25 de agosto de 2008

Facer radio dende a comunidade.

O compañeiro Cholo de Rádio FilispiM, achegóunos estes días un artículo verbo das radios libres e comunitarias asinado por Marcos S. Pérez, que remata de publicarse no sitio Temposdixital. Pareceunos interesante, polo que o reproducimos neste blog. Por certo, a asemblea Rádio FilispiM, está a argallar a nova grella, que traerá novidades ás ondas ferrolás e trasanquesas. Máis informacións en próximas entradas.

Ficades co interesante artículo que nós ilustramos con afotos e, ao final, un interesante video sobre a historia de
Rádio Pica de Barcelona, sen dúbida unha das radios libres históricas máis creativas do noso Monstro-Estado.

Agora que o espazo radiofónico se volveu arañeira con centro en Madrid, as radios libres e comunitarias seguen a manter o compromiso dun medio feito por e para o común. A tal encomenda fican fieis en Galicia as seis emisoras integradas en Regarlic.

Facer radio dende a comunidade.
Un artigo de Marcos S. Pérez
.

As radios libres e comunitarias xorden da necesidade, xorden da ausencia de emisoras que dean voz a colectivos (veciñais, políticos, sociais, ecoloxistas…) que non atopan a posibilidade de se expresar nos medios de comunicación convencionais. A radio é o medio máis próximo ao cidadán. Porén, na actualidade as máis das emisoras ficaron convertidas en simples repetidores da programación de grandes cadeas, cuxos micrófonos atópanse moitas veces a centos de quilómetros. A este respecto, o profesor Emili Prado, galego afincado en Barcelona, apuntou nunha ocasión que a radio constitúe un “minifundio de emisión e un latifundio de información”. Xa o informe McBride recomendaba a creación e o fomento de medios de comunicación locais pois “a comunicación convértese nun elemento indispensábel do labor de desenvolvemento e da vida social de cada localidade”.

En Galicia, a primeira e efémera emisión dunha radio local (Radio As Mariñas) tivo lugar o 25 de xullo de 1980. A experiencia durou os oitenta minutos que tardou a Garda Civil en chegar até a emisora cunha orde de peche. Catro anos máis tarde, Fene puxo en marcha a súa radio (Radio Fene, hoxe Radio Fusión) e, grazas a que desoíu as ordes de peche lanzadas dende o Goberno Civil, puido asentarse e abrir o camiño polo que despois outros concellos crearían a súa emisora.

Emparento as emisoras municipais coas comunitarias porque, idealmente, unha radio municipal nace ao servizo dos cidadáns, o que comporta descentralización, acceso, participación e non lucro, aspectos todos comúns ás radios libres. De feito, a propia Radio As Mariñas xustificaba o seu nacemento en dous piares, a democracia e o autogoberno: “Democracia e comunicación son inseparábeis. Non poderá haber consolidación democrática sen medios de expresión ao servizo do pobo, sen xornais, radio e televisión que promovan a participación popular. Autogoberno e comunicación son tamén inseparábeis, ramas dunha mesma árbore. Unha auténtica autonomía de Galicia non se pode sacar adiante sen medios de comunicación propios, escritos ou falados na nosa lingua e que difundan a conciencia nacional”.


Seis exemplos galegos

Na actualidade podemos sinalar a existencia no noso país de seis emisoras libres, que conforman a Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias, Regarlic, creada co obxectivo de compartir experiencias, acadar o recoñecemento da súa labor social e mellorar as súas condicións de emisión. Ademais, en Ourense funcionou durante anos Radio Bemposta, e en Vigo debe ser salientado o papel de Radio Coia e Onda Nada, emisoras todas nacidas co obxectivo de dar voz ao barrio ou comunidade dos veciños que representan e para os cales emiten. Todas estas emisoras, ademais, atoparon na rede unha boa ferramenta para a súa difusión. Nas súas emisións en liña ou na distribución de arquivos de son non hai licencias, nin saturación do espectro, nin interferencias, nin cobertura limitada.

Radio Piratona comezou a emitir o 8 de marzo de 1988 (Dia da Muller Traballadora), no 104.9 FM desde a escola de FP de Teis. Dous meses despois tiveron que abandonar o centro, que recibira presións dende o Goberno Central. Nos anos seguintes, a Piratona emitiu dende un pub do centro de Vigo, até que mudou a súa sede ao Centro Social ocupado da Ruela. Foron mudando tamén as súas frecuencias de emisión, sucesivamente apropiadas por emisoras legais, até chegar á definitiva (polo de agora) 106.0 FM. Dende 2001 Radio Piratona mantén unha estabilidade, tanto nos seus locais, coma nos seus equipos, que lle permitiu consolidar a súa programación e actividades.

Filispim é iniciativa da Asociación Cultural para a Activación de Medios de Comunicación Alternativos (Colectivo OPAíí Ferrol), amparada por diversas entidades culturais, sociais e reivindicativas da comarca de Ferrolterra, entre as cales se atopa o Ateneo Ferrolán, sede social do colectivo.

Radio Kalimera vén funcionando dende hai máis de 15 anos, iniciando a súa actividade na residencia universitaria do Burgo das Nacións. Despois de varias etapas, e de cesar as súas emisións durante un tempo, retomou a actividade en febreiro de 2007, no 107.9 FM. En xuño comezou a emitir en internet, o que lles serviu para paliar a limitada cobertura que acada dende a súa sede na Casa Encantada de Compostela.

Na Coruña, CuacFM ten xa unha longa traxectoria, de máis de dez anos, emitindo dende a Universidade da Coruña baixo a coordinación dunha asociación que funciona dentro da propia UDC. Ten unha programación moi completa e consolidada, e é a única destas emisoras que acepta algún tipo de publicidade ou patrocinios.

En Lugo, Radio Clavi funciona mediante unha coordinadora de asociacións de diversos ámbitos, conformando a Asociación polo Movemento Radiofónico Lugués. Naceu en 1997 e despois de emitir durante un ano unha orde do Goberno Civil esixiu o seu peche; mesmo solicitaron unha licenza nunha convocatoria que ofrecía unha frecuencia para unha "emisora cultura e educativa"; gañouna a Asociación da Prensa de Lugo, que nunca exerceu a función para o que lle fora concedida. Radio Clavi regresou a finais de 2005, e dende entón continúa as súas emisións, con programas musicais, de debate e mesmo informativos.

Radio Corme ou Radio Roncudo, no concello de Ponteceso, iniciou emisións no verán do 2004 baixo a iniciativa da Asociación de Veciños de Corme. Hai que ter en conta que na comarca de Bergantiños non hai radios municipais e a única programación local provén das desconexións de Radio Voz e a Cadena SER.

Radios comunitarias: corenta anos de historia

A aparición das radios libres nos anos sesenta e setenta veu poñer de manifesto o descontento que provocaban os monopolios radiofónicos do continente. Os primeiros intentos amosaban espíritos dispares, mais compartían a necesidade dun discurso renovado e contracultural: as emisoras inglesas nos anos 60 (Radio Caroline, Radio City) partían dunha perspectiva eminentemente comercial; as aparecidas en Francia e Italia a finais dos anos setenta, en troques, partían duns obxectivos e dun discurso máis políticos (como a ecoloxista Radio Vert en Francia ou as moi diversas emisoras libres italianas, lideradas por Radio Alice e a súa estratexia de “guerrilla informativa” e o seu estilo “mao-dadaísta”).

As primeiras experiencias no Estado Español non chegan até 1979, cando bota a andar Ona Lliure, grazas a un colectivo de profesores e de alumnos da Facultade de Ciencias da Información de Barcelona. Nos oitenta, froito do desencanto ante a política gobernamental de medios, xurdiron novas emisoras; cando as distintas forzas de esquerda chegaron a controlar o poder, en lugar de converter os medios de aparellos de distribución en aparellos de comunicación -como esixía Bertolt Brecht en 1932-, mantiveron ou afirmaron a situación de control. En 1983 a reunión da Coordinadora de Radios Libres Villaverde definiu os obxectivos e as normas de funcionamento deste tipo de emisoras: carácter non profesional; funcionamento autoxestionario; autonomía perante os grupos de presión; participativos e unificadores dos conceptos de emisor/receptor; en loita contra o monopolio e a centralización da información; e potenciadores dunha forma de vida alternativa á actual.

Os valores das ondas libres

Os grupos e entidades que compoñen o Terceiro Sector teñen hoxe unha oportunidade de incuestionable transcendencia, pois poden expresar as preocupacións cidadás, esixir responsabilidade dos poderes públicos, promover as súas comunidades, cubrir necesidades insatisfeitas e, en xeral, mellorar a calidade de vida. É dicir, constituírse nun Terceiro Sector situado nas fronteiras dos tradicionais actores que representan o Estado, o mercado e as redes primarias, e que permite a apertura de espazos autónomos óptimos para impulsar accións colectivas xeradas desde a sociedade civil. Xa Manuel Castells, en A Galaxia Internet, fala dun novo sistema de relacións sociais “centrado no individuo, construído ao redor do que se poderían chamar ‘relacións terciarias’ ou ‘comunidades personalizadas”. Castells explica que este proceso se ve favorecido pola “crise do patriarcado, a desintegración do núcleo familiar, e a crise da lexitimidade política, mentres que o crecente distanciamento entre cidadáns e Estado socava os mecanismos de representación e fomenta a retirada do individuo da esfera pública”.

As radios libres lémbrannos a necesidade de recuperarmos os conceptos de radio horizontal, co emisor e o receptor situados no mesmo nivel, e de acceso, cunhas emisoras feitas non só para a comunidade senón tamén feitas pola comunidade. A radio local debe aproveitar as potencialidades propias dun medio de proximidade, afastándose da imitación de modelos e do discurso unidireccional, de cara a construír un medio de comunicación baseado no diálogo e na interacción. Só de aí pode partir unha verdadeira relación entre medio e sociedade e mais un sistema de comunicación adaptado a cada espazo, a cada comunidade.

Mércores 20 de agosto de 2008.
Marcos S. Pérez.


Sem comentários:

Enviar um comentário

Comentando das vida ao blog. Adiante!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...