21 de agosto de 2008

VII Encontro Internacional da Marcha Mundial das Mulleres, do 14 ao 21 de outubro, en Vigo.


A rede feminista Marcha Mundial das Mulleres realiza cada dous anos os seus encontros internacionais, que reúnen a delegadas dos cinco continentes. Este ano 2008, o xa VII Encontro Internacional, terá como sede a cidade de Vigo e realizarase entre o 14 e o 21 de outubro na Residencia de Encontro e Formación de Panxón.

Esta xuntanza reunirá perto de 150 participantes procedentes das coordenadoras nacionais e do Comité Internacional da Marcha Mundial das Mulleres. Agardan contar coa participación duns 40 países e coa presenza de mozas militantes de cada delegación.

O programa do encontro será o seguinte:
14 ao 21 de Outubro
  • Encontro das delegadas na Residencia de Encontro e Formación de Panxón (Nigrán)
18 e 19 de Outubro
  • Feira de Soberania Alimentaria.
  • Praza da Estrela (Vigo)
18 de Outubro
  • Forum Internacional de Soberania Alimentaria.
  • 17hs Centro Cultural Caixa Nova (Vigo).
  • Podes inscribirte aquí.
19 de Outubro
  • Construción dun Milladoiro conmemorativo.
  • MANIFESTACIÓN. Baixo o lema "Cambiar a vida das mulleres para cambiar o mundo e cambiar o mundo para cambiar a vida das mulleres."
Destacamos dende este blog, as xornadas adicadas a Soberanía Alimentaria nas que vai profundar no papel que a muller xoga na produción de alimentos e na súa sustentabilidade, para reclamar o acceso aos recursos por parte das mulleres. Neste eido, o portal de contrainformación Radio Mundo Real está a realizar un fenómeno traballo de difusión, como ben coñecen os ouvintes dos contrainformativos que diariamente emite Radio FilispiM. Podes ouvir algún dese reportes aquí.

No pasado VI Encontro Internacional que tivo lugar na cidade de Lima (Perú), onde a Coordenadora Galega enviou dúas delegadas, aprobouse o Plano Estratéxico da Rede para os anos 2006-2010. Este plano estratéxico dividiuse en catro bloques para a acción:
  • Paz e antimilitarismo
  • Ben común e acceso aos recursos
  • Violencia contra as mulleres
  • Traballo das mulleres
O Encontro que terá lugar en Vigo realizarase no ecuador do Plano Estratéxico elaborado, polo que será momento de facer avaliación das actividades realizadas e das metas acadadas.

Algúns dos obxectivos a acadar nesta xuntanza son:
  1. Analizar os desafíos para o movemento feminista no contexto actual (crecente militarización do noso planeta, avance do neoliberalismo e dos integrismos e as súas consecuencias).
  2. Formación política das delegadas sobre cuestións como: ecofeminismo, educación popular e libre comercio.
  3. Avaliación dos campos de acción do Plan Estratéxico e planificación rexional.
  4. Definición da acción mundial do 2010.
  5. Xestión interna e administración do movemento.
Desexamos o maior dos éxitos as compañeiras da Marcha Mundial das Mulleres na Galiza. Sabemos que, dentre delas, hai muitas da nosa comarca poñendo toneladas de ilusión e esforzo para acadar tan dignos obxectivos.

19 de agosto de 2008

Crónica da viaxe ao FMM de Sines, Portugal. 2ª parte: en Sines.

Como ben saben os monstros, o Festival de Músicas do Mundo de Sines (FMM), por outras referencias neste blog, deu comezo a pasada quinta feira 17 de xullo na vila Alentejana. Nós, chegamos a fermosa vila natal do navegante Vasco da Gama o xoves (quinta) 24 de xullo. Tres días tres, que disfrutamos do linto até o feche da xa décima edición do estupendo festival.

No cartaz dese día, figuraban repartidos entre a Avenida Vasco da Gama (ao carón da praia e de balde) e no propio Castelo (riba da praia e previo pago de 10 euros), seis grupos. Toda vez que estabelecimos a nosa base de operazóns nun dos parques de campismo da pequena vila de Porto Covo, marchamos cara Sines (a 15 m. en carro, pola impresionante costa que vai polo Parque Natural do Sudoseste Alentejano e Costa Vizantina).

Ao chegar a Sines estaban a tocar, no Castelo, o grupo galego Marful. Imaxinádevos que emoción! Subimos até o Castelo e dende as pantallas xigantes instaladas no propio muro, seguimos as evolucións da Ugía Pedreira, a Guadi Galego e compaña.

A crónica que ao día seguinte realizou Rádio Sines, a radio local e oficial do evento, evidenciou que os da Galiza deixaran ben alto o pavillón galaico. O certo é que a música das tabernas galegas, con danzas da américa latina (de Cuba a Argentina) traidas pelos seus emigrantes, o tango que bailaron dous homes no cenario e o ambiente erótico-festivo que comandaba a Ugía (Rádio Sines utilzou o cualificativo "quase pornográfico"), non deixaron indiferente a ningúen.

Mais, non foran a única presenza galega no FMM de Sines. O primeiro día do evento, a quinta feira 17 de xullo, os trasanqueses Serralhe-Aí! & Os Rosais, tocaron de balde no pequeno cenario que desta se habilitou ao carón do Centro de Artes de Sines. Acordeóns, xotas e muiñeiras que seduciron ao público. Nos fomos testemuñas directas, mais así o recollen as crónicas.

O programa do FMM de Sines é inmenso, non só pola cantidade e variedade de propostas que convoca anualmente (segunda quincena de xullo) senón pola inmenso interese que sustitan todas elas. É imposíbel estar en todos os concertos, así que há que elixir. Neste ponto, temos que dicir, para "descargo dos Monstros desplazados até Sines", que como integrantes da Rádio FilispiM, a radio libre e comunitária da Comarca de Trasancos-Ferrol (A Coruña-Galiza), fixemos as xestións oportunas ante a organización do FMM, para facermos con algún pase de prensa, previa autorización da asemblea de Rádio FilispiM. Mais, non tivemos resposta algunha da organización. Esta, debería saber que os medios libres e comunitarios son os que fomentan este tipo de músicas, mesmo festivais, e non outras.

As músicas do mundo en Rádio FilispiM, constitúen un altísimo porcertaxe do seus contidos musicais (horas temáticas Música Mundi) e mesmo son a base dalgún dos programas que emite, coma Africanía. Queremos cambiar o mundo, mais non cambiamos o chip do noso propio mundo e seguimos alimentando a quen non fomenta, precisamente, outros mundos posíbeis. As radio libres e comunitarias tambén existen, semella que noutros mundos lonxanos os da organización do FMM de Sines. En todo caso, nós seguiremos achegándonos até Sines, cubrindo o festival con ou sen acreditación, porque, nos interesa estar donde pasa algo diverso, neste caso no eido musical, que gostamos de amplificar desinteresadamente. Tan só agardamos que en vindeiras edicións, a organización emende este erro e acredite oficialmente a algunha radio libre e comunitaria, co fin de facilitarnos o traballo de difusoras do evento, en igualdade de condicións que os medios privados e públicos.

En calquer caso, un ano máis, @s pequenos monstros deslocados até aló, decidimos que o 25 de xullo, día nacional de Galiza, tiña que ser especial. Ese día mercamos as entradas para poder disfrutar do festival ao vivo no interior do Castelo, incomparábel marco. A máis de 600 km da nosa terra disfrutamos do cartaz daquela xornada: da enormidade vocal de Faiz Ali Faiz (paquistan), a vangarda armada dos KTU (Finlandia), pasando polo rock chinés de Cuin Jian (China) e o punk-rock cigano de Firewater (EUA). Antes, na praia e de balde o intimismo folk británico, case de cámara, de Rachel Unthank e The Winterset. Unha xornada predominantemente tomada polas propostas arriscadas.

A noite no Castelo abriuna Faiz Ali Faiz, sen dúbida quen acaparou maior atención e suceso na noite, un artista tres veces premiado no certame World Music da BBC. Mais, a presenza deste foi anunciada a última hora, coma substitución do grupo que tiña que ter actuado segundo así estaba programado: Asif Ali Khan, discípulo do grande Nusrat Fathe Ali Khan (alcumado "A boca de Deus").

O caso pasaría desapercibido, se non for polos motivos (i)reais da ausencia de Asif Ali Khan en Sines, que poñen en evidencia o actual estado das cousas canto a libre circulacións de seres humáns no mundo. Según anunciu o seu representante: "Asif Ali Khan, não podendo provar a posse de recursos financeiros, que na realidade não tem, o visto de entrada na Europa foi-lhe negado, repetindo-se uma situação que nos últimos anos tem impedido a vinda à Europa de muitos dos melhores artistas dos países mais pobres de África, Ásia e América Latina". Para alucinar, mais así están as cousas, pequen@s monstros.

En todo caso, si puidemos disfrutar do son qâwwali, a música do misticismo musulmano que, ao través da repetición da palabra ("qaul"), procura estimular no ouvinte o contacto directo con Deus ou, para quen non cre, unha forma superior de experiencia estética. O qawwali garda muita relación estética co flamenco. Camarón de la Isla, por exemplo, faría un bon dueto co paquistanés Asif Ali Kanh, mais, como sabedes, o de San Fernando anda actualmente moi ocupado nas alturas con Nusrat Fathe Ali Khan.

Canto a organización do festival: impecábel. Os organizadores (fundamentalmente a Cámara municipal do concello de Sines), son tan detallistas que até preparan un video resume do acontecido cada día no festival para proxectalo entre os concertos programados na seguinte xornada, ademáis de crónicas audiovisuais de pasadas edicións. En varios lugares da vila (Avda. da praia e muros no exterior do propio Castelo), instalánse pantallas xigantes cun estupendo son pra quen quixer poida seguir o que pasa en todo momento no FMM. Para rematala, non falta a edición de material promo do evento, camisolas, chapas... pero sobre todo un estupendo doble cedé con música en formato digipack, con case que todas as musicas dos artistas participantes no evento, que custa tan só dous euros!!!

Para mostra un exemplo. Aquí tedes o video producido pola organización do que aconteceu o 25 de xullo, xornada na que disfrutamos máis intensamente e fomos testemuñas directas os pequenos e pequenas monstros na vila do Alentello, cun resumo audiovisual da crónica que vos vimos de fazer, deste día tan especial. Como curiosidade, o Pequeno monstro sae no video. Fixádevos no tipo da camisola encarnada con franxa branca no medio, que aparece na esquiña superior dereita nos fotogramas que van do minuto 2:27 ao 2:30.



Até aquí a segunda parte da nosa crónica no FMM de Sines 2008. Atentos e atentas á proximas edicións deste monstro-blog, donde continuaremos contándovos máis cousas verbo dunha lembranza inesquecíbel: a edición 2008 do FFM de Sines.

18 de agosto de 2008

Boy Elliot gaña o Apologhit 2008. Parabéns!

Pop directo con quintaesencia (ou anxo) é o que fai o veciño da nosa comarca Daniel Alonso, máis coñecido por estos pagos coma Boy Elliot.

Xa, na edicion do ano 2006, formou parte do elenco de estrelas interplanetarias do festival Conspirando por unha radio libre argallado polo Colectivo Opaíí!-Rádio Filispim de Ferrol (Galiza), sempre atento ao que pasa no seu radio de acción.

Hoxe, Boy Elliot, vén de aterrar no Planeta 19, un lugar nesa constelación da que falabamos, "onde os nosos avós, pais ou nós mesmos emigramos por cuestións politicas, ecomicas, por amor ou tan só por escapar dunha rutina", según as súas propias verbas.

O xurado do certame "na procura da canción do verán en galego", Apologhit, decidiu que Boy Elliott & the Plastic Bags (a banda que o acompaña), sexan os gañadores do concurso e, ademáis, os encargados de representar a Galiza no Eurofestival Liet-Lavlut , que terá lugar o 18 de outubro na cidade lapona de Luleå, no que participan artistas que interpretan as súas obras nas diversas linguas minoritarias da vella Europa.

A decisión non foi nin moito menos doada xa que este ano Apologhit, que argalla o portal Vieiros e a radio pública Galega, volveu bater marcas de participación. Ao final, os membros do xurado: Tito Lesende (crítico musical); Xosé Manuel Pereiro (exlider de Radio Oceano), Patricia Romero (presidenta do club de fans da Orquestra Panorama); e Ramón Domínguez (dillei Zarpaelamor) optaron pola súa canción.

No seguinte collage audiovisual, perpretado por Gorevision TV e baseada na curta "AmalgamA" de Iván Zulueta, atoparedes os datos sobre a habitabilidade do Planeta 19 en cuestión.

Os nosos monstro-parabéns a Boy Elliot & the Plastic Bags!!!

Nota: na foto superior Boy Elliot en Gustel (Ourense-GZ), no ano 2004. Na foto que fecha este artículo Boy Elliot nunha praia na Irlanda hai unha semana. En ambas fotos (atención!) leva unha camisola do Colectivo Opaíí!! - Rádio FilispiM.

12 de agosto de 2008

Adeus á Noite do Trasno ou até cando os trasnos quixer.

Nos anos 2004, 2005 e 2006, fomos testemuñas do estupendo festival A Noite do Trasno, que argallaba a A.C. Mozos e Mozas de Beluso-Bueu (Pontevedra-Galiza).

O festival, sen ánimo de lucro e con entrada de balde, víñase realizando dende o ano 2002, no espazo natural protexido do Cabo Udra, agás no ano 2006, no que a organización véuse obrigada a traladar o evento de emprazamento, logo da vaga de incendios que asolaron o noso país.

Dende os seus inicios, a cita de meiados de agosto, convirtíase en cita ineludíbel para os trasnos e trasnas do mundo con gañas de troula, de escoitar música dos máis variados estilos, de participar en obradoiros e, claro, de acampar as súas anchas, co único límite do respeito ao marabilloso entorno natural.

Bandas coma Radio Raheem (BCN), Soak (GZ), Alberto Bundi e a Turma Angologalaica (Angola-GZ), Os Diplomáticos (GZ), Skárnio (GZ), Jaleo Real (BCN), Che Sudaka (Arxentina), Wagner Pa (Brasil), Terrakota (Portugal), Matraka Perversa (GZ), La Kinki Beat (BCN), Django FM (Madrid), Guezos (GZ), Mercado Negro (Portugal), Los niños de los ojos rojos (Extremadura), Kogito (GZ), Banda Potemkim (GZ), Os Cempés (GZ), Zënzar (GZ), foron quen de encher de ledicia o palco e dar vida os trasn@s achegados até o Cabo Udra, convocados case relixiosamente á festa.

Hoxe, a poucos días da máxica cita, temos que anunciar unha mala nova. A organización vén de achegar un comunicado que anuncia a suspensión indefinida do festival "A Noite do Trasno", polo que non haberá edición 2008 do evento e a súa continuidade estará en función do resultado das conclusíóns as que cheguén @s organizadores, durante este parón para a reflexión e a análise.

Os propios mozos e mozas, da Asociación Cultural que argallaba esta iniciativa, enumeran no comunicado que transcribimos de seguido, os motivos que os levaron a tomar esta decisión, dentre deles "a crecente profesionalización do evento" :

"A asociación Mozas e Mozos de Beluso quere facer público que neste ano 2008 non organizará o festival A Noite do Trasno, unha cita que dende hai seis anos viña celebrando a segunda fin de semana de agosto no espazo natural de Cabo Udra (Bueu). Tras varios meses de reflexión e debate interno, co colectivo resolveu non levar a cabo o evento, aínda que si continuará co resto de actividades programadas durante o ano."

"Os motivos polos que Mozas e Mozos tomou esta difícil decisión son de diversa índole. Por unha banda, dende a última edición de A Noite do Trasno foron bastantes os membros da asociación que, por motivos profesionais ou por outras cuestións, abandoaron o colectivo ou reduciron o seu grao de implicación, sen que se sumaran novos relevos que cubrisen tan importantes perdas."

"Nos derradeiros anos, a organización sufriu asemade un considerable desgaste derivado das dificultades económicas e dos trámites administrativos para obter os permisos necesarios, se ben é certo que o esforzo deu os seus resultados e na actualidade tanto o Concello de Bueu como distintos departamentos da Xunta amosaron ó seu apoio ó festival. Sen embargo, a crecente profesionalización do evento derivada do afán por mellorar a súa calidade e cubrir as esixencias da administración (prevención de riscos, sistemas de evacuación, limpeza do recinto...) foi “queimando” ós membros da asociación, que se atopan cun grao de responsabilidade que supera o esperado dun colectivo sen ánimo de lucro."

"No aspecto económico, o modelo de financiamento seguido ata o de agora está prácticamente esgotado, pois cada día resulta máis difícil a venda de material de “merchandaising” (camisolas, sudadeiras, etc.). Do mesmo xeito, o fenómeno do ´botellón´ minguou a recadación nas barras dos concertos, unha das principais fontes de ingresos."

"Todas estas cuestións repercuten no desgaste dos membros da asociación, que neste intre precisan un descanso do enorme esforzo que implica a organización de A Noite do Trasno. Este 2008 será un ano de transición tras o que se valorará a posibilidade de retomar o festival ou emprender un novo proxecto."

"Mozas e Mozos quere agradecer os apoios recibidos, sobre todo nos momentos máis duros, de familiares, administracións, colectivos e persoas individuais, en especial da asociación de veciños O Progreso de Beluso."

A.C. Mozos e Mozas de Beluso.
prensa@mozasemozos.org

Pola, parte dos Pequenos e pequenas monstros, non temos máis que parabéns para estes pequenos e pequenas trasnos, que tanta maxia nos transmitiron e desexos que este parón sexa, en todo caso, positivo para a continuidade desta ou doutra iniciativa similar.

7 de agosto de 2008

Crónica da viaxe ao FMM de Sines, Portugal. 1ª parte: de camiño.

Comezamos a crónica da nosa viaxe até o Festival de Músicas do Mundo de Sines, na Galiza.

Partimos o sábado 19 de xullo dende Ferrol até o que sería a nosa primeira parada: Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa. Aló descubrimos hai xa anos un festival chamado Revenidas.

Este ano o Revenidas foi relanzado por todo o alto cun programa completísimo, unha presentación máis profesional e potentes patrocinios. O segundo día da cita, o sábado, bailamos como monstros con Capitán Sinho, O Sonoro Maxín, Che Sudaka (na foto) e O Infante Terrible. (Os trasanqueses, Serralhe-aí!!!, tiveron un incidente e non puideron tocar). Aló atopamos aos nosos compañeiros da Rádio FilispiM: Cholo, Paula e Cris. Como seguidores da potente banda Che Sudaka (Argentina-BCN), acamparon en territorio comanche, dende a mesma sexta feira, no que se abría o festival.

En vindeiros días, completaremos a crónica da nosa viaxe ao FMM de Sines, Portugal, na costa alentejana, a 163 km ao sul da Lisboa. Sen esquecer a reportaxe fotográfica que fixemos en Matosinhos, Porto, Nazaré, Lisboa, Sintra, Cascais.... e da nosa fin de feiras en Vila do Conde, donde descubrimos un evento que vén de nacer en Portugal: Ollin Ikan. Un festival de músicas do mundo itinerante, que naceu en México e que se está a expandir agora, en edicións paralelas, pola Europa.

De momento, pequenas e pequenos monstros, ficades con este adianto das fotos que tiramos lá, entre Sines e Porto Cobo.

Pequeno monstro.

17 de xullo de 2008

A sinestesia de Oscar Quant.

Oscar Quant é un tipo que vive en Ferrol en plan pop.

Entre as súas últimas fazañas está a de ter tocado no mesmísimo Cavern Club de Liverpool ou ter gravado un video-clip polas rúas de Ferrol subido nunha furgoneta, versionando Pois eu do grande -outro ferrolán- Andrés Dobarro.

Oscar Quant, Alberto Amigo, Rubén Coca, Kike Quijano, Miguel Fuentes, Boy Elliot, Amparo, Cintia... e incluso Roge de Flor -ver entrada anterior- o acompañan nesta aventura, subíndose a esa furgalla cuxo motor e accionado cunha dose de calidade, frescura e gañas de pasalo ben. A cualidade fica para os manieristas do século pasado.

Falamos aquí de entrañábel pop, xurdido da pulsión de instrumentos -case- de xoguete. Nas súas propias verbas: "Tentando suplantar a falla de medios con imaxinación, editamos as nosas cancións que logo agasallamos a os nosos amigos. Xogos vogais, guitarras, melodias, xilofonos, teclados de xoguete e practicamente calquer cousa que faga ruido. Non procuramos grandes metas, sabemos que o noso son é maquetero e iso nos gosta". Dou fe -xuramento de monstro- que todo é certo.

A ligazón deste proxecto pop co colectivo La Fonográfica General é máis que coñecida. As actividades de La Fonográfica son un exemplo de autoxestión en Ferrol. Sen patrocinios argallan festas nas que tocan grupos amparados pola Fonográfica e nas que se agasalla ao público asistente, con marabillosos singles de vinilo dos grupos partipantes da xolda, editados para a ocasión pola propia Fonográfica.

A idea leva dinamitando o status quo cultural da comarca dende hai un par de anos. Locais coma San Carlos (Esteiro-Ferrol) teñen sido testemuños de que na cidade de Ferrol hai vida extraterrestre, mais aló das Pepitas ou das recomendacións publicadas na axenda cultura local de La Voz de Galicia.

Falando de extraterrestres, Oscar Quant vén de presentar a súa última peza, en galego, leva por título Sinestesia. O tema é candidato a canción do verán, dentro da edición 2008 do A polo Ghit!, argallado pola Radio Galega e o portal de internet Vieiros.

Para explicar o que imos ver e escoitar, teriamos que remontarnos aos primeiros -e devonianos- Aviador Dro y sus obreros especializados, ou mesmo os bilbomarcianos Lavabos Iturriaga.

Que haberán tomado estes rapaces de Quant?. Cecais non sexa todo tan raro e tan só esteamos ante a verdadeira faciana destes quantianos de Ferrol, que até o de agora só eran pop e agora son monstro-pops?

Pequenas e pequenos monstros, con todos vós a Sinestesia de Quant, según o ollo de Rubén Coca:



E pra findar un agasallo sonoro. Un audio-entrevista que realizamos en maio de 2007, no programa Divertimento para pequenos monstros de Rádio FilsipiM, aos quantianos Rubén Coca e o propio Oscar. Pero quantas cosas, eh!?

13 de xullo de 2008

Roger de Flor: un desconocido menos.

Segunda das entregas de "Cancións", a nova e inflamábel sección deste blog. O artista, músico e autor, que vos presento é veciño da comarca de Ferrol, da comarca de Trasancos e se chama Rogelio Arias, mais polo seu nome artístico háino que nomear: Roger de Flor.

Roger de Flor, comezou interpretando as pezas dos seus artistas favoritos: Bowie, Dylan, Lou Reed, Burt Bacharach, etc. En Santiago de Compostela, nunha fonda crise existencia e creativa, decide reinventarse, mais antes tocaría a guitarra nunha orquesta de verbena. Dúcias de concertos pola Galiza e Portugal axudanlle a afianzarse coma
intérprete.

Daquela xa non há tempo pra crises existenciais, e forma o dúo La Sociedad Protectora del Hombre Mono, con Cristóbal Veiga, repasando o repertorio de Ray Davies e os Kings (partiparon no III Conspirando por unha radio libre, do Colectivo Opaíí!-Rádio Filispim). Neste punto a adicación á música é total e comezan as colaboracións coa cantante hispano-arxentina Alejandra Parada pra reivindicar o legado da bossa nova: Tom Jobim e Chico Buarque.

A súa faceta máis roqueira fica para o cuarteto Bang 74, formación na que aparecen as primeiras pezas de autoría propia e resucita o legado power pop dos 70 e 80. Con esta formación participa na edición do momento do Felipop, outro dos festivais de referencia da made in Ferrolterra.

Na actualidade, constitúe xunto a Quant e Boy Elliot (Daniel Alonso, Blood Filloas), a nova armada pop do cenario local, donde prevalece a calidade e orixinalidade fronte a suposta cualidade e virtuosismo dos grupos locais dos 80 e 90. O catálogo desa marabillosa idea local que é La Fonográfica General, recompila un bon feixe deses artificieiros da nova ofensiva pop local, que vos contamos.

Pola nosa parte tivémolo en directo en Divertimento para pequenos monstros, na findada grella de Rádio Filispim, apresentando o seu traballo Cancións de amor e retranca. Ademáis puidemos disfrutar dalgún dos seus intensos concertos nun local en Ares. Nos videiros días tentarei localizar esa entrevista que lle realizamos, os monstros, e porvos un enlace. A música local terá o seu espazo en "Cancións", así que todas atentas as próximas edicións.

De momento só decirvos que o video que ides ver e escoitar está producido por un elenco moi representativo do que poderían ser os novos valores do audio-visual da nosa comarca, e mesmo na Galiza: foi realizado polo cineasta Carlos Alberto Alonso e producido por Ruben Coca Produccións. Os estupendos exteriores responden as fermosas paisaxes das praias de Ferrol e comarca. A gravación/postproducción desenrolouse durante decembro de 2007.

Nesta ocasión escoitamos unha versión que Roger de Flor, fainos dun tema de Bob Dylan titulado xenéricamente
"Simple Twist of Fate" e que el rebautiza coma "Una desconocida más". A disfrutalo, monstros!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...