26 de novembro de 2008

Primeiro Foro Social Galego, do 5 ao 7 de decembro 2008.

QUE É O FORO SOCIAL GALEGO?

O Foro Social Galego (FSGal), que adopta a Carta de Principios do Foro Social Mundial, é un espazo aberto de debate democrático de ideas, de afondamento da reflexión, formulación de propostas, intercambio de experiencias e artellamento de movementos sociais, redes, ongs e outras organizacións da sociedade civil que se opoñen ao neoliberalismo e ao asoballamento das persoas fronte ao capital e que denuncian calquera forma de imperialismo.

O FSGal caracterízase pola súa pluralidade e diversidade, tendo un carácter non confesional, non gubernamental e non partidario. O FSGal non é unha entidade e non pretende ser unha instancia representativa da sociedade civil galega ou mundial.

QUE PRETENDE O FORO SOCIAL GALEGO?

O FSGal quere, tal como proclama o seu lema, Pensar e construir alternativas desde Galiza. Para iso, acolle como obxectivo acadar a confluencia e a visualización de alternativas á globalización neoliberal propostas desde un amplo abano de movementos sociais.

O FSGal quere situar a Galiza dentro da construción dese outro mundo, non só posible senón necesario. O FSGal quere debatir, achegar e formular preguntas. Pero tamén quere abrir camiños para transitar cara un mundo máis xusto, máis solidario, máis respectuoso coa diversidade.

Pero o FSGal quere ir máis aló da celebración dun evento. Quere ser un proceso permanente de debate e de construción de alternativas ao modelo neoliberal.

COMO SERÁ O FSGAL?

O Consello Dinamizador do FSGal, constituído o día 29 de marzo de 2008 en Santiago de Compostela por mandato dunha Asemblea de Movementos Sociais celebrada o 26 de xaneiro de 2008 na Facultade de Xeografía e Historia en Compostela, definiu 4 grandes eixos temáticos de análise, reflexión e debate, a través dos cales encadrar actividades e pensar e construir alternativas desde Galiza:

  1. Modelo económico e límites do crecemento
  2. Soberanía e diversidade fronte a uniformización e imperialismo
  3. Vida e Traballo
  4. Defensa das Liberdades e dos Dereitos Sociais

As diferentes actividades serán autoorganizadas e autoxestionadas polos movementos sociais galegos adheridos ao proceso.

A web do FSGal (http://www.forosocialgalego.org) será o portal onde se vaian comunicando as novidades ao respecto da celebración do FSGal: documentos para o debate; actividades formativas e informativas; etc.

O 5 de decembro haberá un acto de presentación pública do FSGal e no propio desenvolverase un acto de manifestación pública cuxa natureza aínda está por determinar.

ONDE E CANDO VAI SER O FSGAL?

O FSGal terá lugar en Santiago de Compostela entre os días 5, 6 e 7 de decembro de 2008, un mes antes da celebración do Foro Social Mundial que este ano terá lugar en Belém do Prá en Brasil.

COMO PODEMOS PARTICIPAR NO FSGAL?

Desde o Consello Dinamizador do FSGal artelláronse 4 formas de participación:

  1. Sendo membro integrante do Consello Dinamizador do FSGal
  2. Mediante a adhesión ao FSGal
  3. Participando como voluntario na organización do evento
  4. Simplemente, asistindo ás actividades que se ofrecerán no espazo libre de entrada.
Tamén podes participar achegando ideas, propostas, suxestións aos 4 eixos temáticos definidos máis enrriba no Foro de discusión do FSGal.

Pola nosa parte deixámosvos con dous audios que sintetizan todo o antedito.

O primeiro deles é unha cunha producida pola radio irmá da Coruña, CUAC FM, (que R.FilsipiM, completou con outros audios) e ,pra findar, unha entrevista tirada do programa de Rádio FilispiM, Divertimento para Pequen@s Monstros, que lle fixemos a Lupe Ces, integrante da Comisión organizadora do primeiro Foro Social Galego.



Sem comentários:

Enviar um comentário

Comentando das vida ao blog. Adiante!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...