11 de decembro de 2009

Os medios comunitarios presentan emendas ao proxecto de Lei Audiovisual do Estado español.


O Congreso español debate actualmente o proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Existe un anteproxecto e actualmente os diferentes grupos parlamentarios presentaron as súas correspondentes emendas para terminar de dar forma ao que será a Lei que rexerá no futuro as comunicacións no Estado español.

A devandita Lei non contenta aos medios comunitarios, que tamén presentan as súas emendas á Lei.

Gorka Andraka, de Tas Tas Irratia, en Bilbao, entrevista sobre este asunto a Mikel Estarrona, integrante da propia Tas Tas Irratia, e tamén da comisión de Lexislación e Dereito á Comunicación da Rede de Medios Comunitarios (ReMC), quen analiza o proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual e estima que o proxecto do Goberno español cercena o Dereito á Comunicación.

Rádio Filispim forma parte da Rede Estatal de Medios Comunitarios (ReMC), dende novembro de 2009.






Audio tirado de Más Voces : www.masvoces.org

Video: campaña "10-D, polo dereito a comunicar", da ReMC.

7 de decembro de 2009

Divertimento - Serie: arquivo sonoro/historicos: Textículos by me. Radio Kaos.

No vrao do ano 2000, Divertimento para pequenos monstros realizou no estudio da desaparecida en combate (consigo mesmo), Radio Kaos de Ferrol, unha serie de programas especiais intitulados Textículos by me.

A cuestión foi como segue: unha fermosa praia, unha caseta de socorro, a megafonía e tres socorristas: Ana Lucecú, Suso Suciedad e André Pequeno Monstro. Un cenario imaxinario de diálogos inocentes e melancólicos.

A última parte do programa que vos oferecemos, sintetiza o espírito daquelas edicións: experimentación sen límites, ao interpretar un texto mimimalista durante case vinte minutos alterando as voces dende a mesa de control de son, co fundo musical da peza Koyaanisqatsi do neoiorquino Philip Glass, a soar pola megafonía da caseta de socorro daquela praia inventada.

O texto en cuestión, Son Persoa, comeza inocente, mais co paso dos minutos e embuido nas notas musicais de Glass, convértese nun mantra surreal que nos leva ao éxtase final coa peza La Estatua del Jardín Botánico de Radio Futura.

Estudio: Radio Kaos. Serantes-Ferrol. Xullo de 2000.
Intepretación, voces e ideas: Ana Lucecú, Suso Suciedad e André Divertimento.
Selección musical: Pequeno Monstro.
Guión e textos: Pequeno Monstro.

Ficades na praia, co audio. Coidado coas ondas.

Descargar o arquivo

26 de novembro de 2009

Divertimento - Serie: arquivo sonoro/históricos: Suso Suciedad e Paco Pestes.

Un oito de xuño de 2001 visitaron Divertimento dous ilustres pequenos monstros de Ferrol: Suso Suciedad e Paco Pestes García.

Para nos situar, tomabamos as copas no Dada Circus, na defenestrada Radio Kaos retumbaban programas coma "Expresión Directa", "O que nós sabemos e vostede non" ou mesmo "Manchita Cosa" (si, antes de ser o local supervivinte da Madalena ferrolá foi un programa de radio).

Paco Pestes foi o responsábel de que o Pequeno Monstro se lease cunha rapaza chamada Radio, cando este e outros alucinados dos primeiros oitenta (Pedro "Maltrana", Luz...) realizaban en Radio Fene o Cuasimodo. Un día, Santi presentoume ao Paco nunha casa usurpada en Recimil. Anos despois, cos auspicios espirituais de Suciedad, este vería editado o seu máis afamado libro de poemas: "El último cigarrito de los nuevos sofistas callejeros".

Daquela, Suso Suciedad apresentoume a Antonin Artaud e a saga dos Panero (La Transmigración de la Locura). A banda sonora a tanto verbo púñaa un tal Corcobado, advertíndonos de que son as mulleres as que andan a pór coches bomba por haí. Ademáis, Suciedad, cando nadie nos veía me pasaba os seus poemas aterrados en fanzines malditos (Nada es Verdad), que antes escribiu en trozos de papel do wc para ler, xunto ao meu irmán Paulopaulo, naquel precipicio radiofónico de Serantes punto e principio de tantas cousas.

Nesta edición antediluviana de Divertimento para pequenos monstros, Ana Lucecú e o Pequeno Monstro, interrogan e fan tremar a estes dous de Ferrol. O programa remata en conexión cunha Lupe Ces dez anos máis nova, na Praza do Desarme de Ferrol nun acto da Marcha Mundial das Mulleres a pról do pobo palestiniano.

Friqui non é un conceito tan moderno, vén daquela. Ficades co audio.

Descargar o arquivo

Nace Audiolivre, un podcast con xenio.

Audiolivre pretende ser un arquivo de audios con licencias libres. Os principios que rexirán a selección de contidos serán o anticapitalismo, o antiracismo, o antisexismo, o antimilitarismo, a defensa do medio, o idioma galego e o coñecemento libre.

Audiolivre preséntase en forma de podcast, no que se poden escoitar os audios na rede, ou baixalos cadaquén ao seu computador. A páxina permite facer búsquedas, ou escoller temas da nube de etiquetas. Todos os arquivos de audiolivre están aloxados en archive.org.

Calquera persoa pode rexistrase e subir audios que considere interesantes sempre que respecten os principios enumerados anteriormente. Se queres colaborar no proxecto, facer algún comentarios ou suxerencia, ou simplemente tes un audio e non queres pasar o chollo de subilo podes contactar con nós a través do correo electrónico: audiolivre@arkipelagos.net

22 de novembro de 2009

Divertimento-Serie: arquivo sonoro/históricos: textos (2)

Estou sentado na beira dun río azulh, sen zapatos.
Os meus pés son acariñados pola corrente e fáime cóxegas.
Vexo salmóns, troitas e sinto como pasan entre as miñas pernas a toda velocidade, coma xogando entre os meus pés descalzos.
Miro cara adiante e unha fermosa carballeira é difuminada por unha fonda néboa.
Creo ter visto animaliños correteando.
Algúns pasan moi perto de min.
Paran ao chegar.
Ao pouco disimulan, como si nada.
Collen algunha bellota, algún outro froito do verde chao e voltan a toda velocidade cara ao frondoso bosque.
Ule ben, a verde.
No meu narís pousa unha bolboreta azulh.
Fáime cóxegas.
Penso que vou esbirrar.
Mais, antes de que poida despréndese, fica leve a altura da miña faciana, sorrime a váise despacio voando lenta.
Desaparece, desprendida.

Estou sentado na beira dun río azulh, sen zapatos.
A min dame igual, porque me gosta...

Extracto de Sono azulh.
Pequeno Monstro.

Divertimento para pequeno monstros: edición do 13 de outubro de 2000, orixinalmente emitida por Radio Fene.
Locución e ideias: Ana Santiago (Lucecú) e Pequeno Monstro [André C. P.]
Selección musical: Pequeno Monstro.
Textos: Pequeno Monstro.

Descargar o programa
c

13 de novembro de 2009

Divertimento - Serie: arquivo sonoro/históricos: textos

Un estudio de radio pode converterse de súpeto nun parque outonado, nunha praia deserta de bañistas ou na mirada inocente dun neno. É imprescindíbel que de cando en vez sexa así, para disfrute dos aqueloutrados da radio.

Deso foron as emisións de Divertimento para pequenos monstros, na etapa en que o programa se emitia en Radio Fene.

Un 27 de outubro de 2000, unha tal Ana Lucecú e André Divertimento [coa colaboración no primeiro texto de Paulo Puntoeprincipio], interpretan os guións dun tal Pequeno Monstro.

A cuestión foi como segue: o Pequeno Monstro maquinaba en praias solitarias aqueles textos. Despois quedaba con Ana Lucecú no Mister ou no Café do Patín, en Esteiro. Ensaiban os textos e só ficaba procurar melodías infinitas que servirán de almofada a tanto verbo outonado.

O resultado foi o que segue neste programa. Para a vindeira semán máis follaxe.

Descargar o arquivo

6 de novembro de 2009

V encontro da ReMC (Rede estatal Medios Comunitarios).

Todo preparado para o 5º encontro da Rede estatal de Medios Comunitarios (ReMC). Será en Barcelona entre os días 6, 7 e 8 de novembro de 2009.

Ademáis este 5º encontro responde á primeira asemblea xeral da ReMC, logo da súa constitución legal en maio deste 2009, autodefiníndose coma "un espazo de organización e traballo conxunto entre os medios do terceiro sector da Comunicación".

Mais, os alicerces da ReMC datan de hai catro anos, baixo o propósito de constituir unha rede na que recoller as experiencias das radios libres, das televisións comunitarias, emisoras on-line e medios alternativos de todo el Estado español.

Entre os puntos da orde do día a tratar nesta Asemblea, estará a aprobación de novas incorporacións de outros colectivos comunicacionais á ReMC , coma é o caso de Rádio Filispim a radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos que emite dende Ferrol no 93.9 da FM, dende agosto de 2005.



Escoita e descarga a cunha do V encontro da ReMC
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...