Amosando publicacións coa etiqueta Serie: arquivo sonoro/históricos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Serie: arquivo sonoro/históricos. Amosar todas as publicacións

23 de decembro de 2009

Divertimento - Serie: arquivo sonoro / historicos: Ferrol Music e outras herbas

No Natal do ano 2000, os monstros do Divertimento realizamos un programa en Radio Fene, no que confesamos telefónicamente ao ferrolán José Feal, quen xunto a Victor Aneiros, andaban a argalla a primeira edizón do Ferrol Music. Un certame cuxa continuidade non callou, mais que forma parte da historia da iniciativa popular (no bon sentido da palabra) que de sempre houbo nos bairros desta cidade.

Aquela primeira edizón do Ferrol Music, desenvolveuse durante varios días do mes de decembro do 2000 no Cantón de Ferrol, e contou coa participación creativa dos seguintes grupos e solistas da comarca, algúns deles desaparecidos, outros incombustíbeis: Paloma Suanzes, Cachimonia, Victor Aneiros Blue Note Band, Durango Express, Julie Guravich Cuarteto, Jarry Navison Band, Los Trastones, Los Pacos, Entre Paréntesis, Riff-Raff, Consumatum Est, ou mesmo Wisdom.

Queremos con este programa fazer unha homenaxe a toda esa xente de Ferrol e comarca que adica ou adicou unha parte do seu tempo, de maneira desinteresada, a pór en marcha iniciativas dinamizadoras que apostan (e apostaron) polo de aquí, no caso concreto de Ferrol Music, pola sobresaínte canteira músical ferrolterráquea.

Como guinda final do programa, escoitamos unha entrevista que Ana Santiago (Lucecú), lle realizou a Julián Hernández, logo do concerto que naquel Natal do 2000 fixeron os Siniestro Total, no Pabillon de A Malata en Ferrol.

Na entrevista a Julián ponse de manifesto que o Pabillón de A Malata en Ferrol, non é o espazo máis axeitado para poder ouvir e disfrutar, un concerto de música "moderna", mais dez anos despois segue a ser a única opción que oferece o noso concello para estes eventos, semella que menos prioritarios que a "música culta". Esta cuestión non deixa de ser un anacronismo máis, tendo en conta o que estamos a falar: a intensa relación dos viciñ@s da nosa comarca con todas as músicas.

No programa, ademáis ouviredes algún "textículo" do Pequeno Monstro, interpretados pola Ana Lucecú e o propio Monstro: Movimento Lento, Confesión e Outono verbalizado. Agardo que tra-la súa escoita vos suba a temperatura, que falta fai con esta friaxe!!!

A vindeira semán seguiremos recuperando gravazóns do arquivo histórico de Divertimento. Mais, non marcho sen vos desexar a todas e todos unhas monstrosas e divertidas Festas!!!!

Descargar o arquivo


Nota: imaxe superior tirada do blog: http://www.canidosostible.blogspot.com

11 de decembro de 2009

Divertimento - Serie: arquivo sonoro / historicos: Radio Kaos (2)

Imaxe dunha dunha das grellas de Radio Kaos (Ferrol)

"Aquí Radio Kaos, a emisora universitaria e libre que okupa o 96.3 da FM en estéreo supersónico". Desta forma indicabamos ao persoal que demos andaban a sintonizar, cando as emisións de Divertimento para Pequenos Monstros na emisora do campus de Serantes-Ferrol, naqueles 2000.

O programa que hoxe vos oferecemos debeu ser emitido na grella 1999/2000.

Este Divertimento ábrese cun par de textos do Pequeno Monstro (Poema Bomba e Aquela Casiña), segue cun poema do ferrolán Santi Ribera e finda, na súa primeira metada adicada aos textos, con Rosa de Sanatorio de Don Ramón María del Valle-Inclán, surreal poema enunciado nas noites de finais dos oitenta, por José Luis Moreno-Ruíz no seu memorábel programa (do mesmo nome) en Radio 3.

Na segunda parte do programa falamos con todo un personaxe daquelas noites ferrolás dos noventa: Raúl "El Ilegal". Daquela, Raúl tiña un local de copas na Rúa do Sol de Ferrol, facía debuxos e .... Bon, escoiten o programa.

Lembro a perfección a tarde en que entramos pola porta da Escola U. Politécnica de Serantes, dende donde emitía Radio Kaos, o Raúl e mais eu. O Raúl apareceu cun enorme teclado Farcisa TK61. Aínda o estou a ver, levaba unha gafas de rallar, tan delgado el con ese teclado que case o duplicaba en tamaño e peso, atravesando a porta da Politécnica camiño do estudio, ante a mirada atónita dos estudantes. Na conversa con Raul, acompáñanos Suso Suciedad, sombra de Divertimento naquela etapa.

Daqueles anos e daquelas ondas, lembramos estes programas: O que nós sabemos e vostedes non (Santi Bergantiños e compaña), Shock (Bárbara Calavera Zalamera), Ábrete de Orellas e Chicas Católicas (Pepe Luis Cunha), Disidente (Iván), O Lucecú (Ana Santiago), Galiza Solidaria (Cebral), Café Jazz (Manuel Lorenzo), Manchita Cosa (Suso Suciedad e Paulopablo), Autopista 61, El Taller del Duende, Con Alma de B-Boy, Sinfonías Metálicas, A letra "A" e Expresión Directa (Xabi e Iván), Divertimento para pequenos monstros / Textículos by me (Pequeno Monstro con Ana Lucecú & Suso Suciedad), nun asalto radiofónico perpretado a man armada de poemas.

Ti mesm@ podes completar esta lembranza á Radio Kaos comentando esta entrada ao pe.
A próxima semana o Pequeno monstro, desvelara quen e como se `cargou´ Radio Kaos.
Entre tanto, para lembranza de tod@s, rescatamos do arquivo unha imaxe da grella do vrao do 2000, daquela sorprendente emisora. Un documento valorado agora mesmo en 20.000€, que encabeza esta entrada .

Ficades co audio bomba...

http://www.mediafire.com/listen/0yto7tr9p4t00ah/DivertimentoHistoricos_Raul_Ilegal.mp3

7 de decembro de 2009

Divertimento - Serie: arquivo sonoro/historicos: Textículos by me. Radio Kaos.

No vrao do ano 2000, Divertimento para pequenos monstros realizou no estudio da desaparecida en combate (consigo mesmo), Radio Kaos de Ferrol, unha serie de programas especiais intitulados Textículos by me.

A cuestión foi como segue: unha fermosa praia, unha caseta de socorro, a megafonía e tres socorristas: Ana Lucecú, Suso Suciedad e André Pequeno Monstro. Un cenario imaxinario de diálogos inocentes e melancólicos.

A última parte do programa que vos oferecemos, sintetiza o espírito daquelas edicións: experimentación sen límites, ao interpretar un texto mimimalista durante case vinte minutos alterando as voces dende a mesa de control de son, co fundo musical da peza Koyaanisqatsi do neoiorquino Philip Glass, a soar pola megafonía da caseta de socorro daquela praia inventada.

O texto en cuestión, Son Persoa, comeza inocente, mais co paso dos minutos e embuido nas notas musicais de Glass, convértese nun mantra surreal que nos leva ao éxtase final coa peza La Estatua del Jardín Botánico de Radio Futura.

Estudio: Radio Kaos. Serantes-Ferrol. Xullo de 2000.
Intepretación, voces e ideas: Ana Lucecú, Suso Suciedad e André Divertimento.
Selección musical: Pequeno Monstro.
Guión e textos: Pequeno Monstro.

Ficades na praia, co audio. Coidado coas ondas.

Descargar o arquivo

26 de novembro de 2009

Divertimento - Serie: arquivo sonoro/históricos: Suso Suciedad e Paco Pestes.

Un oito de xuño de 2001 visitaron Divertimento dous ilustres pequenos monstros de Ferrol: Suso Suciedad e Paco Pestes García.

Para nos situar, tomabamos as copas no Dada Circus, na defenestrada Radio Kaos retumbaban programas coma "Expresión Directa", "O que nós sabemos e vostede non" ou mesmo "Manchita Cosa" (si, antes de ser o local supervivinte da Madalena ferrolá foi un programa de radio).

Paco Pestes foi o responsábel de que o Pequeno Monstro se lease cunha rapaza chamada Radio, cando este e outros alucinados dos primeiros oitenta (Pedro "Maltrana", Luz...) realizaban en Radio Fene o Cuasimodo. Un día, Santi presentoume ao Paco nunha casa usurpada en Recimil. Anos despois, cos auspicios espirituais de Suciedad, este vería editado o seu máis afamado libro de poemas: "El último cigarrito de los nuevos sofistas callejeros".

Daquela, Suso Suciedad apresentoume a Antonin Artaud e a saga dos Panero (La Transmigración de la Locura). A banda sonora a tanto verbo púñaa un tal Corcobado, advertíndonos de que son as mulleres as que andan a pór coches bomba por haí. Ademáis, Suciedad, cando nadie nos veía me pasaba os seus poemas aterrados en fanzines malditos (Nada es Verdad), que antes escribiu en trozos de papel do wc para ler, xunto ao meu irmán Paulopaulo, naquel precipicio radiofónico de Serantes punto e principio de tantas cousas.

Nesta edición antediluviana de Divertimento para pequenos monstros, Ana Lucecú e o Pequeno Monstro, interrogan e fan tremar a estes dous de Ferrol. O programa remata en conexión cunha Lupe Ces dez anos máis nova, na Praza do Desarme de Ferrol nun acto da Marcha Mundial das Mulleres a pról do pobo palestiniano.

Friqui non é un conceito tan moderno, vén daquela. Ficades co audio.

Descargar o arquivo

22 de novembro de 2009

Divertimento-Serie: arquivo sonoro/históricos: textos (2)

Estou sentado na beira dun río azulh, sen zapatos.
Os meus pés son acariñados pola corrente e fáime cóxegas.
Vexo salmóns, troitas e sinto como pasan entre as miñas pernas a toda velocidade, coma xogando entre os meus pés descalzos.
Miro cara adiante e unha fermosa carballeira é difuminada por unha fonda néboa.
Creo ter visto animaliños correteando.
Algúns pasan moi perto de min.
Paran ao chegar.
Ao pouco disimulan, como si nada.
Collen algunha bellota, algún outro froito do verde chao e voltan a toda velocidade cara ao frondoso bosque.
Ule ben, a verde.
No meu narís pousa unha bolboreta azulh.
Fáime cóxegas.
Penso que vou esbirrar.
Mais, antes de que poida despréndese, fica leve a altura da miña faciana, sorrime a váise despacio voando lenta.
Desaparece, desprendida.

Estou sentado na beira dun río azulh, sen zapatos.
A min dame igual, porque me gosta...

Extracto de Sono azulh.
Pequeno Monstro.

Divertimento para pequeno monstros: edición do 13 de outubro de 2000, orixinalmente emitida por Radio Fene.
Locución e ideias: Ana Santiago (Lucecú) e Pequeno Monstro [André C. P.]
Selección musical: Pequeno Monstro.
Textos: Pequeno Monstro.

Descargar o programa
c

13 de novembro de 2009

Divertimento - Serie: arquivo sonoro/históricos: textos

Un estudio de radio pode converterse de súpeto nun parque outonado, nunha praia deserta de bañistas ou na mirada inocente dun neno. É imprescindíbel que de cando en vez sexa así, para disfrute dos aqueloutrados da radio.

Deso foron as emisións de Divertimento para pequenos monstros, na etapa en que o programa se emitia en Radio Fene.

Un 27 de outubro de 2000, unha tal Ana Lucecú e André Divertimento [coa colaboración no primeiro texto de Paulo Puntoeprincipio], interpretan os guións dun tal Pequeno Monstro.

A cuestión foi como segue: o Pequeno Monstro maquinaba en praias solitarias aqueles textos. Despois quedaba con Ana Lucecú no Mister ou no Café do Patín, en Esteiro. Ensaiban os textos e só ficaba procurar melodías infinitas que servirán de almofada a tanto verbo outonado.

O resultado foi o que segue neste programa. Para a vindeira semán máis follaxe.

Descargar o arquivo

4 de novembro de 2009

Divertimento - Serie: arquivo sonoro/históricos: Traje de Saliva.

Traje de Saliva foi un grupo que naceu en Vigo no ano 1998 baixo os auspicios espirituais de Mon Ninguén e Una Vena. Daquela, por cuestións laborais, Mon andaba por Ferrol e un bon día un tal Suso Suciedad presentoullo ao Pequeno Monstro. Ise foi o prinicipio do fin.

Traían baixo o brazo un mini cedé (Ep) titulado "El Cuerpo y la Ciudad" (1999) e o seu primeira duración "Mima" (2000). Con todo ese material os Pequenos Monstros decidimos que xa era dabondo, polo que secuestrámolos durante unha hora no estudio de Radio Fene, naqueles tempos refuxio do Divertimento.

Baixo o manto sonoro daqueles dous primeiros traballos de Traje de Saliva, un dezaséis de febreiro de 2001, cometimos unha entrevista-crime que comeza inocentemente (para despistar) e remata con preguntas do tipo:

- Sentídevos sós en todo isto?
- Considerádevos uns intelectuais do mundo?
- Vedes a televisión?
- Que comedes normalmente?
- Pensades que poderedes comer algún día das vosas músicas?
- Enviariades a vosa música ao espacio exterior?
- Que pensades das vacas tolas e todo iso?

Pois nada, que disfrutedes do audio e a próxima semana haberá máis aquí en Divertimento para pequenos monstros.

Descargar o arquivo

26 de outubro de 2009

Divertimento - Serie: arquivo sonoro/históricos.

Con esta edición de Divertimento, principiamos unha serie de programas nos que recuperaremos do fondo do arquivo sonoro do Pequeno Monstro, gravacións realizadas noutras etapas do programa. Todas elas permanecian caladas en cintas de casetes que iremos dixitalizando cada semán, pra volver a revivir.

En abril do ano 2001, Divertimento para pequenos monstros emitiase en Radio Fene. Daquela, Ana Santiago (Lucecú) acompañaba ao Monstro na conducción do programa.

Os contidos dunha daquelas históricas edicións que recuperamos hoxe, son os seguintes:
  • Casa Encantada de Santiago de Compostela. Entrevista a Fran del Buey.
  • Novo Circo de Ferrol. Entrevista a Clara e Sabela.
  • Fundaçom Artábria. Entrevista a Alexandre e Ismael.
  • Homenexe ao Victor do Mr. Natural de Esteiro-Ferrol.
  • Ana Lucecú entrevista na Malata a Julian Hernandez (Siniestro Total).
En vindeiras edicións seguiremos a recuperar gravacións realizadas entre os anos 1998 e 2002 na Radio Kaos (desaparecida emisora universitaria de Ferrol) e Radio Fene (hoxe reconvertida en Radio Fusión). Resucitaremos as vozes de persoas humáns, músicos e colectivos que protagonizaron aqueles anos. Algúns deles seguen na brecha, outros ao desaparecer foron berce de novas iniciativas e os demáis ficaban durmidos na nosa memoria á espera de seren pasto da nostalxia... ou dos pequenos monstros.

Descargar o arquivo
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...