranxamos canto a cualidade sonora. Ao documento en si [audio] tan só engadimos unha sintonía Divertimento ao comezo e deseguido algunhas das versións do Himno da Comunidade de Madrid que puidemos atopar na mesma rede, tambén ao final das charlas, tentando emular as emisións orixinais de Pensamento 3 [os audios das charlas que há colgados na rede omiten o citado himno, supoño que por unha cuestión práctica do momento].

Xa comentei haí atrás, que a letra deste himno é do propio Agustín García Calvo e que realmente vén sendo un anti-himno, dada a súa concepción orixinal. Sobre esta cuestión, centrareime en entrada posterior, donde colgarei un interesante documento [audio], pois finalmente teño atopado a versión do himno que orixinalmente acompañaba estas charlas: a famosa versión íntegra e cantada do himno da Comunidade de Madrid e que xa incluo neste episodio.

A citada versión integra e cantada do himno da Comunidade de Madrid, atopeina finalmente no meu arquivo sonoro, agachada nunha vella cinta de casete dentro dunha gravación do referido programa. Toda ela vai ser un documento de interés, pois non está entre as difundidas na rede. Ista edición será colgada no blog de Divertimento unha vez findemos cos Pecados Capitais.

Como anedotario da gravación que vos oferecemos hoxe, numerosos ouvintes preguntan sobre a desaparición da grella do programa Caravana de Hormigas daquela Radio 3 [setembro 1989, ver enlace prensa do momento]. En Caravana viñan emitíndose as charlas de Agustín García Calvo, os venres cara as 13:00 h. Toda vez que Caravana, desaparece da grella de Radio 3 [con polémica incluida tal e como se aprecia na gravazón] as charlas de Agustín convírtense en programa baixo o nome de Pensamento 3.

Máis nada, agardamosvos logo a vindiera semana, aquí onde paran os monstros, nun novo episodio da serie Pensamento 3. Ficades co audio do programa, non volo perdades!


Descargar o audio

6 de maio de 2010

Divertimento - Serie: Pensamento 3 - Mortes masivas.

Novo episodio da serie Pensamento 3, hoxe recuperado para Rádio FilispiM por Divertimento para pequenos monstros. 

Nesta ocasión Agustín García Calvo fálanos das mortes masivas, a propósito da traxedia acontecida o 15 de abril do ano de emisión do espazo [1989]: a morte por aplastamento de 96 persoas no estadio de futbol de Sheffield [Liverpool].



O propio García Calvo, na habitual introduzón ao tema, comenta o que segue:
"Imos tratar este asunto para o que a actualidade [morte masiva deexpectadores, estadio de fútbol de Sheffield, abril 1989], que non é máis que a faciana que a eternidade nos ten brindado outra ocasión máis, mais nista ocasión, en troques de Madrid ao ceo [como di o himno], de Sheffield ao ceo, que para o caso é o mesmo.

En todas partes van cocendo as mesmas fabas, polo menos en todas as partes disto que chaman mundo “progresado” e desenvolvido e todo o demáis, co que sen dúbida están ligadas estas mortes masivas, que son nas que hoxe nos imos deter.


Non esquezan os ouvintes que ademáis de nas propias areas dos paises “progresados”, se produzen case cotidianamente estas mortes, que chamamos masivas, nas márxenes: por fame en Etiopía, polas pestes e guerrillas. Mais todas elas achacámolas ao mesmo sitio: aló arriba, ao ceo, ou como queira chamarse, e isas son tambén manifestacións das mortes masivas, cada unha no seu sitio. Aquí mórrese nas autoestradas por autos, nos estadios de fútbol... Aló, como non están excesivamente “progresados”, morren tambén masivamente pero en formas máis primitivas. Mais o un é o outro, aínda que iso non quere dizer esquecer a diferenza.


Temos que ser os vivos os que falemos destes mortos, posto que eles se negan pertinazmente a falar e a dar o seu testemuño, pois neste caso sería sumamente útil se falaran os que pareceron aplastados no estadio de futbol hai dúas semanas [Sheffield Stadium,15/04/1989]. Temos que falar nós, os que seguimos a padecer e ista ilusión de estarmos vivos é sen dúbida esencialmente iso: unha ilusión. Temos que ser nós os que preguntemos aos ouvintes e os ouvintes nos pregunten, quen foron os que morreron nese campo de fútbol, quen os que morren aínda máis masivamente cada fin de semana nas estradas de Deus, nas autoestradas de Deus. Por suposto que son Masa.

Estamos aquí a falar de mortes MASivas, sabemos que iso que [...] Comercio e Estado chaman masas, están necesiariamente compostos de individuos, de xeito que lonxe de negar a morte masiva, a morte individual, semella que a confirma...".

Máis nada, a vindeira semana máis aquí onde paran os monstros. Lembra que podes seguir os contidos de Divertimento en:

- Ferrol e comarca, ao través de Rádio Filispim 93.9 FM:
- Xoves (quintas feiras) de 8 a 9 da noite.
- Sábados de 7 a 8 da tarde
- Domingos de 10 a 11 da noite.
- Martes (terzas feiras) de 2 a 3 da tarde.
- Na comarca de Bergantiños, en Corme en Radio Roncudo 106.1 FM:
- Terzas feiras de 1 a 2 da tarde.

- Vía web, neste blog e máis en:

- Podgalego.com
- Radio Filispim


Descargar o audio

30 de abril de 2010

Divertimento - Serie: Pensamento 3 - Perder o tempo.

Évos aquí unha nova aventura de PENSAMENT0 3, nun dos episodios dos que máis gosto, donde Agustín García Calvo indaga coa axuda da súa audiencia oitentera [Caravana de Hormigas-Radio 3-1989] sobre a relación entre a Vida [ou o que nos vende por iso] e o Tempo [mensurábel].

Nada mellor que as primeiras verbas de Agustín, tiradas da súa introducción, para suxerirvos "gañar tempo" [entre tanto tempo perdido] escoitando o audio que segue a estas liñas:

"Matar o tempo, entreterse, divertirse e demáis é o mesmo que falar da vida. De xeito que ao falar dos ´chismitos´inventados para encher/matar o tempo estamos a falar da vida, a única que semella a real, posto que é a que nos venden.

Non hai que esquecer en que consiste a trucaxe esencialmente: cambiar a vida por tempo, converter a vida en tempo, conseguir o que se di con tan lúcida desesperación nos versos de Antonio Machado: ´ya nuestra vida es tiempo´.

Esta é a trucaxe esencial do Capital e Estado que, como explicamos outras veces, consiste en fazer crer no futuro, naturalmente non chamándoo polo seu nome [que é morte, un mome pouco conveniente, demasiado aterrador] senón chamándoo por outros nomes: futuro.

Facer crer nun destino a onde vou como ente real e a onde vai a humanidade e unha vez que se conseguiu isto, o que vai desde aquí cara ese futuro, xa é propiamente tempo. Un tempo baleiro. Un tempo que, por tanto, se pode manexar, contar. Un tempo do que vive o crédito da banca, o tempo ao que se reduce a vida do traballador mentres está no tallo e tambén [o que hoxe nos toca no programa] os ratos libres, o ocio.

Posto que o tempo non pode cambiar a natureza, é o mesmo durante o traballo que no suposto ócio ao que alude o nome desta exposición dos ´chismes´ do ócio, na que imos estar metidos incongruentamente como Javier [aludindo ao presentador] vén de dicir...".

Mais nada, a vindeira semana máis Pensamento 3, aquí onde paran os monstros.
Descargar o audio

26 de abril de 2010

Divertimento - Serie: Pensamento 3 - Arte.

Nova edición da serie Pensamento 3, dentro de Divertimento para pequenos monstros, na sintonía de Rádio Filispim, 93.9 Ferrol [GZ].

Nesta ocasión o profesor Agustín García Calvo diserta cos ouvintes sobre o Arte.

Como todos os PENSAMENTO 3 que estamos a recuperar, este foi emitido orixinalmente un venres do 1989 en Radio 3, dentro do programa Caravana de Hormigas. Memorábel espazo matutino apresentado orixinalmente por Juan Francia, Jesús Beltrán e Enma Tamargo, que non tardarían en ser fulminados de Radio 3, de feito resulta unha sórdida ironía saber que J. Francia e J. Beltrán acabaron en Radio Exterior de España.

Como todos os programas os iniciamos e findamos tal como o facían daquela: co himno da Comunidade de Madrid, se ben aínda non atopei a versión con coro, tal cual se emitía, que sei é a vos gosta ;-).

Por certo, curioseando na web da editorial autoxestionada polo propio Agustin G.C. [LUCINA], veño de atoparme cunha grata sorpresa. No menú: enlaces de internet/registros sonoros/himno de Madrid, hai un enlace... nada máis e nada menos que a un arquivo de audio que eu mesmo subín hai algún tempo!. A verdade é que me ten feito moita ilusión, ter contribuido inda que sexa desde tan abaixo a difundir esta alfaia agachada nas moquetas de tan distinguidos politic@s. Podedes velo aquí: ->enlace

Mais nada, a vindeira semana unha nova edición de PENSAMENTO 3, aquí, onde paran os monstros.

Descargar o arquivo





Imaxe: podería ser arte.

16 de abril de 2010

Divertimento - Serie: Pensamento 3 - Quen es, que fas.

Terceiro capítulo da serie PENSAMENTO 3, dentro de Divertimento para pequenos monstros [Rádio Filispim].

Como o resto dos capítulos, recuperado grazas as gravazóns caseiras realizadas polos propios ouvintes da serie [e hoxe ao dispór de tod@s na rede] emitida orixinalmente cara o ano 1989 dentro de Caravana de Hormigas [Radio 3, RNE].

Nesta ocasión o profesor Agustín García Calvo, fala cos seus ouvintes sobre o "Quen es, que fas".

Nas súas reflexóns intrudotorias ele di:

"As masas están compostas de individuos e, xa que logo, eu como ser real son idéntico coas masas e con quen as manexan, coas instancias superiores do capital, do Estado.

Esta é unha cuestión que se pode revelar en todos os terreos. Por exemplo, nas artes na relación entre o cadro e a figura, asistimos a esta substitución do cadro da obra pola figura.


En efecto, xa ninguén pode lembrar os sentimentos e utilidades que un cadro, unha obra, unha escultura púidolle proporcionar na súa casa ou na vía pública, sospéitase que esas obras non serven para nada, na medida en que a ninguén lles ocasiona pracer nin descubrimento. Na mesma medida, a sinatura vaise agrandado até recubrir o cadro enteiro.

Así, un Picasso quer dicer un anaco de tea [ou do que sexa] que ten a sinatura de Picasso e para distinguir entre os Picassos que levan a súa sinatura, hai que medir por metros cadrados. Non é o mesmo un Picasso de medio metro cadrado que un dun metro, teñen diferente valor.


Como sempre, atender ao diñeiro é esencial, precisamente por ser "a forma" o engano por excelencia, a especie de identidade sublime e ideal que é o diñeiro. Ela [a forma] débenos guiar en todas as análises, da vida cotiá e da vida pública.


O "facer" unha cousa é o contrario ao "ser" alguén, ser un nome propio, ser un ser real. Isto é o difícil de descubrir porque os medios de formación de masas, os políticos, a cultura, imponnos a crenza de que o "facer" redúcese ao "ser".
Así é como nas artes a sinatura [o quen é, o quen fai] substitúe ao facer, e iste facer chega a ser simplemente un pretexto para chegar a ser..."
.


Pois nada, monstros, a seguir sendo. A vindeira semana un novo capítulo da serie PENSAMENTO 3, aquí onde parades vós.


Descargar o arquivo




Imaxe: un Picasso de merda.

7 de abril de 2010

Divertimento - Serie: Pensamento 3 - Economía, o diñeiro.

Segundo capítulo da serie Pensamento 3, emitida orixinalmente dentro do programa Caravana de Hormigas de Radio 3 [RNE], no ano 1989.

Nesta ocasión o profesor Agustín García Calvo diserta cos ouvintes sobre a economía e o diñeiro.


Ao principio e final desta serie de Divertimentos, escoitarán os ouvintes a versión instrumental do Himno da Comunidade de Madrid, cuxa letra foi escrita por Agustín García Calvo e música por Pablo Sorozábal Serrano.

Estes espazos, na súa emisión orixinal en Radio 3, estaban antecedidos pola versión interpretada por un coro de dito Himno, mais polo momento non fun capaz de atopar dita versión. O certo é que o mencionado Himno, pese a ser oficial, non é reproducido nos actos da Comunidade de Madrid. A letra non ten desperdizo, nela atopanse alfaias do tipo: “Y en medio del medio, Capital de la esencia y potencia, garajes, museos, estadios, semáforos, bancos, y vivan los muertos…”. Podes ver o texto integro neste enlace: letra completa.

Para completar a hora de duración deste Divertimento incluimos ao final unha versión cantada nunha das charlas de Agustín no Ateneo de Madrid, un 1 de abril de 2008, donde o ferrolán Principe Galín fai de mestre de cerimonia e “cantor”. Podes ver o video neste enlace: video.

Este Divertimento para pequenos monstros, finda coa peza “Libre te quiero", na voz de Amancio Prada, un canto de amor libertario, sen posesión, de cuxa letra é autor o propio Agustín García Calvo.

Máis nada, ficades con Pensamento 3 [Economía, o diñeiro]. Volvemos a vindeira semana aquí, onde paran os monstros.

Descargar o arquivo


30 de marzo de 2010

Divertimento - Serie: Pensamento 3 - A Paixón de Cristo

Con esta entrada iniciamos a serie Pensamento 3, unha produzón de Rádio 3 [RNE] do ano 1989, que hoxe recupera Divertimento para pequenos monstros para Radio Filispim, 93.9 FM [Ferrol–Terra de Trasancos].

Pensamento 3 foi un espazo que se emitia os venres dentro do programa Caravana de Hormigas (Radio 3 - RNE), donde cada semana se lle plantexaba un tema ao profesor Agustín García Calvo, para que sobre del reflexionara e conversara cos ouvintes en antena.

Agustín García Calvo, daquela, andaba a impulsar o proxecto Escola Lingüística, Lóxica e Artes da Linguaxe. A idea era conciliar esas tres disciplinas hoxe tan separadas polos plans de estudios [filoloxía, matemáticas e teatro], sen pretensión de producir títulos universitarios, senón coñecemento. Nen que decir ten que aquilo fracasou “como fracasa todo o que pode ferir. O éxito só chega a aquilo que non fai dano a ninguén, aquilo que segue a corrente”.

Agustín García Calvo, realizou estudios de Filoloxía Clásica na Universidade de Salamanca. Doctorouse aos 22 anos, até que a dictadura franquista o separou da cátedra en 1965 xunto a Tierno Galbán, López-Aranguren e Montero Díaz, por prestar apoio as protestas estudiantís. Daquela, decide marchar ao exilio a París. En 1976 foille restablecida a súa cátedra, na que permaneu até a súa xubilación en 1992.

Na actualidade Agustín García Calvo segue a publicar os seus libros na súa propia editorial [Lucina] que asina co seu nome entre signos de interrogación, leva anos loitando contra o engano dun poder empeñado en impór ideias sobre a realidade para matar “o que hai vivo na razón e no corazón”.

Xubilado da universidade, cada mércores segue a encher o Ateneo de Madrid, nunha tertulia política que dura xa 12 anos [na que non se da clase nen predica] e a que acuden moitos xóvenes.

Lembro con moita ledicia aqueles programas que eu mesmo gravaba en cintas de casete para poder escoitar de vagar máis tarde e que tanto me aprendeu que era aquilo do “movimento libertario”.

Hoxe, as gravacións destes espazos radiofónicos, son un tesouro que algúns ouvintes do momento dixitalizaron e subiron a rede para compartir e lembrar aquelas reflexións [sobre cuestións aínda hoxe tan vixentes] que emitiu hai 27 anos aquila memorábel Radio 3.

Agardamos dende Divertimento para pequenos monstros que disfrutedes delas, como eu mesmo disfrutei daquela e volvo disfrutar.

O tema que abre esta serie é A Paixón de Cristo, non podía ser outro.

No vindeiro Divertimento máis Pensamento 3, aquí onde paran os monstros.

Descargar o arquivo



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...