O Foro Social Galego (FSGal), que adopta a Carta de Principios do Foro Social Mundial, é un espazo aberto de debate democrático de ideas, de afondamento da reflexión, formulación de propostas, intercambio de experiencias e artellamento de movementos sociais, redes, ongs e outras organizacións da sociedade civil que se opoñen ao neoliberalismo e ao asoballamento das persoas fronte ao capital e que denuncian calquera forma de imperialismo.
O FSGal caracterízase pola súa pluralidade e diversidade, tendo un carácter non confesional, non gubernamental e non partidario. O FSGal non é unha entidade e non pretende ser unha instancia representativa da sociedade civil galega ou mundial.
QUE PRETENDE O FORO SOCIAL GALEGO?O FSGal quere, tal como proclama o seu lema, Pensar e construir alternativas desde Galiza. Para iso, acolle como obxectivo acadar a confluencia e a visualización de alternativas á globalización neoliberal propostas desde un amplo abano de movementos sociais.
O FSGal quere situar a Galiza dentro da construción dese outro mundo, non só posible senón necesario. O FSGal quere debatir, achegar e formular preguntas. Pero tamén quere abrir camiños para transitar cara un mundo máis xusto, máis solidario, máis respectuoso coa diversidade.
Pero o FSGal quere ir máis aló da celebración dun evento. Quere ser un proceso permanente de debate e de construción de alternativas ao modelo neoliberal.
COMO SERÁ O FSGAL?O Consello Dinamizador do FSGal, constituído o día 29 de marzo de 2008 en Santiago de Compostela por mandato dunha Asemblea de Movementos Sociais celebrada o 26 de xaneiro de 2008 na Facultade de Xeografía e Historia en Compostela, definiu 4 grandes eixos temáticos de análise, reflexión e debate, a través dos cales encadrar actividades e pensar e construir alternativas desde Galiza:
- Modelo económico e límites do crecemento
- Soberanía e diversidade fronte a uniformización e imperialismo
- Vida e Traballo
- Defensa das Liberdades e dos Dereitos Sociais
As diferentes actividades serán autoorganizadas e autoxestionadas polos movementos sociais galegos adheridos ao proceso.
A web do FSGal (http://www.forosocialgalego.org) será o portal onde se vaian comunicando as novidades ao respecto da celebración do FSGal: documentos para o debate; actividades formativas e informativas; etc.
O 5 de decembro haberá un acto de presentación pública do FSGal e no propio desenvolverase un acto de manifestación pública cuxa natureza aínda está por determinar.
ONDE E CANDO VAI SER O FSGAL?O FSGal terá lugar en Santiago de Compostela entre os días 5, 6 e 7 de decembro de 2008, un mes antes da celebración do Foro Social Mundial que este ano terá lugar en Belém do Prá en Brasil.
COMO PODEMOS PARTICIPAR NO FSGAL?Desde o Consello Dinamizador do FSGal artelláronse 4 formas de participación:
- Sendo membro integrante do Consello Dinamizador do FSGal
- Mediante a adhesión ao FSGal
- Participando como voluntario na organización do evento
- Simplemente, asistindo ás actividades que se ofrecerán no espazo libre de entrada.
Pola nosa parte deixámosvos con dous audios que sintetizan todo o antedito.
O primeiro deles é unha cunha producida pola radio irmá da Coruña, CUAC FM, (que R.FilsipiM, completou con outros audios) e ,pra findar, unha entrevista tirada do programa de Rádio FilispiM, Divertimento para Pequen@s Monstros, que lle fixemos a Lupe Ces, integrante da Comisión organizadora do primeiro Foro Social Galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Comentando das vida ao blog. Adiante!