Estes días os medios de comunicación local veñen de se fazer eco da concesión dunha licenza de radio difusión en FM ao Concello de Narón (A Coruña). Así, o Diario de Ferrol, publica o que segue (e traducimos):
O Concello dispón de licenza para abrir unha emisora de radio municipal.
REDACCIÓN > FERROL
O Concello de Narón acaba de recibir a licenza de apertura dunha emisora de radio municipal, que lle foi concedida por parte da Secretaría Xeral de Medios da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia.
Este acordo foi adoptado no último Consello da Xunta, celebrado o pasado 30 de xullo, e xa foi ratificado polo titular do referido departamento autonómico, Afonso Roda.
O Concello naronés fíxose coa adxudicación provisional dun servizo de radifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia de carácter municipal. Así, do mesmo xeito que ocorre con outros municipios da comarca como o de Fene, poderá dispor da súa propia emisora municipal.
Por outra banda, a concesión definitiva desta intervención está supeditada á aprobación previa do proxecto técnico da emisora de radio, ademais das obras de instalación correspondentes e a posterior inspección e autorización da súa posta en marcha, segundo informan desde o consistorio.
Proxecto > O goberno local naronés deberá agora presentar o proxecto técnico para a posta en marcha da cadea de radio no prazo de dous meses. En canto ás obras para a localización da emisora municipal, estas acometeranse, segundo as previsións que manexa o consistorio naronés, na Casa da Cultura, enfronte do edificio municipal no Alto do Castiñeiro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Comentando das vida ao blog. Adiante!