Amosando publicacións coa etiqueta Novas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Novas. Amosar todas as publicacións

15 de febreiro de 2010

Crónica da xornada de protesta ante a Nova Lei Audiovisual no Estado español.

A ReMC [na que está integrada Rádio Filispim, Ferrol 93.9 FM], vén de informarnos que este martes 9 de febreiro de 2010, levouse a cabo unha concentración de protesta ante as portas do Senado, de Madrid. O obxecto da mobilización ten que ver coa tramitación da nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual.

Convocados por diferentes sindicatos, a Rede de Medios Comunitarios [ReMC], a URCM e co apoio do diferentes organizacións coma a sección española da Unión Latina de Economía Política da Información, a Comunicación e a Cultura [ULEPICC], a concentración pretendeu visibilizar o descontento social ante a Lei que regulará o sector audiovisual no Estado español.


Audio publicado en Más Voces : www.masvoces.org

3 de febreiro de 2010

Os medios comunitarios batallan ante a nova Lei Audiovisual.

No Estado español está en trámite no Senado a nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual.

Para a Rede de Medios Comunitarios (ReMC, na que está integrada Rádio Filispim), esa Lei responde máis a intereses das grandes empresas de Comunicación no canto de desenvolver normativamente o exercicio do dereito á comunicación audiovisual, observando todos os factores necesarios, como a garantía e promoción do servizo público, a calidade no emprego e os dereitos laborais, e a pluralidade informativa, así como o acceso e a participación social aos medios audiovisuais.

A ReMC afirma que a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual segue o mesmo camiño que as ultimas medidas en materia audiovisual realizadas polo Goberno, como a retirada do financiamento por publicidade de RTVE, a fusión das televisións privadas ou a TDT de pago.

Os medios comunitarios afirman que se trata de leis que se desenvolveron con présas, sen debate, de costas á cidadanía e sen contar cos axentes sociais, só dando resposta aos intereses da Unión de Televisións Comerciais Asociadas, UTECA.

Pero ademáis, critican a falta de vontade do Goberno español de regularizar e fomentar o desenvolvemento dos medios comunitarios, que son medios de propiedade cidadá e sen ánimo de lucro, xa que aínda que a lei recoñece a existencia deste tipo de medios, logo de facto non pon as ferramentas necesarias e ademais establece tantas limitacións que se impedirá a existencia e o desenvolvemento de moitos proxectos de comunicación comunitaria.

Unha das preocupacións dos medios comunitarios, e sobre todo das radios, é o anuncio de creación dunha Axencia de Radiocomunicaciones que baixo a presión exercida pola Asociación Española de Radio Comercial anúnciase como un organismo dedicado a identificar as emisoras sen licenzas para proceder ao seu peche.

A nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual xa foi aprobada en Consello de Ministros, de aí pasou ao Congreso e actualmente atópase en trámite polo Senado. Neste percorrido estanse realizando algunhas correccións e emendas. A Rede de Medios Comunitarios [ReMC] leva moito tempo traballando para intentar achegar e incidir na redacción final da Lei.

Pola inconformide de como se está a plantexar a nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, os medios comunitarios xunto a outros actores sociais, anuncian unha protesta a través dunha concentración o vindeiro martes, 9 de febreiro de 2010 ás 12 do mediodía ante o Senado, en Madrid.


Audio publicado en Más Voces : www.masvoces.org

16 de xaneiro de 2010

Luis del Olmo, "puntualizado" por un activista da radio comunitaria da ReMC.


Durante o programa Protagonistas de Punto Radio, o xornalista Luís do Olmo falaba da existencia de 3 milleiros de radios piratas no Estado español, acusándoas de prácticas ilegais e de impedir o funcionamento das radios que el mesmo cualificou de "leais".

O programa abriu o teléfono á participación da xente e aí colouse Francisco Aragón, do movemento de radios comunitarias en Madrid e da ReMC (Redes Estatal de Medios Comunitarios) para lembrar ás grandes cadeas de radios e ao propio Luís do Olmo, que son esas grandes radios son as primeiras que cometen ilegalidades, denunciando deste xeito a súa gran hipocrisía e as mentiras coas que enganan ás súas audiencias.

As agudas "puntualizacións" do activista da ReMC, andan a suscitar numerosos comentarios na rede:
http://www.elplural.com/comunicacion/detail.php?id=42181
http://corunaonline.wordpress.com/2010/01/12/pirateria/
http://debates.coches.net/showthread.php?t=165393

Escoita a intervención, non ten perda.


Audio publicado en Más Voces : www.masvoces.org

9 de xaneiro de 2010

Masiva asistenza a prol da Casa Okupa das Atochas en A Coruña.

Tiramos a seguinte información da web reganosademolizon, verbo da casa okupada do bairro das Atochas en A Coruña, da que vos demos voa conta en Divertimento para pequenos monstros, dende a súa ocupazón, ao través das ondas de Rádio FilispiM.

Pola parte dos monstros, damos voa conta de que a asistencia a esta manifestación foi sorprendente, xa que fomos testemuñas dela, pese ao silencio informativo ao respeito por parte dos mass-media "convencionais".


"Seguen a aparecer vídeos e fotos da magnífica manifestación do sábado 26 de decembro de 2009, contra o desaloxo do Centro Social Okupado Casa das Atochas, de Coruña. Para que non quede dúbida do apoio social que suscita este centro social okupado e autoxestionado, engadimos o que nos vai chegando. Que teñan claro que si, finalmente, veñen a desaloxar este centro social, non lles vai saír de balde."


De gzvideos.info:


"Este passado 26 de dezembro umha manifestaçom em apoio ao CSO A Casa das Atochas percorreu as ruas do centro da Corunha ante a ameaça de desalojo à que se enfrenta este centro social okupado, que leva funcionando desde o 14 de março de 2008 no bairro de Monte Alto."

23 de decembro de 2009

Un desexo en alto, libre e comunitario, ao Apalpador.




Pola conversión de todas as radios públicas e privadas do mundo en libres e comunitarias... preguemos ao Apalpador!!!!

O Pequeno Monstro, dende este o seu humilde blog, quérevos desexar o mellor para o 2010, ano no que as emisións da Rádio Filispim cumprirán cinco anos.  (Amén.)
 
Se queres volver ouvir a entrevista que lle fixemos hai un ano ao Apalpador, fai click aquí: http://pequenosmonstros.blogspot.com/2008/12/o-apalpador-apareceu-en-rdio-filispim.html

11 de decembro de 2009

Os medios comunitarios presentan emendas ao proxecto de Lei Audiovisual do Estado español.


O Congreso español debate actualmente o proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Existe un anteproxecto e actualmente os diferentes grupos parlamentarios presentaron as súas correspondentes emendas para terminar de dar forma ao que será a Lei que rexerá no futuro as comunicacións no Estado español.

A devandita Lei non contenta aos medios comunitarios, que tamén presentan as súas emendas á Lei.

Gorka Andraka, de Tas Tas Irratia, en Bilbao, entrevista sobre este asunto a Mikel Estarrona, integrante da propia Tas Tas Irratia, e tamén da comisión de Lexislación e Dereito á Comunicación da Rede de Medios Comunitarios (ReMC), quen analiza o proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual e estima que o proxecto do Goberno español cercena o Dereito á Comunicación.

Rádio Filispim forma parte da Rede Estatal de Medios Comunitarios (ReMC), dende novembro de 2009.






Audio tirado de Más Voces : www.masvoces.org

Video: campaña "10-D, polo dereito a comunicar", da ReMC.

26 de novembro de 2009

Nace Audiolivre, un podcast con xenio.

Audiolivre pretende ser un arquivo de audios con licencias libres. Os principios que rexirán a selección de contidos serán o anticapitalismo, o antiracismo, o antisexismo, o antimilitarismo, a defensa do medio, o idioma galego e o coñecemento libre.

Audiolivre preséntase en forma de podcast, no que se poden escoitar os audios na rede, ou baixalos cadaquén ao seu computador. A páxina permite facer búsquedas, ou escoller temas da nube de etiquetas. Todos os arquivos de audiolivre están aloxados en archive.org.

Calquera persoa pode rexistrase e subir audios que considere interesantes sempre que respecten os principios enumerados anteriormente. Se queres colaborar no proxecto, facer algún comentarios ou suxerencia, ou simplemente tes un audio e non queres pasar o chollo de subilo podes contactar con nós a través do correo electrónico: audiolivre@arkipelagos.net

6 de novembro de 2009

V encontro da ReMC (Rede estatal Medios Comunitarios).

Todo preparado para o 5º encontro da Rede estatal de Medios Comunitarios (ReMC). Será en Barcelona entre os días 6, 7 e 8 de novembro de 2009.

Ademáis este 5º encontro responde á primeira asemblea xeral da ReMC, logo da súa constitución legal en maio deste 2009, autodefiníndose coma "un espazo de organización e traballo conxunto entre os medios do terceiro sector da Comunicación".

Mais, os alicerces da ReMC datan de hai catro anos, baixo o propósito de constituir unha rede na que recoller as experiencias das radios libres, das televisións comunitarias, emisoras on-line e medios alternativos de todo el Estado español.

Entre os puntos da orde do día a tratar nesta Asemblea, estará a aprobación de novas incorporacións de outros colectivos comunicacionais á ReMC , coma é o caso de Rádio Filispim a radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos que emite dende Ferrol no 93.9 da FM, dende agosto de 2005.



Escoita e descarga a cunha do V encontro da ReMC

28 de outubro de 2009

V encontro da REMC (Rede Estatal Medios Comunitarios) en Barcelona.

Vimos de receber este convite dende Okupem lles Ones, o proxecto televisivo da Assemblea per a Comunicació Social de Barcelona (ACS). Isto é o que nos din (traduzimos):

O motivo desta carta é invitarche ao V Encontro da Rede de Medios Comunitarios (ReMC) que realizaremos na cidade de Barcelona os dí­as 6, 7 e 8 de novembro de 2009.

A ReMC, da que forma parte a televisión da ACS, naceu fai catro anos co propósito de construír unha rede na que recoller as experiencias das radios libres, das televisións comunitarias, emisoras on-line e medios alternativos de todo o Estado espanhol.

Na súa xestación, unha trintena de proxectos de Andalucí­a, Asturias, Galiza, Castela A Mancha, Castela e León, Murcia, Valencia, Madrid, Canarias, Euskadi, etc. iniciaron distintas accións como o intercambio de contidos ví­a web, grupos de traballo en coordinación coa rede ou a redacción de propostas para a nova Lei do Audiovisual.

En maio deste 2009, a ReMC constituír legalmente, autodefiniéndose como un espazo de organización e traballo conxunto entre os medios do terceiro sector da Comunicación, entendendo a estes como:

1. Actores privados que teñen unha finalidade social.

2. Xestionados por organizacións sociais de diverso tipo.

3. Orientados a satisfacer as necesidades de comunicación e a habilitar o exercicio do dereito á información e liberdade de expresión das persoas integrantes de comunidades determinadas, sexan estas territoriais, etnolingüísticas ou de intereses, ante as cales son responsables.

4. Abertos á participación o máis ampla posible respecto a propiedade do medio e o acceso á emisión, así­ como ás diversas decisións de programación, administración, operación, financiamiento e avaliación.

5. Que non teñen fins de lucro.

6. Que non realizan proselitismo relixioso nin político.


Logo dos encontros en Madrid (2005), Salamanca (2006), Toledo (2006) e Bilbao (2007), a ReMC convócache en novembro de 2009 ao quinto encontro, que vai ser en Barcelona e contará cun centenar de representantes dos distintos medios libres, comunitarios e alternativos de todo o Estado.

No marco desta convocatoria, tamén terá lugar a segunda reunión dos medios comunitarios cataláns.

Podes consultar aquí o programa dos encontros e demáis info: http://medioscomunitarios.net/barce...

Para asistir, non é necesario ser membro da ReMC. Se consideras que este é un espazo que pode contribuír ao fortalecemento do proxecto, entidade ou colectivo no que participas e se pensas que co traballo en rede podemos fortalecernos, entón agardámoste.

Contamos con vosotrxs! Saúdos,

Okupem lles Ones, A Tele da Assemblea per a Comunicación Social.

Pra rematar con vós, deixámosvos con este video documentario do que aconteceu na III Encontro de Medios Comunitarios, no ano 2006 en Toledo. Até nos ver monstrxs!


AMARC e IFEX denuncian a nova Lei Audiovisual do Estado español.

O Goberno español aproba o Proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual sen consultar aos medios de comunicación do Terceiro Sector.

(AMARC / IFEX) - 17 de outubro de 2009 - A sección europea da Asociación Mundial de Radios Comunitarias (AMARC) desmente as declaracións do Goberno español, canto a que "o Proxecto é froito dun amplo labor de consultas con todos os sectores vinculados co mundo da comunicación audiovisual".

Pola contra, estes organimos amosan a súa preocupación por como se elaborou esta importante normativa, sen a participación dos axentes do sector e eludindo o debate.

A pesar de que o Goberno reiterou que para a elaboración do proxecto contaría con todas as organizacións do sector e que sería unha norma consensuada, este non facilitou información sobre o contido da lei nin mantivo reunións con organizacións do sector, salvo coa Unión de Televisións Comerciais (UTECA).

A única vía que tiveron as organizacións para coñecer o contido do proxecto e facer achegas foi a través do Consello de Estado durante o mes de agosto. Unicamente 10 das entidades presentaron alegacións nun tramite de audiencia que non foi iniciativa do Goberno senón do órgano consultivo.

Ademais AMARC considera que a lei realízase desde unha visión empresarial da comunicación no canto de exporse como o desenvolvemento de dereitos fundamentais.

Sobre o uso social dos medios de comunicación, o texto recoñece, no seu artigo 32, que organizacións sen ánimo de lucro poden promover radios e televisións (emisoras comunitarias) pero de forma marxinal.

Neste senso AMARC considera que a actual redacción do artigo é moi deficiente e contravén a Directiva europea de "Servizos de Medios Audiovisuais" xa que non recolle ningunha medida para garantir ou fomentar a existencia destes medios mentres se establecen unhas restricións e esixencias que non realizan aos servizos de comunicación comerciais.

Por outra banda para a regulación dos medios comunitarios o Goberno español non contou coa participación da Rede Estatal de Medios Comunitarios (ReMC), a pesar de que esta entidade solicitouno en varias ocasións. Tampouco recolleu as recomendacións sobre a modificación do artigo 32 realizadas polo Consello de Estado e pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións.

Ante a tramitación da Lei Xeral Audiovisual AMARC (Asoc. Mundial de Radios Comunitarias) solicita:
  • Unha mellora da redacción do artigo 32, dedicado aos servizos de comunicación comunitarios sen ánimo de lucro.
  • A eliminación das restricións de financiamento recollidas no artigo 32.
  • Que se teñan en conta as achegas realizadas pola Rede Estatal de Medios Comunitarios (ReMC), cuxas alegacións e peticións de reunión non foron atendidas polo Goberno.
  • Que se teñan en conta as recomendacións de organismos internacionais como a Declaración sobre a diversidade da radiodifusión (ONU), a Resolución de 25 de setembro do Parlamento Europeo sobre medios comunitarios e a Declaración do Consello de Europa sobre o rol dos medios comunitarios para a promoción da cohesión social.
Enlaces de interese:
Declaración coxjunta sobre Diversidade na Radiodifusión elaborada en decembro de 2007

Resolución do Parlamento Europeo, de 25 de setembro de 2008, sobre os medios de terceiro sector da comunicación

Principios para un marco regulatorio democrático sobre radio e TV comunitaria elaborado por AMARC

27 de outubro de 2009

VII Sesión Vermú de Radio FilispiM, apresentación grella 2009/2010.

https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgSu3DhNfkXySAof_PZekyjRn1aM3ctSas9c69bzvgXdkd75Wwyvoq6yPLCzl4Bb6OBwX3kSllUAjEvo5i3RbsT97P2TjFTVksZ5U9_umtgT1GHbRTfJ8muNvrIpwTtrTnZ_PVgVBI424g/s1600/cartaz+VII+Sessiom+Vermu.jpg

Estás convidad@ à VII Sessiom Vermú no Ateneo Ferrolán, que organizam o Colectivo OPAII-RFM e o Ateneo Ferrolán para presentar a nova grelha da tempada 2009-2010 de Rádio FilispiM.

Com a retransmissom dum Programa Especial ao vivo e a colaboraçom-actuaçom do grupo da Terra de Trasancos BOJ.
Haberá pinchos e música de balde!!

O Sábado 31 de Outubro a partir das 12:00hs. no Ateno Ferrolán

Descargar o arquivo

19 de outubro de 2009

Xurxo Souto: a canción do galego é para cantar todos os días.

"A canción do galego é para cantar todos os dias", afirmou o músico, locutor e comunicador Xurxo Souto no descorrer da masiva manifestación o pasado 18 de outubro en Compostela. Ademáis, reclamou da xente nova un paso adiante de compromiso co idioma, “un fermoso instrumento para construir o futuro”.
Descargar o arquivo

Pola súa banda o actor Carlos Blanco afirmou que a súa participación na marcha de Queremos Galego foi unha obriga, a demostración de respeto pola lingua do pais. Con ironia (en clara referencia a manifestación "anti-abortistas" do día anterior en Madrid), Blanco sinalou que na manifestación de Queremos Galego participaron máis de 6 millóns de persoas.
Descargar o arquivo
Información tirada do portal www.radiofusion.eu

Queremos galego ateigou Compostela.

Manifestación histórica en Santiago. A organización fala de 100.000 asistentes e a Policía Local, segundo Europa Press, de 50.000. En todo caso unha primeira impresión apunta a que se superou a protesta do Día das Letras. Daquela a Mesa pola Normalización falara de 50.000 asistentes.

“Ao Obradoiro!” ante a falta de espacio.

Este domingo a Quintana encheuse por completo e moita xente non ficou fóra, polo que se escoitaron berros de “Ao Obradoiro! Ao Obradoiro!”. A organización presumiu de que aínda había xente na Alameda co acto xa iniciado na Quintana.

"Somos galego e temos dereito" e "Na Galiza, en galego" foron algúns dos berros máis populares. A manifestación descorreu sen incidentes polo centro e a zona vella de Santiago até a Praza da Quintana (...)

Iniciativa Lexislativa Popular

A plataforma 'Queremos Galego' critica varias medidas dos conservadores na Xunta. Entre elas, a próxima derrogación do decreto 124/2007 do galego no ensino; a rede de Galescolas; a modificación da Lei de Función Pública para a eliminación dunha proba de galego nas oposicións; ou as axudas á tradución de libros en galego.

Ante estes “abusos”, Queremos Galego anunciou que recollerá sinaturas para presentar na Cámara unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP).

Mentres, Feixóo, na súa visita de tres días a Londres, defendía a importancia dun ensino en tres idiomas e recoñecía a utilidade da lusofonía.

Tirado do xornal www.anosaterra.org

Texto completo da nova nese enlace.

Aprobado o proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual para o Estado Español.

No Estado español o Goberno acaba de aprobar o Proxecto de Lei Xeral da Comunicación Audiovisual. Esta Lei xunto coa creación dunha Autoridade Audiovisual independente eran dúas das promesas electorais do Partido Socialista cando accedeu ao goberno en 2004.

Con todo, foron necesarios máis de 5 anos para que o goberno presentase ante o Parlamento un proxecto de Lei. Unha tramitación da que tamén está pendente a Comisión Europea xa que a Directiva de Servizos Audiovisuais aprobada en 2007 debe ser aplicada na normativa dos estados da Unión Europea antes do 9 de decembro.

Segundo o goberno o Proxecto de Lei Xeral da Comunicación Audiovisual aprobado é froito dun amplo labor de consultas con todos os sectores vinculados co mundo da comunicación audiovisual, que vén desenvolvendo o Goberno ao longo dos últimos anos. Con todo, moitas organizacións, desde sindicatos ata organizacións empresariais critican o feito de que o Goberno non contou coa súa opinión, nin facilitou información sobre o contido da lei.

Como novidades da lei, ademais da creación do Consello de Medios Audiovisuais, o proxecto recolle a existencia de emisoras comunitarias: Pero, desde a Rede de Medios Comunitarios critican que a lei non recolle ningunha medida para garantir ou fomentar a existencia destes medios cidadáns, sen ánimo de lucro, ao establecerse restricións e esixencias que non se fan ás emisoras comerciais.

Javier García, da Rede de Medios Comunitarios (ReMC), preparounos a seguinte análise.





Audio publicado en Más Voces : www.masvoces.org

Nestoutro enlace (para os máis masoquitas) tedes acceso ao texto completo da Lei e a un video no que a Vicepresidenta se desnuda: enlace!

La Radio del Sur, rede radial venezolana.

Desde Venezuela, e co impulso da Radio Nacional de Venezuela, xa comezaron as emisións da Radio do Sur, un proxecto radiofónico en rede, onde tamén participa Máis Voces, e que ten a misión de ofrecer a mellor alternativa en materia de información, entretemento e educación, a través dunha Rede de emisoras de alcance internacional, que permita rachar coa escasa información que se divulga polos medios tradicionais de comunicación e así poder contrarrestar as manipulacións mediáticas das cales son vítimas os pobos do mundo.





Audio publicado en Más Voces : www.masvoces.org

16 de outubro de 2009

A falsa pluralidade da TDT no Estado Español.

O panorama de abundancia televisiva non tivo consecuencias no aumento da diversidade de contidos, e a oferta multicanal a través das diferentes plataformas é un bo exemplo.

Este fenómeno tamén se estendeu a algunhas canles obtidas polos concesionarios de TDT de alcance estatal (Disney Channel ou SET en Veo), feito que pon en evidencia a incapacidade dos operadores españois de TDT de encher con contidos orixinais as canles que lles foron outorgados e abre interrogantes sobre a legalidade destas opcións, posto que non respectan as condicións concesionais.

Tamén pon en dúbida a bondade do deseño do sistema de televisión froito do plan de TDT: se os operadores non son capaces de encher o espectro que lles foi concedido con canles de televisión con contiudos orixinais, e se os enchen con franquicias que xa están presentes nas plataformas de distribución multicanle, é evidente que non se contribúe á diversidade e o pluralismo.

Tirado do blog guerrillatv.blogspot.com
Fonte orixinal: Informe de la Comunicació a Catalunya 2007 - 2008

Outras entradas de interese:
laguerradelosmedios.lacoctelera.net/post/2009/08/16/el-fracaso-la-tdt-espanola
chicadelatele.com/2007/10/16/el-timo-la-tdt-nos-viene

15 de outubro de 2009

Nova Lei Audiovidual en Arxentina.

O Senado arxentino aprobou o proxecto de Lei de Servizos de Comunicación Audiovisual.

A aprobación chegou na madrugada do sábado cunha ampla maioría: 44 votos contra 24 na votación en xeral.

A Lei dispón un novo ordenamento na propiedade dos medios de comunicación. Modificará o mercado da comunicación en Arxentina que actualmente está profundamente concentrado en mans de poucos grupos económicos.

A normativa recoñece ás radios comunitarias e limita a concentración dos medios de comunicación privados comerciais.

Os compañeiros de ALER e o Foro Arxentino de Radios Comunitarias (FARCO) ofrécennos a seguinte información baixo a condución de Hugo Ramírez.






Audio publicado en Más Voces : www.masvoces.org

12 de setembro de 2009

Caravana pola comunicación libre e comunitaria en Ecuador.


Unha gran Caravana pola Comunicación percorreu varias cidades de Ecuador. A caravana foi organizada pola Coordinadora de Radios Populares e Educativas de Ecuador, CORAPE, co apoio de ALER e AMARC e concluíu en Quito. Esta iniciativa recolle as reflexións de cidadáns e cidadás sobre unha Lei de Comunicación.

Expertos, representantes de medios alternativos e populares e catedráticos reuníronse para elaborar propostas para a Lei de Comunicación. Preguntáronse dúas cousas: que medios temos e que medios queremos?

Á primeira inquietude, as respostas foron similares: "Os medios están en mans privadas, discriminase aos sectores populares, a repartición de frecuencias non é equitativa, e teñen unha débeda coa educación". Ao contestar a segunda interrogante, sinalan que aínda que se garanta o acceso equitativo aos medios (entre o popular, o público e o privado), débese pensar na sustentabilidade dos proxectos.

Tras un acto festivo que pechou a Caravana, a Coordinadora de Radios Populares e Educativas do Ecuador, entregou ás autoridades, a súa propostas para a nova Lei de Comunicación. Ecuador xa comezou o debate para a construción dunha nova lei, que faga da comunicación un verdadeiro dereito para todos e todas.





Audio e texto tirado de Más Voces : www.masvoces.org

9 de setembro de 2009

Rádio FilispiM, a pola súa quinta grella!!!


Rádio FilispiM, abre o prazo de presentación de propostas
de programas para o curso 2009/2010.


O quinto curso radiofónico, 2009/2010, da radio libre e comunitaria de Trasancos está a piques de comezar. A nova programación comezará a emitirse oficialmente o xoves 1 de outubro de 2009.

Rádio FilispiM, 93.9 FM, é unha radio sen ánimo de lucro integrada no terceiro sector da comunicación: o da cidadanía.

PRESENTACIÓN DE PROPOSTAS.
Para poder realizar o teu programas debes enviar a túa proposta antes do sábado 19 de setembro a filispina@gmail.com.

Se xa es membro do colectivo Opaíí!-Rádio Filispim, lembra que debes ter as cotas ao día, requirimento indispensabel para darlle continuidade a túa proposta radiofónica.

SESIÓN VERMÚ.
Por outra banda o sábado 31 de outubro haberá unha sesión vermú presentación da nova grella, no Ateneo Ferrolán. En breve darémoste máis información desta festa.

VINDEIRA ASEMBLEA.
Por outra banda, a vindeira asemblea preparatoria da tempada de Rádio FilispiM, será o sábado 19 de setembro no Ateneo Ferrolán, coincidindo co fin de prazo de presentación de propostas radiofónicas e aboo de cotas pendentes.

EN REDE.
Este novo curso radiofónico, o colectivo re-editará a colaboración con outras radios de Galiza, Estado e resto do mundo, ao través da difusión de propostas coma Nosotras en el mundo, Mapamundi, o informativo Más Voces ou Marca Branca, entre outros moitos espazos de radios irmás de todo o mundo.

Destacar o intercambio de programas que FilispiM de Ferrol e Rádio Piratona de Vigo comezaron a pasada grella, abrindo un camiño recollido no ideario da REGARLIC, Rede Galega de Radios Libres e Comunitarias, da que Rádio FilispiM e membra xunto a Radio Kalimera de Compostela, Radio Clavi de Lugo, Cuac FM de A Coruña, Radio Piratona de Vigo e Radio Roncudo de Corme.

Participa!!!!!

8 de agosto de 2009

O concello de Narón terá unha radio municipal.

Estes días os medios de comunicación local veñen de se fazer eco da concesión dunha licenza de radio difusión en FM ao Concello de Narón (A Coruña). Así, o Diario de Ferrol, publica o que segue (e traducimos):

O Concello dispón de licenza para abrir unha emisora de radio municipal.

REDACCIÓN > FERROL

O Concello de Narón acaba de recibir a licenza de apertura dunha emisora de radio municipal, que lle foi concedida por parte da Secretaría Xeral de Medios da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia.

Este acordo foi adoptado no último Consello da Xunta, celebrado o pasado 30 de xullo, e xa foi ratificado polo titular do referido departamento autonómico, Afonso Roda.

O Concello naronés fíxose coa adxudicación provisional dun servizo de radifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia de carácter municipal. Así, do mesmo xeito que ocorre con outros municipios da comarca como o de Fene, poderá dispor da súa propia emisora municipal.

Por outra banda, a concesión definitiva desta intervención está supeditada á aprobación previa do proxecto técnico da emisora de radio, ademais das obras de instalación correspondentes e a posterior inspección e autorización da súa posta en marcha, segundo informan desde o consistorio.

Proxecto > O goberno local naronés deberá agora presentar o proxecto técnico para a posta en marcha da cadea de radio no prazo de dous meses. En canto ás obras para a localización da emisora municipal, estas acometeranse, segundo as previsións que manexa o consistorio naronés, na Casa da Cultura, enfronte do edificio municipal no Alto do Castiñeiro.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...