O venres 16 de xaneiro de 2009 ás 9 da noite, terá lugar a XIV edición do Festival Treme a Terra. Será no Parque Sarmiento (fronte a gasoliñeira) e a entrada ao mesmo será de balde.
Os grupos que tocarán serán: Betagarri, Arenga, Magnifique Band e Chamalle Xis.
Imos por partes, monstros:
Arenga: Punk-rock, unha das bandas eumesas máis activas da Galiza nestes momentos, polo número de concertos e pola súa vitalidade. Xogan en casa. Agárrense!.
Betagarri: Ska dende Euskadi. Pola cantidade de discos que levan vendidos (e polos que non) e polos seus directos (Xapón, Alemaña, USA...), vai ser que pode que os coñezas ou teñas un dos seus discos (robados) na túa casa. En todo caso: batería, baixo, guitarras, saxo, trompeta e trombón e un tipo que canta. Paréceche pouco, monstro?
Chámalle Xis: Rock & Roll, soul e outros ritmos, dende A Corunha. Tamén podes chamarlles Miqui, María, Arón e Gaita.
Magnifique Band: Unha banda que vén de tocar neste nadal polas rúas de Ferrol. Música dixie ás costas. Digno de ver e escoitar. Made in Pontedeume.
O responsábel de toda esta xolda é a Asociación Cultural Treme a Terra que se autodefine así:
Nacimos no ano 94 da man dun grupos de mozas e mozos con moitas inquedanzas tanto culturais, como políticas, sociolóxicas e sobre todo musicais.
Creamonos fundamentalmente para a promoción do uso da Lingua Galega no eido musical e sobre todo para que tod@s poidamos disfrutar dun día de festa e aprendizaxe.
Ano tras ano, seguimos coa mesma ilusión preparando cada Festival, esperando que sexa do agrado da xente que todos os anos aparece para darnos o seu apoio e tamén daquela que descubre este Festival e disfruta del.
Non sempre é doado e moitas veces atopamos mil importunios e zancadillas á hora de preparar o Festival, pero seguiremos loitando ata que deixe de ter sentido para nós. Mentres tanto, seguiremos ao pé do cañón, para tentar que cada ano supere ao anterior.
Pra findar, pequenas e pequenos monstros, lembrados que o vindeiro xoves 15 de xaneiro, a partir das oito da noite, teremos un especial Divertimento en Rádio FilispiM, 93.9 FM, coa presenza no estudio dalgúns dos intregrantes da asemblea de Treme a Terra e do grupo punk Arenga. Así que non perdades a sintonía filispiniana!
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Comentando das vida ao blog. Adiante!