21 de janeiro de 2009

O músico brasileiro Guinga, agredido por un policia no aeroporto de Barajas.

Na páxina dos amigos e amigas de Mapamundi, atopamos esta nova que pensamos se debe amplificar para que non lle volva pasar a ninguén, nunca máis.

Reproducimos esta nova que nos causou consternación, xa non só pola personaxe e a súa relevancia dentro da música brasileira e internacional, senón polo terribel feito de que un axente da Policía, que en teoría debería traballar para axudar ao cidadán, convértese nun agresor daquel ao que debería axudar.

E asáltanos unha terribel inquedanza: cantos cidadáns anónimos do mundo sofriron isto ou cousas peores, sen que chegue ao noso coñecemento?

O compositor e guitarrista brasileiro Carlos Althier Lemos Escobar, coñecido popularmente como Guinga e famoso por varios éxitos da chamada Música Popular Brasileira (MPB), acusou a un policía español de telo agredido por un incidente no aeroporto madrileño de Barajas.

Guinga, que dixo sufrir a agresión o pasado sábado, fixo a denuncia en declaracións publicadas hoxe polo sitio en internet do diario O Día.

O compositor, de 60 anos e autor de clásicos da MPB como "Bolero de Satá", asegurou que un policía español rompeulle dous dentes dunha puñada.

Segundo o guitarrista, a agresión tivo lugar cando presentou unha queixa polo roubo do seu abrigo no equipo de raios X do aeroporto e logo de tres días de intentos frustrados de regresar a Brasil debido a problemas no aeroporto de Barajas.

"Coloquei na esteira do aparello as miñas dúas mochilas, os zapatos e o abrigo con 400 euros e 200 reais, o pasaporte, as chaves de casa e a billetera con todos os documentos. Quedeime esperando e o abrigo non apareceu", afirmou o músico nas súas declaracións a O Día.

O compositor, que é neto de español, dixo que cualificou de irresponsabeis aos axentes, que lle dixeron que a denuncia tiña que presentala ante a embaixada de Brasil en Madrid.

"Reclamei co policía e díxenlle que non era un problema para reclamar na embaixada, que eu acababa de ser roubado e el non fixo nada para axudarme", engadiu.

Asegurou que tras pedir a axuda doutros axentes, igualmente sen resultados, acudiu ata o posto da policía no aeroporto para reclamar e que a única resposta foi que sen pasaporte non podería viaxar.

"De novo dixéronme que acudise á embaixada brasileira. Cando me din conta, xa estaban empurrándome para sacarme do posto e un policía déume unha puñada", dixo.

"Sentín dous dentes caendo. Saín destruído por dentro: sen diñeiro, sen pasaporte, sen dentes e humillado", agregou.

Guinga asegurou que pouco despois atopou o abrigo tirado nun tanque de lixo do aeroporto co pasaporte pero sen o diñeiro, o que lle permitiu viaxar.

Nas súas declaracións ao xornal brasileiro O Día, o compositor dixo que pasou dificultades durante os tres días que tivo que permanecer en Madrid por problemas co tráfico aéreo.
Fonte : EFE



Últimas noticias!!!!. España lo niega: pincha aquí.

Sem comentários:

Enviar um comentário

Comentando das vida ao blog. Adiante!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...