5 de febreiro de 2016

Divertimento - Especial 4º Encontro da ReMC en Bilbo - 29/11/2007


(29/11/2007) -resubida- En outubro de 2005 aconteceron no populoso bairro de Usera (Madrid) as primeiras Xornadas Internacionais de redes comunitarias, berce do que logo sería a ReMC (Red de Medios Comunitarios). Intuíase, xa daquela, que se ía crear un novo marco legal audiovisual (Ley General Audiovisual). A idea daquel encontro foi crear unha plataforma de traballo cooperativo que tivera visibilidade fronte a Administración, co fin tentar incorporar por vez primeira aos medios do terceiro sector estatais no articulado desa futura Ley 7/2010, de 31 de marzo, General de la Comunicación Audiovisual., que finalmente tardaría en chegar e vería a luz no 2010.

A ReMC (Red Medios Comunitarios) é un espazo de aglutina, coordina e defende os fins dunha diversidade de medios, iniciativas e prácticas de comunicación cidadás, englobadas dentro do denominado Terceiro Sector da Comunicación, radios libres e comunitarias, televisións, proxectos audiovisuais e pubicacións.  

A ReMC nace ao tempo ca Rádio FilispiM, a primeira  radio libre e comunitaria de Ferrol, xestada baixo o ideario das radios libres dende a súa concepción coma idea, a finais do ano 2003, e cuxas primeiras emisións datan de agosto de 2005.

Nese tempo, finais de 2004, O Colectivo Opaii!-Rádio FilispiM organizou na súa sede, o Ateneo Ferrolán, unha xuntanza de Radios Libres e comunitarias a nível galego, xuntaza na que se artellaría e consensuarían os principios mínimos da ReGARLIC (Rede Galega de Radios Lilbres).

Postos en contexto, recuperamos esta emisión especial de Divertimento para pequenos monstros, producida en novembro de 2007 poucas horas despois do 4º Encontro da ReMC en Bilbo organizado por Tas-Tas Irratia Librea, emisora hoxe desaparecida. A aquel encontro acudiron 150 persoas pertencentes a 100 medios do terceiro sector estatal, e tivo lugar entre o 23 e 25 de novembro de 2007. 

No audio escoitaremos as valoración daquel encontro de Mariano Cabarcos e Tomi Legido da emisora comuntiaria de Coruña, Cuac FM. Na segunda parte do programa escoitamos unha reportaxe que Eco Leganés realizou in situ no Encontro. A disfrutar...

Conduce: Pequeno Monstro.

4 de febreiro de 2016

Divertimento - Programa especial no descorrer do V Conspirando - 20/03/2008


(20/03/2008) -resubida- Edición especial  dos `Pequenos Monstros´ na Rádio FilispiM, animando as horas previas aos concertos do `V Conspirando por unha Rádio Libre´ dese xoves `santo´ 20 de marzo de 2008 na Praza do Inferniño de Ferrol. O programa realizouse en directo dende o estudo `metro cadrado´ do Ateneo Ferrolán,  no transcorrer da Feira de Colectivos que, como novidade, organizaba ese ano o Colectivo Opaii!-Rádio FilispiM, complementariamente aos concertos do festival.

Contamos o porqué do Conspirando, fixemos un pouco de historia e animamos as horas previas ao `estoupido´ da quinta edición do Conspirando que, coma sempre, cadrou en xoves `santo´ e que, por vez primeira, realizamos ao ár libre baixo unha inmensa carpa na praza do Inferniño de Ferrol, grazas a colaboración de moitas persoas e do Concello, que nos deixou unha carpa e unha praza...

Durante dúas horas e media escoitamos música das bandas participantes no festival, Ta´crack (Narón), The Sweet (Ferrol) e Dakidarría (Nigrán). Ademaís, coa axuda doutros integrantes do Colectivo Opaii!, Paula Meizoso, Iván DZine (e Tomi Cuac FM que pasaba por alí), entrevistamos a moitas persoas ao fronte das mesas na Feira de Colectivos: Lalán (Fuco Buxán), Lupe Ces (Marcha Mundial das Mulleres), Loli (Artefeito Caseiro), Eliseo Zaera (Ateneo Ferrolán), Eva (ONG Solidaridad Internacional), Carlos Varela (Comité Antisida Lazos), Xabi Porto (Espazo Libertario / Fervesteiro), Susana e Sonia (Cometa, defensa animais) e até un integrante de El Militante. Como non podía ser menos, falamos con algúns dos músicos participantes no V Conspirando: WC García (The Sweet) e un integrante de Ta´Crack.

Conduce e anima: Pequeno Monstro. A disfrutar.

2 de febreiro de 2016

Divertimento - Roger de Flor, `Canciones de Amor y Retranca´ + Detención de Bastida en directo - 29/05/2007


(29/05/2007) -resubida- Recuperamos do arquivo unha outra edición de `Divertimento para pequenos monstros´, nesta ocasión emitida na Rádio FilispiM.

Neste programa, Roger de Flor visitou o estudio e apresenta a súa maqueta (demo) `Canciones de Amor y Retranca´, tarxeta de presentación do intérprete fenés cuxo nome e música son hoxe ben coñecidas e valoradas.

No trancurso do programa cubrimos unha nova que estaba a acontecer coa colaboración dos improvisados correspondentes, Lupe e André, que se puxeron en contacto vía teléfono con Divertimento (Rádio FilispiM), para nos contar que estaba a ocorrer no máis rigoroso dos directos:

Un dos primeiros gaseiros que ían abastecer a Pranta de Gas de Reganosa en Ferrol,`Mourad Didouche´, co obxecto de encher o segundo dos tanques, era paralizado en plena Ría de Ferrol por unhas 20 pequenas embarcacións tripuladas pol@s mariscador@s, nunha acción sopresa que foi nova nos medios de comunicación de todo o mundo... ao igual que acontecera na xornada do  9 de maio coa entrada dun outro gaseiro, o Galicia Spirit.

Numerosas persoas, integrantes do Comité de Emerxencia apoiaban acción dende o peirao ferrolán, mais ao regresar @s mariscador@s a porto a policia nacional procedeu a detención do, daquela, Patron Maior da Confraría de Ferrol, Bernardo Bastida. Entón, produciuse unha carga policial e unha compañeira da Rádio Filispim, Cris, foi ferida...

Radio libre e comunitaria en estado puro...

Conduce: Pequeno Monstro.

7 de xaneiro de 2016

Divertimento - Especial III Conspirando por unha radio libre - 05/03/2008


(05/03/2008) -resubida- Edición de Divertimento para pequenos monstros dende o xa mítico estudio `metro cadrado´ de Rádio FilispiM, no Ateneo Ferrolán.

Especial III Conspirando por unha radio libre celebrado o xoves 13 de abril de 2006 no local social de San Carlos, no bairro de Esteiro (Ferrol).

Escoitamos extractos dos concertos que deron os grupos participantes nese Conspirando, La Sociedad Protectora del Hombre Mono que para a ocasión contou coa colaboración do Neno Elliott, Os Tres Trebóns de Xurxo Souto  e o Vendaval do Rosal, o rap combativo de IV Guerra Mundial e os Strutter, unha xoven banda de rock local que rematarou de incendiar aquela noite de xoves `santo´ filispiniana.

O festival `Conspirando por unha radio libre´ foi activado polo Colectivo Opaii! no ano 2004, na súa primeira edición, para dar vida á Rádio FilispiM, primeria radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos-Ferrol que actualmente emite no 93.9 da FM e vía streaming  para todo o planeta en http://opaii.blogspot.com

Narrando os `altercados´filispinianos estivo o Pequeno Monstro...

5 de xaneiro de 2016

Divertimento - SGHN + Fundación Vía Galego - 05/02/2009



(05/02/2009) -resubida- A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén realizando desde os primeiros anos da década dos setenta os Censos de Aves Acuáticas invernantes, Censos de Aves petroleadas así como o anillamento científico de aves. Ademáis, participou directamente na elaboración do "Atlas de Vertebrados de Galicia", que hoxe en día é unha obra de consulta obrigada para calquera estudioso da natureza.

A SGHN forma parte da Coordinadora para a ou Estudo de Mamíferos Mariños (CEMMA) e da Sociedade Española de Cetáceos (SEC), cun grupo de traballo creado especialmente para a atención daqueles animais vivos que poidan varar nas nosas costas, seguimento de avistamento de cetáceos na comarca e necropsias dous cadáveres atopados, retirando mostras para o seu posterior estudo no Centro de investigacións Mariñas de Vigo.

Por outra banda, a "Sociedade" colabora con CEPESMA (Coordinadora para o Estudo e Protección das Especies Mariñas) de Luarca (Asturias), coa que comparte materiais e coñecementos.

Desde o comezo das súas actividades recollen e cuidan animais salvaxes feridos, ao non existir entidade pública oficial con este fin. Agora, se colabora no mesmo fin co Centro de recuperación de Fauna Salvaxe da Xunta de Galicia en Oleiros, organizando o envío de animais feridos aparecidos na comarca e conservando os restos de animais non recuperados para futuros estudos, que pasan a formar parte dos fondos do museo.

A delegación de Ferrol da SGHN posúe no seu local un museo que comezou sendo unha pequena exposición sobre a riqueza natural de Galicia. Hoxe, grazas ao esforzo altruísta de moitos socios e socias, podemos consideralo un Museo único en todo o País galego. Os medios e as axudas cos que conta para realizar o seu labor son escasos e os recursos limitados, mais, a pesar destas dificultades, o traballo que se está a realizar non é pouco.

O Museo comezou a con unhas pequenas coleccións de insectos, crustáceos, cranios de aves, etc., coleccións que foron aumentando para deixar de ser pequenas, e xunto a elas comezaron a aparecer as primeiras montaxes de esqueletes de mamíferos mariños (golfiños, toniñas...) e os primeiros fósiles. Hoxendía o Museo da Natureza da SGHN de Ferrol conta cunha ampla diversidade de pezas. Grande parte do material exposto foi recollido na Comunidade galega, complementado cos restos e traballos doutras zonas da península.

No ano 1984, coa cesión dun local por parte do Concello de Ferrol (antigo Hospicio en Amboage), decidiuse darlle carácter público aos numerosos libros propiedade da "Sociedade", creándose a biblioteca pública da SGHN. Esta comezou a crecer con subvencións e doazóns de libros de contido especializado e hoxe en día acadou un bon número de exemplares. Así, desde o ano 1.999 a Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol ten subscrito un convenio co Concello para manter aberto o Museo e a biblioteca así como a difusión da nosa natureza e os seus valores ás xentes de Ferrol.

No ano da gravación deste programa, 2009, este museo demandaba un espazo acondicionado e digno no que poder expor todos os fondos, xa que estado do local cedido polo Concello era de ruina total... A solución semellaba pasar pola restauración ou traslado a "Casa del Coronel" (parcela do antigo cuartel Sanchez Aguilera en Canido), un espazo de uso militar desafectado.

Aproveitando a celebración o xoves 5 de febreiro de 2009 dunhas Xornadas do Medio Mariño organizadas pola SGHN no Ateneo FerrolánJuan Ignacio Díaz da Silva, histórico integrante da "Sociedade", estivo a falar en Divertimento para pequenos monstros de todo esto...

Este Divertimento para pequenos monstros (05/02/2009) remata cunha entrevista telefónica a Iria Taibo da Fundación Vía Galego, quen tenta que os medios de comunicación audiovisuais portugueses podan ser sintonizados en Galiza, como unha oferta máis normalizada...

Conduce a apresenta: Pequeno Monstro.

3 de xaneiro de 2016

Recuperando as emisións perdidas de Divertimento en Radio Kaos, Radio Fene e Rádio FilispiM.


Pouco a pouco estamos a resubir as gravacións perdidas de Divertimento, tras ser borradas do anterior servidor (clic para máis info). Agora, dende archive.org, recuperaremos eses programas correspodentes ás etapas de emisión en Rádio Kaos (anos 1998/2000), Radio Fene (2000/2005) e da Rádio FilispiM (2005/2012), neste último caso aqueles gravados no mítico estudio "metro cadrado" do Ateneo Ferrolán.

De terdes especial interés nalgunha desas gravacións "perdidas", ou fostes protagonistas delas coma convidad@s, non deixedes de solicitar a súa resubida.

Saùde e divertimento.
Pequeno Monstro, xaneiro 2016

1 de xaneiro de 2016

Divertimento para pequenos monstros informa

O Pequeno Monstro.

Olá,

son o `Pequeno Monstro´, responsábel de Divertimento para pequenos monstros. Como sabedes hai meses decidín facer un parón canto a realización deste espazo, nesta xa iniciada grella 2015/2016.

Continuarei realizando os programas musicais Off Mental e 80 Vinilos/h, que renovarán contidos quincenalmente e se emitirán en Rádio FilispiM (Ferrol), Rádio Kalimera (Compostela), Radio Fene, Radio Eume (As Pontes), Radio Redondela e Radio Negreira. Ademáis, se distribuirán ao través dos correspondentes podcast en: http://offmental.blogspot.com e http://80vinilos.blogspot.com . Se formas parte dalgunha radio non comercial e desexas difundir estes contidos só tes que comunicalo ao Pequeno Monstro.

Moitas grazas a tod@s. Saúde.

O Pequeno Monstro.

13 de outubro de 2015

Divertimento - Colectivo CGTH, 10 anos + Danza, con Suso Perez Lago e Mar Sanchez - 09/10/2015

Mar Sánchez e Suso Pérez Lago, en Divertimento

Edición do venres 9 de outubro de DIVERTIMENTO para pequenos monstros.

Contidos:
  • O Colectivo ferrolán CGTH anda a cumprir 10 anos, e para cebralo programan unha festa para o vindeiro venres 16 de outubro na sala Super 8 de Ferrol, coas actuacións de Bala, Klute e Os Novos. Oscar e Olaia, integrantes de CGTH, estiveron no estudio...
  • O mundo da DANZA e da DANZATERAPIA en Ferrol. Coa presenza do bailarín Suso Pérez Lago e da danzaterapeuta Mar Sanchez Fraga​, que afondaron no mundo da danza e nos contaron as actividades para este novo curso e da áula de danzaterapia que impartirá Mar Sanchez a partir do xoves 15 de outubro.
  • Recomendacións para a fin de semana...


Difunden:
 Rádio FilispiM, 93.9 FM (Ferrol) & Rádio Kalimera, 107.9 FM.
Conducen: Ana Lucecú​ e o Pequeno Monstro​.

5 de outubro de 2015

Divertimento - `Apaga la tele, enciende tu vida´ + presentación Ferror Records (Espejos y Diamantes, Alarido Mongólico, & Carrero Bianco) - 02/10/2015

Rubén Artabe, Erika Road e Luis Kaf, "Apaga la tele.."

Divertimento para pequenos monstros, edición do vernes 2 de outono de 2015 na Rádio FilispiM, 93.9 FM

 Contidos:
  • "Apaga la tele. Enciende tu vida", proposta interdisciplinar protagonizada por Rubén Artabe (músico e cantos), Luis Kaf (poeta) i Erika Road (performer). Os tres estiveron no estudio e contaron de que vai este proxecto que percorrerá a xeografía galega. Ese mesmo venres estiveron subvertindo o Ateneo Ferrolán.
  • "Ferror Records" é un selo de música e músicos locais, creado por Serxio Peck Retropower e Fernando Fernández Rego. Afondamos neste proxecto feito realidade e ouvimos (en exclusiva mundial) parte do primeiro cedé recompilatorio deste selo ferrolterráqueo, adiantándonos ao acontecido na presentación do mesmo, o sábado 3 de outubro de 2015, na Sala SUPER 8 Ferrol. Na actualidade a `escudería´ de Ferror Records está formada pola triada: Espejos y Diamantes, Alarido Mongólico e Carrero Bianco.
  • Recomendacións para esta finde...
Apresentan e conducen: Ana Lucecú e o Pequeno Monstro Transmiten, radios libres: Rádio FilispiM, 93.9 FM (Ferrol) & Radio Kalimera, 107.9 (Compostela). + info: http://pequenosmonstros.blogspot.com
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...