8 de marzo de 2016

Divertimento - Paco Pestes García & Suso Suciedad, poetastros - 08/06/2001 (Radio Fene)

Paco `Pestes´ (dereita). Imaxe arquivo RFM

(08/06/2001 - resubida) Divertimento para pequenos monstros, producido orixinalmente dende Radio Fene, 107.7 FM (EMUGA), con dous convidados especiais: Paco `Pestes´ García e Suso `Suciedad´, deconstrutores de poesía.

Un insólito cuestionario aos convidados abre este programa, preguntas que finalizan cunha hostia en directo ao Pequeno Monstro por parte de Ana Lucecú, feito insólito no panoráma radiofónico mundial. De fondo a música de La Orquesta de las Nubes.

Centrados no programa, Suso `Suciedad´(Manchita) lé ao vivo unha selección de textos/bomba da súa autoría: Amor de luna, Inmolación, Sexo o sé que no, Carta al secreto de la noche... Pola súa banda, Paco `Pestes´, lé textos do `Poemario de poética impura´ e do `Pequeño poemario bastardo´. As lecturas son ambientadas por unha selección musical acorde: La Orquesta de las Nubes, Diamanda Galas, Tom Waits ou Ciudad Jardín. Ademaís, ouvimos un tema Alberto `Truco´ Taboada, cuxa letra é autoría de Paco `Pestes´.

No último tramo do programa abrimos a axenda cultural de Ana Lucecú  e para findar conectamos coa praza de Armas de Ferrol, donde Lupe Ces nos informou da concentración da Marcha Mundial das Mulleres contra da ocupación dos territorios do pobo palestiniano. A coordenadora da MMM de Ferrolterra súmabase así a unha convocatoria feminista mundial para visibilizar os, daquela, 34 anos de opresión do goberno sionista de Israel ao pobo palestiniano. Transcorridos 15 anos da emisión deste programa a ocupación dos seus territorios e a violencia contra deste pobo sen Estado, continúa.

Conducen e apresentan: Ana Lucecú & Pequeno Monstro (08/06/2001).
Control de son: Antonio (Rádio Fene).

6 de marzo de 2016

Divertimento - Masa Crítica ou bicicletadas, con Ernesto López Nes - 18/02/2008

Nés (O Souto - Rádio FilispiM)

(18/02 /2008 - arquivo) Divertimento para pequenos monstros, edición especial adicada ao colectivo Masa Crítica, coa presenza no estudo "metro cadrado" do Ateneo Ferrolán, dun dos seus integrantes en Ferrol, Ernesto Lópes "Nes"

A Masa Crítica é un fenómeno ciclista que ten lugar todos os meses en moitos lugares do mundo. A súa finalidade é dar coñecer as grandes ventaxas que aportan á mobilidade, á sociedade e ao individuo, unha maior presenza de bicicletas nas cidades, para reducir as molestias que ocasiona o tráfico motorizado: ruido, contaminación, atascos, inseguirade...

O conceito Masa Crítica foi popularizado polo deseñador de vehículos de tracción humama George Bliss, para referirse a un fenómeno que observou na China: nos cruces sen semáforos, @s ciclistas se van acumulado até chegar un número total que lles permite cruzas sen risco, é a "masa crítica"...

En Ferrol as tamén chamadas "bicicletadas" tiñan lugar os últimos xoves de cada mes, cara as 20:15 h. na Praza do Inferniño. O seu lema era "pedalea todos os días, celébrao unha vez ao mes". Ao tempo, a nível de Galiza, unha vez ao ano se organiza a Masa Crítica Galega, da que é protagonista unha vila galega.

Para falar de todo esto contamos en Divertimento coa presenza de Nés, na altura compañeiro do Colectivo Opaii!-Rádio FilispiM, conductor do programa "O Souto", integrante de ADEGA (Asociación para a Defensa Ecoloxia de Galiza) e doutros colectivos, coma a Fundaçom Artábria.

No transcorrer do programa escoitamos música cubana e aproveitamos para promocionar a que sería a quinta edición do festival de Rádio FilispiM, o "Conspirando por unha radio libre" (xoves 20 de marzo de 2008), que por vez primeira se celebraría ao ár libre, baixo dunha carpa na praza do Inferniño de Ferrol, incorporando ao programa, unha feira de mostras de colectivos sociais da comarca.

Conduce: Pequeno Monstro (18/02/2008)

3 de marzo de 2016

Divertimento - Oscar Quant e Rubén Coca en plan Dobarrista - 08/05/2007

Quant, no video-clip `Pois eu´

(08/05/2007 - resubida) Divertimento para pequenos monstros, dende o estudio "metro cadrado" da FilispiM no Ateneo Ferrolán, adicado á formación ferrolá Quant, que viñan de gravar un video-clip realizado por Rubén Coca en homenaxe a Andrés do Barro, emulando a famosa escena do filme "En la red de mi canción" (Mariano Ozores, 1971), donde Dobarro canta a mítica "Pois eu" acompañado por Los Sprinters, subidos nunha furgoneta que circula pola zona vella de Compostela.

Todo esto acontecía antes da publicación do primeiro disco grande de Quant "New Adventures in Full Colour" (2009), tempo no que Oscar Sabín, Rubén Coca, Fer Marta e Alberto Amigo (primeira formación de Quant) gravan algunhas maquetas, mesmo a que apresentaron neste Divertimento. Ademáís, no transcorrer do programa falamos de experiencias ferrolterráqueas daquel momento, coma as festas e vinilos de "La Fonográfica General" ou a inminente actuación de Quant, 22 e 23 de maio daquel 2007, no mítico The Cavern de Liverpool. En definitiva, a primeira e moi nutritiva entrevista que realizamos ao "universo quántico" na FilispiM, xa que no transcorrer dos anos habería moitas máis...

Volvendo a Andrés Do Barro, un mes despois da emisión deste espazo lévouse a cabo a gala "Saudade de ti" homenaxe ao intérprete ferrolán, producida pola TVG no Teatro Jofre de Ferrol, e na que foi apresentado o video-clip no que Quant rememoran a escea daquel filme dos 70.

A figura de Andrés do Barro vén sendo reivindicada nos últimos anos. No 2004, tras unha mesa redonda na Galería Sargadelos, se constitúe o Movimento Dobarrista do que xurdirían unha serie de iniciativas coma foi a gravación dun doble cedé (Falcatruada, 2007) coa participación de 30 grupos galegos.

"O tren que me leva" foi outras das iniciativas en forma de documentario dirixido por Anxo Fernández. Un filme cuxa produción comezou naquel 2004 pero que finalmente se apresenta o 27 de setembro de 2013, un ano antes do 25 cabodano de Do Barro.

Canto a obras escritas, "Saúdade" escrita por Fernando Fernández Rego (La Fonoteca, 2015), foi apresentada no Manchita Cosa (Ferrol) o 10 de xullo de 2015; daquela, tivemos en `Divertimento´ ao autor, podes ouvir aquela conversa neste enlace. A publicación, todo un éxito, conta xa con varias edicións, mais, hoxendía (2016) segue a botarse en falla a versión en lingua galega.

O principal logro do músico ferrolán foi ser quen de levar a lingua propia Galicia ao cume das listas de éxitos musicais dos 70. Todo un acerto naqueles anos é un moi loábel empeño do intérprete. Iniciativas cidadás coma demandar a Medalla de Galicia para Do Barro, a título póstumo, están máis que xustificadas.

Conduce: Pequeno Monstro (08/05/2007).



1 de marzo de 2016

Divertimento - Mobilizacións CIG contra da reforma laboral + Mobilización contra o feche centro saúde da Graña + Acampada Ferrol - 15/03/2012

15M  Ferrol  (Fonte: Chupicola)

(15/03/2012 - resubida) Divertimento para pequenos monstros, dende o estudio de Caranza. Un programa que cadrou nunha xornada chea de mobilizacións na nosa comarca, das que, como non podír ser menos, falamos e tomamos o pulso no máis rigoroso dos directos...
  • Delegados da CIG péchanse no Concello de Ferrol contra da "reforma laboral", co fn de visibilizar a xornada de folga xeral do 29 de marzo daquel 2012. Conexión telefónica co salón de actos do Concello, falamos cun dos fechados.
  • Delegados da CIG Ferrol realizan unha camiñada Ferrol-Compostela reclamando carga de traballo para os Esteleiros da comarca. Conexión con Alfredo Maceiras, delegado sindical que participa na marcha.
  • No estudio André, Paki e Pablo do colectivo Acampada Ferrol, xurdido do 15M, en Ferrol, máis específicamente do 17M.
  • Conexión coa concentración en apoio ao Centro de Saúde de A Graña. A nosa compañeira María Teresa Vilariño coméntanos in situ como a concentración ten derivado finalmente nunha manifestación polo centro de Ferrol.
  • Un ouvinte de Rádio FilispiM, chama a radio...
Conduce: Pequeno Monstro.

29 de febreiro de 2016

Divertimento - Xornadas Libertarias, Ferrol + Marcha Mundial das Mulleres, 25 de novembro + Charla sobre Carvalho Calero - 22/11/2007

Ricardo Carvalho Calero

(22/11/2007 - arquivo)

Edición de Divertimento para pequenos monstros dende o estudio "metro cadrado" do Ateneo Ferrolán. Neste programa:

  • Axenda local. Xornadas Libertarias. Comentamos as mesas debate organizadas polo Espazo Libertario de Ferrol canto as posicións dos diversos colectivos integrados no Comité de Emerxencia  respeito da pranta de gas de Reganosa, e da mesa sobre o colectivo "Masa Crítica" en Ferrol.
  • Conversa con Noelia da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza, verbo do 25 de novembro, Día Internacional contra da violencia de xénero, cuxos actos comarcais se levaron ao cabo, naquel 2007, na praza do Concello de Narón.
  • No estudo José-Martinho Montero Santalha e Alexandre Banhos participantes na mesa debate que aquel día se levou a cabo no Ateneo Ferrolán verbo da figura e obra de Ricardo Carvalho Calero, na reinvindación do Día das Letras (2009) adicada á figura do primeiro Catedrática de literatura e lingua galega. No presente, ano 2016, continúan as reivindicacións, de colectivos e institucións, para que esa dia Día das Letras adicado ao literato ferrolán, sexa posíbel.
Durante o programa ouvimos música do recompilatorio de Sunset-Sunrise, da serie Blue Note Trip (2001).

Conduce: Pequeno Monstro (22/11/2007)

25 de febreiro de 2016

Divertimento - Entrevista a Miguel Alonso apresentando Luz de Guía - 03/01/2008

Miguel Alonso

(03/01/2008 - resubida) Divertimento para pequenos monstros dende o estudio "metro cadrado" do Ateneo Ferrolán, donde contamos coa presenza de Miguel Alonso, cantautor nado en Ferrol que actualmente vive en Compostela y que, naquel tempo, andaba a presentar Luz de Guía, o seu primeiro álbum, gravado en Pequeno Desastre Records,

Miguel Alonso comeza a súa carreira musical no ano 2000 coa maqueta "Aprendiz de poeta"; ao ano seguinte chega outra, "Está escrito en la calle". En 2004 publica o poemario "Mentiras y lunas" e unha outra maqueta, "Cartas al espejo". Xa en 2007 gaña o certame A Mocidade coa Lingua, na modalidad pop. Naqueles anos participa en festivais coma o mítico Fervesteiro, mesmo uns anos antes, o 8 de abril de 2004, na mitiquísima primeira edición do Conspirando por unha radio libre, festival do Colectivo Opaii! - Rádio FilispiM, sendo o primeiro músico que tocou no festival.

Neste programa conversamos case unha hora con el, escoitamos música do álbum que andaba a presentar naquel momento, "Luz de Guía" (2007) e, como non, nos interpretou pezas ao vivo coa súa guitarra, ademáis falamos da Sesión Vermú do Colectivo Opaii! que ía protagonizar xunto a Oscar Fojo.

A produción artística (poemarios e discos) de Miguel Alonso continúa no ano 2008 co álbum "MusicARTE Cantautores", para a Asociación do mesmo nome. No 2009 publica "Once máis 15", un libro de poesía que acadou boas vendas a nível galego. En 2010 chega "A noite dos cans", disco íntegramente en galego. En 2014 grava "Como Dioses de alquiler". A súa última produción, até a data, é o EP "Manual de saudades" (2015).

Conduce: Pequeno Monstro (03/01/2008)

19 de febreiro de 2016

Divertimento - In memoriam Diego Barcia, feb. 2016 (ACTUALIZACIÓN!!, 03/10/2022)

Diego Barcia en Rádio FilispiM (arquivo)

(16/10/2008 - resubida) Rescatamos do arquivo esta moi especial edición de Divertimento para pequenos monstros, dende o estudio "metro cadrado" do Ateneo Ferrolán. Durante case unha hora tivemos coma convidado a Diego Barcia. Como aconteceu con moitas das persoas que integraron, ou seguen a ser parte do Colectivo Opaii!-Rádio FilispiM, oferecimos o noso espazo a Diego para que se familiarizara co medio que pronto acolleria a súa proposta, "Discontinuidade", un programa que se emitiría naquela grella, 2008/2009, na Rádio FilispiM, libre e comunitaria de Ferrol.

O programa transcorreu na liña habitual de Divertimento, desenfadado e con moito humor; conversamos con Diego da súa vida, das súas aficcións e, como non, poñéndoo a tripular a nave filispiniana, para que se fixera cos mandos técnicos. "Discontinuidade" sería o nome do seu espazo na FilispiM, aínda que, coma Diego decía "o título do programa irá cambiando de nome cada pouco tempo"...  Diego era un tipo xenial, imaxinativo, sensible, que escribía moi ben, como pode apreciarse no blog da súa autoria, "Hablar Alto", unha especie de cuaderno de bitácora que recolleu as súas reflexións entre febreiro de 2012 e xaneiro de 2013. Nas últimas entradas dese blog escribe dende Berlín; a partir de aí, silencio...

Diego Barcia naceu en Uruguay. En 1984, aos sete anos, trasladóuse a Fene coa súa familia; finalmente asentouse no ferrolán bairro do Inferniño. Pai dunha nena, participaba da vida social, de colectivos coma Masa Crítica ou mesmo Opaii!-Rádio FilispiM. Como calquer mozo da súa idade buscábase a vida traballando en mil oficios, mais a lamentábel situación laboral da comarca obrigóuno a partir. Un día, no final do vrao de 2012, comentou a súa familia que marchaba á vendima en Franza. En novembro de 2012 as crónicas, que el mesmo relata no seu blog, o sitúan en Berlín. O que aconteceu na súa vida nos seguintes seis meses, entre decembro de 2012 e xuño de 2013, é dunha maldita incerteza. Estoutro blog, na súa memoria, conta o que pudo acontecelle en xuño de 2013...

Diego Barcia, unha boa persoa, imaxinativa, inesquecíbel, que deixou fonda pegada entre quen o coñeceu, un anónimo más na súa grandeza, ao que seguimos a agardar aparecerse coa súa bicicleta para nos contar as súas cousas a súa maneira.

O pequeno monstro, 19/02/2016

Conduce: Pequeno Monstro (16/10/2008 - arquivo)


18 de febreiro de 2016

Divertimento - Informe sobre a `manta radio´ en España + Serralhe-aí con Pablo Ces - 13/12/2007

Imaxe arquivo (2015), Rádio FilispiM

(13/12/2007 - resubida) Divertimento para pequenos montros. Falamos do "Fenómeno da manta radio en España", traballo do profesor da Universitat Autónoma de Barcelona Fernando Sabes Turmo, incluido no Estudio da Comunicacion (nº 3/4) dentro da Guía de Comunicación Audiovisual de Galicia, 2005 (Consello da Cultura Galega). Naquel documento (páx. 174), se identificaban seis radios libres en Galiza: Radio Clavi (Lugo), Bemposta (Ourense), Kalimera (Compostela), Onda Nada (Vigo), Piratona (Vigo) e Rádio FilispiM (Ferrol), que coma Colectivo nace en 2003 e cuxas emisións datan de 2005. Canto as radios galegas educativas (xurdidas en colexios, institutos e universidades) identificaba, entre outras: Radio Eca, Radio Kaos (Ferrol), Onda Xove Radio Meixoeiro (IES Ricardo Mella, Pontevedra), Radio Fala Melide, Escuela Junir´s Radio (Compotela), RKO (Radio Campus de Ourense), Radio Carcamán (CEIP da Torre-Illa) e Cuac FM (Campus Elviña, Coruña), radio esta última que cara o ano 2004 iniciaría unha transformación de emisora esencialmente universitaria á comunitaria, conservando a súa ubicación orixinal, o Campus de Elviña. Musicalmente acompañáronnos os monstrosos The Cramps.

Na segunda parte do programa contactamos con Pablo Ces, integrantes de Serralhe-aí, formación que o 29 de natal de 2007 gravaron ao vivo na Praza do Concello de Burela o álbum "Ár de foles", xunto ao Comando Catania, un proxecto de "aopio aos serradores do país", que ía reclutando gaiteir@s polos furanchos do país, na chamanda "operación charrasco"...

Conduce: Pequeno Monstro.

17 de febreiro de 2016

Divertimento - A dixitalización da radio según AMARC - Rede Galiza non se vende, Alexandre Carrodeguas - 14/02/2008

Mobilización da rede Galiza non se vende

(14/02/2008 - resubida) Divertimento para pequeno monstros no que afondamos nestes dous temas:

Falamos da dixitalización das radios e descubrimos que esta tecnoloxía  NON traerá máis avances democráticos canto o dereito fundamental á comunicación... Repasamos o traballo de investigación de Gustavo Gómez, director de programas de lexislación e dereito á comunicación de AMARC (Asociación Mundial de Radios Comunitarias).

Galiza non se vende é unha rede que, na nosa comarca, está formada por colectivos coma: Plataforma Ártabra 21, ADEGA, Fusquenlla (Pontedeume), Comité Cidada de Emerxencia Ría de Ferrol, SGHN, Verdegaia... Comezaba a xestarse naquel tempo e o 17 de febreiro de 2008 celebraron unha multitudinaria manifestación en Compostela, xuntando a colectivos de todo o país, con diversas reinvindiacións. O lema desta manifestación foi "Contra da destrucción do territorio". Para nos falar da rede Galiza non se vende e do caso Reganosa en particular, tivemos no estudio a Alexandre Carrodeguas (Verdegaia);  ademáis, lembramos ao activista ferrolá Carmelo Teixeiro, un dos impulsores do movimento contra da ubicación da pranta de gas Reganosa.

Durante todo o espazo ouvimos musica de The Cabrians , unha banda de ska e calypso dende Mataró.

Conduce: Pequeno Monstro (14/02/2008)

16 de febreiro de 2016

Divertimento - Pedro Ferrández e Marcos Lorenzo aterran en Divertimento - 03/12/2008

Pedro Ferrandez dando un discurso en Rádio FilispiM

(03/12/2008 - resubida) Edición de Divertimento para pequenos monstros dende o estudio "metro cadrado" no Ateneo Ferrolán, na que un tal Pedro Ferrández acada o seu sono de contactar coa radio libre de Ferrol, Rádio FilispiM e apresentar unha proposta de programa incitado polo seu amigo Marcos Lorenzo, Asesor Cultural na etapa do bipartito en Ferrol. Aquela proposta materializariase semanas despois en "Aquilo que vibra", co visto e prace da Asemblea filispiniana, porque Pedro o valía.

Para tomar contacto co medio, familiarizarse e lanzarse ao baleiro das ondas hertzianas, Pedro Ferrández acudiu a aquila edición de Divertimento, até capitaneou os mandos técnicos e superviviu ao intento... e nós, tamén. Falaron de todo un pouco, das cousas de cada quen. Pedro veu con música dun grupo de rock progresivo, Soft Machine, e Marcos fixo balanzo da súa etapa coma Asesor Cultural en Ferrol...

Bo humor durante o programa e batismo filispiniano para Pedro, un outro Apóstolo filispiniano. 

Conduce: Pequeno Monstro.


PD. Pedro deixa xa o Diario de Ferrol e volve para FilispiM, querémoste máis e non imos censurarte nada.

15 de febreiro de 2016

Divertimento - Carvalho Calero - Obradoiro Música Improvisada - Roteiro socios financieiros Reganosa - 02/04/2009


(08/05/2008 - resubida) Nesta edición de Divertimento para pequenos monstros, dende o estudio "metro cadrado" do Ateneo Ferrolán:

  • Conversa con Bruno, integrante da Fundaçom Artábria, verbo da figura e obra do escritor e profesor ferrolán Ricardo Carvalho Calero, o primeiro catedrático de lingua e literatura galega. Na altura, ano 2008, reclamábase adicarlle unha das edicións do Día das Letras Galegas ao literato ferrolá, cuestión que a Fundaçom leva solicitando dende a súa creación. No ano 2010 houbo unha ocasión ao cumplirse 10 anos da súa morte. Hoxe, en 2016, oito anos despois da emisión deste programa, continúan as peticións de que este día poda ser posíbel...
  • Conversa con Luis Rapela, promotor do Obradoiro Permanente de Creación, Tradición e Improvisación, que viñan de apresentar un pequeno ciclo de concertos de música "improvisada" executada por moz@s de Ferrol e Coruña no espazo Sargadelos en Ferrol. Falamos de música contemporánea, free jazz, dodecafonismo, música atonal, música aleatoria e ouvimos un extracto de "La noche transfigurada" de Arnold Schönberg. 
  • Lupe Ces, do Comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol, ponse en contacto con nós para darnos unha última hora. O Delegado do Goberno vén de prohibir un roteiro que ía ter lugar sinalando os socios financieiros da pranta de gas Reganosa...
Sintonizamos.
Conduce: Pequeno Monstro.

14 de febreiro de 2016

Divertimento - Especial pre-VI Conspirando por unha radio libre - 02/04/2009

VI Conspirando, praza do Inferniño (Ferrol)
(02/04/2009 - resubida) Divertimento para pequenos monstros, especial pre-VI Conspirando por unha radio libre. Una semana antes do festival da radio libre de Ferrol, realizamos un especial con entrevistas a algúns dos grupos musicais participantes e intervencións de integrantes do Colectivo Opaii! que andaban na organización, Iago Montes e Miguel Castro.

No estudio "metro cadrado" do Ateneo, estiveron Pablo da banda de punk-rock local Retobato e Rogelio Arias (Roger de Flor), que xunto ás Sacha na Horta completaría cartaz daquela edición do xoves "santo", 8 de abril de 2009.

Unha sexta edición do Conspirando moi especial xa que, por vez primeira, o Colectivo Opaii! realizaba o festival ao ár libre, na Praza do Inferniño baixo unha grande carpa. Por outra banda, organizou una Feira de Colectivos á que acudiron 15 organizacións da comarca cos seus respeitivos postos informativos.

Sintonizamos...
Conduce; Pequeno Monstro.

13 de febreiro de 2016

Divertimento - Conversa con Jesús Ordovás, "25 años de pop con Radio3" - 28/02/2008

André C. Pastor & Jesús Ordovás
(28/02/2008 - resubida) Nesta edición de Divertimento para pequenos monstros, especial adicado a exposición "25 Años de Pop con Radio 3", que na súa parada en Ferrol tivo a súa sede no Ateneo Ferrolán dende aquel 28 de febreiro até o 23 de marzo. Unha mostra multimedia para achegar e rememorar os anos 80 e 90 e albores do s. XXI. A exposición recollía fotografías, cartaces, flyers, fanzines, discos, maquetas, libros, etc. que Jesús Ordovás, recompilou durante os seus máis de 25 anos ao fronte do mítico "Diario Pop" de Radio 3, ferramentas interactivas completaban aquela mostra itinerante.

Ao findar a presentación da exposición, secuestramos a Jesús Ordovás e o introducimos no "metro cadrado", mítico primeiro estudio de Rádio FilispiM, no Ateneo Ferrolán, camuflado a catro metros do evento. Xa en antena, falamos da súas orixes ferrolás (el naceu en Ferrol Vello, no Porto), da súa historia na radio, da exposición... mais, aproveitamos a súa presenza para lle mostrar algúnhas cousas que estaban a acontecer no sempre efervescente panorama local. Puxémos música do nacente grupo Quant, de Roger de Flor, Fer Pinone, falamos dos Blood Filloas, de Daniel Alonso, Alberto Alonso, dos primeiros Triangulo de Amor Bizarro, The HomensViuda Gómez e Hijos, Andrés Dobarro, La Casa Azul, L-Kan, Serge Gainsbourge... e rematamos con Parálisis Permanente. Jesús Ordovás, sempre activo, aínda que na altura viña de ser "xubilado" polo ente RNE. tomou nota de todo aquelo no seu bloc.

Na conversa acompañounos Suso Suciedad, propietario do Manchita Cosa, e Bárbara Primo, quen ademáis tomou imaxes do "encontro"... Ao findar o programa fixemos entrega a Ordovás dun cedé recompilatorio de Rádio FilispiM con grupos da comarca e, como non, dunha camisola da nosa radio libre. Un tipo estupendo.

Sintonizamos, 28 de febreiro de 2008, Ateneo Ferrolán...
Conduce: Pequeno Monstro.

11 de febreiro de 2016

Divertimento - Rolda de prensa Comité de Emerxencia Ria de Ferrol, Concesión Adtva. a Reganosa - 06/03/2008

Instante da rolda de prensa, 05/03/2008 (imaxe: Artabra 21)

(06/03/2008 - resubida) Recuperamos esta edición de Divertimento para pequenos montros, coa emisión na súa integridade da rolda de prensa do Comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol, oferecida no Ateneo Ferrolán o 5 de marzo de 2008, denunciando o "pelotazo" que supuxo a Concesión Administrativa da pranta de gas de Reganosa.

Contextualizando aquela época, recuperamos un extracto dunha entrevista concedida a web rebelion.org, naquel tempo, donde Manuel Rdguez. Carballeira, Lalán, daquela coordinador do Comité de Emerxencia, declaraba o seguinte:

"La planta de gas de Reganosa, situada en el interior de la Ria en Punta -Promontoiro, Concello de Mugardos- entró en funcionamiento en 2007. La ubicación original estaba prevista en el Puerto Exterior (Caneliñas), litoral exterior de la Ría.

Reganosa almacena 150.000 toneladas de gas natural licuado (GNL) con un valor energético de 2.000 GW.h (1.800 kilotones), situada al lado de un complejo petroquímico que alberga a su vez 283.000 m3 de combustibles y sustancias químicas. Alrededor de la planta, en un radio de 2000 m, viven 7.000 personas. Las viviendas más próximas, que pertenecen al núcleo de Mehá, están a unos 100 m de la misma. En este núcleo viven 400 personas.

Los grandes buques gaseros que suministran a la planta tienen que transitar por un largo, estrecho y poco profundo canal, en determinadas circunstancias de viento, visibilidad y siempre en pleamar diurna. Esto implica una altísima probabilidad de que, en caso de emergencia, el gasero se quede encerrado en el interior de la ría como en una ratonera, amenazando con su carga a la población de Ferrolterra. Desde la puesta en funcionamiento de la planta, año 2007, el 25% de los gaseros tuvo que abortar la entrada en la fecha programada.

Este conjunto de circunstancias hace que la planta de Reganosa constituya realmente una bomba instalada en el corazón de la ría, que amenaza noche y día a la población que vivimos en su entorno..." (ler íntegra)

Cara a metade do programa, (min. 33) recuperamos unha reportaxe sobre a Pranta de Gas de Reganosa realizada pola radio asturiana Onda Peñes. Nela, Carlos Lareo, daquela integrante do Comité Cidadá e da Comisión de Catástrofes do 061, alerta que en caso de accidente a explosión ou escape de gas afectaría a máis de 100.000 persoas, ao estar instalada no interior dunha Ría tan estreita coma a de Ferrol, ao carón dun centro petroquímico e a 2 Km dun nucleo poboacional de máis de 100.000 persoas, cando a súa ubicación axeitada debera ser o Porto Exterior en Caneliñas... Mais, a ambición de empresarios coma Roberto Tojeiro (quen chegou a recibir unha Medalla de Ouro da Deputación coruñesa, polos seus "méritos") e a complicidade da Admón. Autonómica do momento (Manuel Fraga, PP), fixeron posíbel un dos mayores despropósitos medioambientais de Galicia.

Sintonizamos...
Conduce: Pequeno Monstro.



8 de febreiro de 2016

Divertimento - Especial novidades grella 2008/2009 - 02/10/2008

Estudio `metro cadrado´da Rádio FilispiM no Ateneo.

(02/10/2008, resubida) Divertimento para pequenos monstros, primeira edición da grella 2008/2009. Unha fotografia sonora daquel curso radiofónico da FilispiM, dende o estudo `metro cadrado´ no Ateneo Ferrolán.

Información sobre programas e algunha conexión telefónica cos protagonistas da daquel pasado curso radiofónico: programas de produción allea coma o mítico `Crestas e Imperdíbles´conducido por Medi, de Radio Piratona, ou mesmo conversa con Miguel Castro, un dos impulsores de O Recuncho, programa da Asociación Cultural Fuco Buxán, que naquela tempo (outubro 2008) comezaba a andar e que, co tempo, acadaría a emisión de máis de douscentos espazos, consolidándose coma un dos programas de produción propia máis veteranos da FilispiM.

Outros espazos de produzón propia e allea completaban a programación, coma Spanglish (Fátima e Dimitri), Radio Insurgente (EZLN), Mundofonías (Araceli e Juan)... ou Divertimento.

Introducímonos na monstrosa máquina do tempo e sintonizamos...

Conduce: Pequeno Monstro.

6 de febreiro de 2016

Divertimento - Especial reportaxe no IV Conspirando por unha radio libre - 17/04/2007

Os Chiquilicuatres de Ribeira en plena éxtase conspiranoica...

(17/04/2007) -resubido- Especial edición Divertimento para pequenos monstros emitida o 17 de abril de 2007 dende o estudio "metro cadrado" de Rádio FilispiM, no Ateneo Ferrolán.

Neste programa escoitamos a reportaxe sonora realizada polos pequenos monstros, o xoves "santo" 5 de abril de 2007, no transcorrer do IV Conspirando por unha radio libre, que nesta ocasión se celebrou en San Sadurniño, na sá DZine.

Naquela edición do Conspirando (festival do Colectivo Opaii!-Rádio FilispiM) tocaron os grupos: Chiquilicuatres (Ribeira) proposta festeira de integrantes de A Compañía do Ruido, La Sentina (Ferrol) co seu rock proletário e un dúo formado por Abraham e Cris, ex Lamatumbás, que sorprenderon gratamente cunha proposta novidosa que apresentaban aquela noite...

Quedades con este novo audio rescatado do arquivo sonoro Divertimento.

Conduce: Pequeno Monstro.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...