23 de decembro de 2008

O Apalpador apareceu en Rádio Filispim.

O Apalpador é un vello xigante, de oficio carboeiro, que vive nas devesas das altas montañas. Na noite de Nadal baixaba ás aldeas para achegarse aos nenos e ás nenas que durmían. Caladiñamente, apalpáballes as barrigas para ver se os pícaros estaban ben alimentados. Logo de desexarlle que no ano vindeiro non pasasen máis fame, marchaba deixándolles unha boa presada de castañas quentes.

A tradición galega, recollida por José André Lôpez Goncález nas comarcas do Courel e do Cebreiro, reflicte a conexión desta figura con outras semellantes como o Olentzero, o Pai Inverno ou o propio Papá Noel. Crese que se trata dun costume de orixe pre-cristián que no seu momento debeu estar espallado por todo o país e que foi desaparecendo progresivamente.

O artista local Leandro Lamas realizou, en base aos dados recompilados sobre como podería ser a figura do carboeiro do Courel, a fermosa ilustración que acompaña esta entradiña.

Na edición do pasado martes 23 de dezembro de 2008, tivemos ao Apalpador en Divertimento para pequenos monstros, en exlcusiva mundial para @s ouvintes da Rádio Filispim, a rádio libre e comunitaria de Terra de Trasancos que emite dende Ferrol. Trouxo unha visión menos consumista e máis humana para estas festas.

Na web da Fundaçom Artábria veñen de fazer unha agarimosa referencia á presenza do Apalpador na Rádio Filispim, cunha chiscadela especial ao Divertimento e ao Pequeno monstro (muito obrigado amig@s!!!!). Podedela ver facendo click aquí.

Ogallá calle entre tod@s o intento de recuperazón desta figura senlleira de tradizón galega, que están a fazer colectivos coma a Gentalha do Pichel de Compostela ou a Fundaçom Artábria de Ferrol (Trasancos).

Podesdes ouvir o audio da entrevista ao Apalpador, en Rádio Filispim, ao través deste reprodutor:


A tod@s, pequenas e pequenos monstros, que de cando en vez seguides este blog, ouvides o programa de radio Divertimento, a tod@s @s meus compañeir@s da Rádio Filispim... que o Apalpador vos traiga este Natal unha boa presa de castañas ben quentes. De corazón, os meus mellores desexos para o vindeiro 2009.

O pequeno monstro.

Sorpresa!: se fas click no Apalpador terás un agasallo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Comentando das vida ao blog. Adiante!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...