26 de xuño de 2008

Festival de Músicas do Mundo (FMM) de Sines.

O Festival Músicas do Mundo de Sines (FMM) chega á súa décima edición, apresentado o programa máis extenso da sua historia. A cita é do dezasete ao vinteséis de xullo de 2008.
Serán corenta espectáculos e iniciativas paralelas repartidos por catro palcos montados na vila de Porto Covo e na pequena cidade de Sines, espallados en: Centro de Artes de Sines, Avenida Vasco da Gama... e un Castelo!

En relación a 2007, as principais novidades son o un potenzamento da parte do programa que se fai no Centro de Artes, ao pasar a haber tamén concertos nocturnos na zona exterior, e a inclusión
na madrugada dun segundo concerto de música xunto á praia, na Avenida Vasco da Gama, no propio Sines. O pai do rock chinés, Cui Jian, a diva da música indiana, Asha Bhosle, o grupo seminal do movimento hip hop, The Last Poets e os galegos Maful e Serralhe Aí!!! (de Ferrol!), son algúns dos destaques do programa.

Os concertos e actividades serán a todas horas e durante todo o festival. Algúns deles son de pago (5 e 10 euros), mais tamén os hai de balde. Aqueles de pago no Castelo, pódense seguir dende o exterior ao través das pantallas xigantes que a organización instala. O bon ambiente na vila durante estes días, pese a afluencia de público é moi tranquilo e nada masificado. O bo xantar, a Sagres (ou Super Bock) a muito bon prezo, axudarannos a supervivir.

O marco donde se desenvolve o festival e as multiplas actividades é incomparábel: Sines, Porto Covo... ummmm!. As praias do entorno (unha pasada!), lembran muito as das nosas costas: salvaxes e muito ben coidadas. Os parques de campismo son unha boa alternativa pra seguiren en contacto coa natureza e economizar. Iso si, cómpre ser previsora e tentar reservar e informarnos dos que temos pola zona.
Sines é unha pequena cidade encantada (co seu Castelo!) a 163 km de Lisboa, ao sul, no distrito de Setúbal, rexión do Alentejo, con perto de 12.500 habitantes. Posúe dúas freguesías: Sines e Porto Covo. Viches Sines dende o satélite?

É berce do grande navegante Vasco da Gama, mais tamén de xente marabillosa que farán da túa estancia aló algo certamente especial. Xa se sabe que entre Galegos e Portugueses temos muito en común. Na idade media, o norde de Portugal e a Galiza eramos unha mesma terra: Gallaecia. Mesmo, na Europa de hoxe en día, constituimos unha mesma eurorrexión. Que dicer da nosa lingua:o vencello entre o galego e o portugués é indiscutíbel. Máis de 200.000.000 millóns de persoas falan o galego-portugués no mundo, estados coma:
Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Moçambique, Portugal e São Tomé e Príncipe. Cada quen co seu sotaque, mais todos polo mesmo universo.

Dende o ano 1999, no que o festival acolle a 7000 expectadores, até o 2007 no que acolle 80.000, teñen pasado moreas de artistas procedentes dos cinco continentes: Omar Sosa (Cuba), Brigada Victor Jara (Pt), Hedningarna (Suecia), Kronos Quartet (EUA), The Skatalites (Jamaica), Tom Zé (Brasil), Trilok Gurtu Band (India), Varttina (Finlandia), Rao Kyao (Pt), Sr Coconut (Chile/Alemaña), La Etrure Criminale Banda (Italia), Jacky Molard (Bretaña)... e incluso Femi Anikulapo Kuti, o fillo de Fela Kuti, ao que lle adicamos un especial neste mesmo caderno. Podes consultar a relación completa de artistas que pasaron polo FMM de Sines, aquí.

O Pequeno Monstro foi testemuña da boa organización e do inmellorábel cartaz do pasado FMM de Sines 2007, do xantar, da cervexa e das praias. Aquelas cuestións que consideramos mellorábeis (aproveitamento do exterior do Centro de Artes de Sines para pequenas actuacións, e participación de grupos da Galiza) son xa unha realidade na actual edición. Así, achamos que a organización se esforza por fazer deste estupendo festival, unha cita ineludíbel para o quen o visita por vez primeira.
Este verán volvemos a Sines, a respirar. Xa estamos na procura dun sitio na terra de nós (tambén) que recolla os nosos corpos rebentados de tanta ledicia. Desta, realizaremos unha resportaxe audio-visual, con entrevistas e escenas do máis grande e (descoñecido aínda por estes lares) festival de músicas do mundo. Seguiremos informando. Ficamos co video oficial presentación do FMM Sines, 2008.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentando das vida ao blog. Adiante!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...