18 de março de 2009

Radio Tierra y Libertad, Monterrey México.

En México continúa a represión contra as radios comunitarias. O exemplo claro témolo no caso de Radio Tierra y Libertad, no Estado de Novo León. Unha emisora dun vatio de potencia, con alcance duns catro quilómetros entre asentamentos de clases populares ao oeste da cidade de Monterrey. Esta radio foi fechada o pasado mes de xuño por 150 policías federais, sen previo aviso e comisando os equipos.

Desde entón abriuse un proceso xudicial importante contra esta radio comunitaria. A Procuradoría Xeral da República acusa á radio comunitaria de operar sen concesión legal. Na operación policial detiveron a unha persoa encargada de transmitir o sinal, a cal foi presentada ante o Ministerio Público federal. No local da radio incautáronse dous equipos informáticos, un transmisor, unha mesa de mesturas, tres micrófonos e unha antena.

As autoridades sinalan que a radio comunitaria Tierra y Libertad non cumpriu co establecido na Lei Xeral de Bens Nacionais que estabelece sancións que van de dúas a doce anos de prisión, e multas de 300 a mil veces o salario mínimo a quen use, aproveite ou explote un ben da nación, sen obter a concesión ou permiso, ou celebrado algún contrato coa autoridade competente.

As radios comunitarias mexicanas, pola súa banda, reclaman a regularización da súa actividade. Sinalan que a actividade destas emisoras responde a proxectos sociais, de utilidade pública, sen ánimo de lucro e de participación democrática da cidadanía en medios de comunicación propios. Afirman ao Goberno mexicano que por máis que se empeñe en reprimir este movemento de comunicación social as emisoras seguirán existindo e reclamando o seu dereito a participar no espazo radioeléctrico.

Desde México, o xornalista Javier Solórzano entrevista a Héctor Camero Haro, responsable da emisora Tierra y Libertad, quen conta o peche que sufriron, o proceso xudicial aberto e conta, ademáis, o proxecto da radio comunitaria.




Texto e audio publicado en Más Voces : www.masvoces.org

Sem comentários:

Enviar um comentário

Comentando das vida ao blog. Adiante!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...