17 de abril de 2015

DIVERTIMENTO - Ateneo Ferrolán, rolda de prensa + Plataforma de Ferrolterra contra do TTIP - 17/04/2015

Un instante do programa especial contra do TTIP

Edición do venres 17 de abril, na Rádio Filispim, 93.9 FM, de DIVERTIMENTO para pequenos monstros.
  • Na primeira hora falamos do ATENEO FERROLÁN, da solicitude de recoñecemento de responsabilidade patrimonial que veñen de presentar ao Concello de Ferrol. Escoitamos íntegra a rolda de prensa que o presidente do Ateneo, Eliseo Fernández, e o avogado da entidade, José Manuel Aneiros, deron o pasado mércores no edificio do Ateneo Ferrolan.
  • Na segunda hora falamos do TTIP (Acordo Transatlántico de Libre Comercio), que negocian en secreto EE.UU., Canadá e a U.E. e que, de aplicarse, tería consecuencias directas sobre os nosos dereitos e liberdades individuais e colectivas (saúde, educación, en materia de lexislación laboral, medioambiental...). Para elo contamos no estudio con tres integrantes da Plataforma de Ferrolterra contra o TTIP, Rubén, Celso e Elvira. El@s, ademáis, anunciaron a convocatoria global para este sábado 18 de abril as 12:30 hrs., que en Ferrol terá lugar na  Praza do Concello.
Apresentan e conducen: Ana Lucecú e o Pequeno Monstro.
Difunden: Radio Filispim 93.9FM e A Kalimera Rádio Livre


12 de abril de 2015

DIVERTIMENTO - Ruben Artabe_proxecto Cataratas + Especial Post Conspiratorio - 10/04/2015

Carrero Bianco no VII Conspirando  (03/04/2015)

Edición do venres 10 de abril de 2015 de DIVERTIMENTO para pequenos monstros en Rádio Filispim, 93.9 FM.

Na primeira media hora visitounos RUBÉN ARTABE, quen dentro do seu proxecto "CATARATAS" vén de gravar unha nova peza musical, "A los ojos de los demás"; nola interpretou en directo, ademáis dunha outra peza en exclusiva mundial. Ademáis, acompañando no estudio a Rubén estivo Maca.

Nas páxinas centrais do programa tivemos un Especial POST-CONSPIRATORIO.
Un respaso ao acontecido no "VII CONSPIRANDO por unha radio libre" o pasado 2 de abril, cun adianto da gravación dos tres concertos na Super 8. Escoitamos parte das actuacións de Saravá Criôlo (Indio e Lidia), SkyHooks (no seu debut) e Carrero Bianco, todos ao vivo no Conspirando. Este audio cuxa duración total é de 3 horas poderá ser ovido íntegro en breve, sen interrupcións, no tempo de "Programas Especiais" da Rádio FilispiM.

No estudio Ana Lucecú, sobre quen pivotou a grande parte da organización do VII Conspirando, Fran Perez (Sonido Emergente) e o Pequeno Monstro, comentaron os recortes sonoros do Conspirando que fomos seleccionando.

Apresentaron e conduciron: Ana Lucecú e o Pequeno Monstro.
Difunden: Rádio FilispiM, 93.9 FM (Trasancos) e Rádio Kalimera, 107.9 FM (Compostela)

30 de marzo de 2015

DIVERTIMENTO - Especial 10 anos de emisións da Rádio FilispiM, 93.9 FM, libre de Ferrol - 30/03/2015

Imaxe do "metro cadrado", primeiro estudo da Rádio FilispiM, no Ateneo Ferrolán.

Edición de DIVERTIMENTO para pequenos monstros do venres 27 de marzo de 2015, na Rádio Filispim, 93.9 FM, libre e comunitaria de Ferrol.
ESPECIAL 10 ANOS DA RÁDIO FILISPIM e 12 DO COLECTIVO OPAíí!!

Durante dúas horas lembramos os momentos máis sinalados do Colectivo Opaii!, dende os seus alicerces, en outuno de 2003, pasando polas primeiras festas e actividades para recadar fondos, o momento da activación da primeira radio libre da comarca en agosto de 2005, as seis anteriores edicións do festival "Conspirando por unha radio libre", até chegar ao ano 2015, no que Rádio FilispiM cumpre 10 anos de emisións e celebra a VII edición do CONSPIRANDO.

Durante o programa contamos coa colaboaración especial de Juanillo (Trash Rock) e na segunda hora cos testemuños do noso compañeiro Cholo. Comentamos anédotas e ouvimos documentos sonoros da radio.

Na última hora tivemos comunicación telefónica con algunhas das persoas, animais e cousas que darán vida VII CONSPIRANDO POR UNHA RADIO LIBRE.
  • Pepe Cunha, do Colectivo Opaíí! 
  • Quincho e Carlota, de Carrero Bianco. 
  • Oscar Quant, integrante dos SkyHooks. 
  • Cris Moreira, actriz presentadora do VII Conspirando. 
... a nosa compañeira Espe (Sons Revela2) tamén nos deu a última hora dende o estudio.

O VII Conspirando, fáise en celebración 10º aniversario da FilispiM, mais tamén para o autofinanciamento da radio, que como sabedes non pide subvencións nen emite publicidade na procura da máxima independencia. A festa celebrarase o xoves “santo” 2 de abril, a partir das 22:00 h. na sá Super 8 de Ferrol, coas actuacións de: Saravá Criolo (música brasileira), Carrero Bianco (synth pop) e Skyhooks (bastket roll). O festival será animado pola actriz, Cris Moreira. Todas as persoas, artistas e grupos participantes no VII Conspirando colaboran desinteresadamente co Colectivo Opaii!-Rádio FilispiM.

Apresentan: Ana Lucecú e Pequeño Monstro. Convidado especial: Juanilo “Trashrock”. Difunden: Rádio FilispiM, 93.9 FM (Trasancos) e Rádio Kalimera, 107.9 FM (Compostela).


Todos os Divertimentos en: http://pequenosmonstros.blogspot.com

Rádio FilispiM celebra 10 anos de emisións co VII CONSPIRANDO por unha radio libre.


       Audio promo do VII Conspirando  

O Colectivo Opaii! celebra os 10 anos das emisións da Rádio FilispiM, 93.9 FM, con diversos actos, dentre deles a reactivación dun clásico dos xoves "santos" ferrolterráqueos, o Conspirando por unha Rádio Libre, na súa VII edición. Apresentado e animado pola actriz Cristina Moreira, contará coas actuacións dos grupos da comarca: SARAVÁ CRIÔLO (Música brasileira), SkyHookS (Basket-Roll Band) e CARRERO BIANCO (Synth pop).

Durante os concertos haberá petiscos, sorteo de estupendas camisolas filispinianas e até un photocall...

Entrada: 5€ (para a autoxestión da radio). Apertura portas: 22:00 hrs. Sala Super 8 (R/ Real). Ferrol. Non o podes perder... Rádio FilispiM, 10 anos compartindo.

Evento no facebook: https://www.facebook.com/events/1559033914362272/

24 de marzo de 2015

DIVERTIMENTO - Especial Marchas Dignidade 21M-2015

Alunhas das persoas participantes no especial Marchas Dignidade - 21M 

Edición do venres 20 de marzo de 2015 de DIVERTIMENTO para pequenos monstros,

Especial MARCHAS DA DIGNIDADE, 21-M. Horas antes de que as columnas de Ferrolterra partisen para sumarse ao resto de columnas galegas na mobilización do sábado 21 de marzo de 2015 en Madrid, conversaremos na Rádio Filispim, 93.9 FM, con algunha das persoas que integran as Marchas na nosa comarca.

Coma integrantes das Marchas da Dignidade de Ferrolterra, estiveron no estudo: Rubén Dopico, André Martínez, Maximino Pardo, Alberto Espiñeira, Inacio Martínez e Elvira Marta.

Apresentaron e conduciron: Ana Lucecú e Pequeno Monstro.
Produzón deste especial: André Martínez i equipa de Divertimento.

18 de marzo de 2015

Divertimento - Especial "Igualdade e empoderamento. Accións e propostas". Tres proxectos feministas no pais galego - 18/03/2015

Un instante da presentación dos proxectos (foto: Lupe Ces)

Edición de DIVERTIMENTO para pequenos monstros, do venres 13 de marzo de 2015, na Rádio Filispim, 93.9 FM, libre de Ferrol.

Programa especial dende o Ateneo Ferrolan. Emisión en diferido do acto celebrado o 11 de marzo de 2015, baixo o título "Igualdade e Empoderamento. Accións e propostas". Unha interesante mesa redonda organizada polo Ateneo, onde se expuxeron tres proxectos feministas do noso país:
A mesa estivo apresentada por Paula Meizoso.

Apresentación do programa, toma e edición de: Ana Lucecú e o Pequeno Monstro.
Emisión: Rádio FilispiM de Ferrol e Rádio Kalimera de Compostela.

1 de marzo de 2015

DIVERTIMENTO - Especial RUBÉN ARTABE, proxecto "Cataratas" + presentación "Canciones de Pan" - 01/03/2015

Ana Lucecú & Rubén Artabe, en Divertimento (Rádio Filispim)

Venres 27 de febreiro entre as 18:00 e 20:00 h, aconteceu unha nova edición de DIVERTIMENTO PARA PEQUENOS MONSTROS, o programa máis surreal da Rádio Filispim, 93.9 FM.

Especial CATARATAS de Rubén Artabe.
  • Na primeira hora do programa, entrevista ao autor ferrolán, quen nos apresentou o seu novo proxecto: Cataratas, coa interpretación dalgunha das novas pezas en directo no estudio. Conversamos longo e tendido ... do presente, pasado e futuro "rubeniano", do Woodstock galego que se celebra en Teo e da gravidade de Río Records no Inferno. Ademáis, Rubén, oubeou durante o programa varias veces e finalmente acordamos abrir un evento no face: unha quedada na traseira do Mercado de Caranza para chapotear nos charcos e enfangarnos completamente espid@s, apostado por un Woodstock caranzeiro.
  • Na segunda hora, como a situación era realmente insostíbel, decidimos marcharnos na metade do programa, e deixar, ao que ficaba da audiencia, coa gravación íntegra en exclusiva mundial, do concerto que RUBÉN ARTABE, acompañado de Andrea Gómez Navarrete (acordeón e bombo legüero) e Soraya García (frauta e piano), deu no Ateneo Ferrolan o pasado 28 de xuño de 2014, apresentando o seu primeiro álbum, Canciones de Pan.
Conduciron e apresentaron completamente afectados: Ana Lucecú e o Pequeno Monstro.
Grazas a Rubén Artabe polo seu sentido do humor, neste programa certamente surrealista.
Emisión: Radio Filispim 93.9FM & Rádio Kalimera, 107.9FM

16 de febreiro de 2015

Divertimento - Pablo Portero & Kozmic Blues - Roger de Flor & William Blake - 13/02/2015

Pablo Portero, Kozmic Blues & Roger de Flor.

Divertimento para pequenos monstros. Edición do venres 13 de febreiro de 2015, na Rádio Filispim Colectivo Opaii!, 93.9 FM, o programa máis subterráneo da Rádio FilispiM, libre e comunitaria.

Neste programa:
  • PABLO PORTERO apresenta AMAR1, a primeira das 17 pezas do seu novo proxecto audiovisual, AMAR. Ademáis falounos doutros doutras iniciativas, da súa relación co mundo da música e, especialmente, co dúo KOZMIC BLUES, que estiveron no estudio e nos interpretaron varias pezas en rigoroso directo. 
  • ROGER DE FLOR apresenta o súa nova peza e videoclip, "Ferrol Vello". Ademáis falounos da súa recente viaxe pola Europa e interpretounos en exclusiva mundial, algunha das novas pezas que vén de compoñer inspiradas nos versos de William Blake. 
  • AXENDA DIVERTIMENTO. O vagalume da noite ferrolá, Ana Lucecú, selecciona as citas que non debes perder nos vindeiros días. 
Apresentan e conducen: Ana Lucecú e o Pequeno Monstro.
Difunden: Rádio FilispiM, 93.9 FM (Terra de Trasancos) & Rádio Kalimera, 107.9 FM (Compostela)
e vía streaming para toda a galaxia en: http://opaii.blogspot.com

5 de febreiro de 2015

Este sábado 7 de febreiro ás 7 do serán no Ateneo, "FilispiM vai cumprir 10 anos".


Este sábado 7 de febreiro de 2015 a partir das 7 do serán, o Colectivo Opaii! volve ao Ateneo Ferrolán, cunha nova edición do ciclo "FilispiM vai ...", nesta ocasión adicado ao aniversario da principal actividade do Colectivo Opaii!, a Rádio FilispiM.

"FilispiM vai... cumprir 10 anos".

Durante a gravación do programa de radio lembraranse os alicerces do proxecto, falarase do presente e do futuro. Ademaís, haberá música ao vivo da man da banda ferrolá Weather Underground (pop/rock) e o dúo Indio & Lidia Pinheiro (sons brasileiros).

No transcorrer da festa de aniversario, apresentaranse as novas camisolas e chapas, conmemorativas do 10 aniversario, realizadas para a ocasión en unidades limitadas. A entrada é de balde.

Programa de actos conmemorativo do 10º aniversario das emisión da Rádio FilispiM, 93.9 FM.

Durante este 2015, levaranse a cabo outros actos conmemorativos, coma un Ciclo de Cinema adicado as radios libres e comunitarias; retomarase o festival Conspirando por Unha Radio Libre (en xoves "santo"), unha Exposición dos 10 anos da FilispiM e, mesmo, unhas Xornadas de Medios Libres. A práctica totalidade deste actos celebraranse no Ateneo Ferrolán, pola súa complicidade e vinculación fundacional co proxecto da activación da primeira radio libre e comunitaria (terceiro sector) da Terra de Trasancos.

Seguiremos informando... Ficades tod@s convidad@s.
(nota achegada polo Colectivo Opaii!!)
(Evento no facebook: https://www.facebook.com/events/367768726681325/?pnref=story)
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...