17 de xullo de 2008

A sinestesia de Oscar Quant.

Oscar Quant é un tipo que vive en Ferrol en plan pop.

Entre as súas últimas fazañas está a de ter tocado no mesmísimo Cavern Club de Liverpool ou ter gravado un video-clip polas rúas de Ferrol subido nunha furgoneta, versionando Pois eu do grande -outro ferrolán- Andrés Dobarro.

Oscar Quant, Alberto Amigo, Rubén Coca, Kike Quijano, Miguel Fuentes, Boy Elliot, Amparo, Cintia... e incluso Roge de Flor -ver entrada anterior- o acompañan nesta aventura, subíndose a esa furgalla cuxo motor e accionado cunha dose de calidade, frescura e gañas de pasalo ben. A cualidade fica para os manieristas do século pasado.

Falamos aquí de entrañábel pop, xurdido da pulsión de instrumentos -case- de xoguete. Nas súas propias verbas: "Tentando suplantar a falla de medios con imaxinación, editamos as nosas cancións que logo agasallamos a os nosos amigos. Xogos vogais, guitarras, melodias, xilofonos, teclados de xoguete e practicamente calquer cousa que faga ruido. Non procuramos grandes metas, sabemos que o noso son é maquetero e iso nos gosta". Dou fe -xuramento de monstro- que todo é certo.

A ligazón deste proxecto pop co colectivo La Fonográfica General é máis que coñecida. As actividades de La Fonográfica son un exemplo de autoxestión en Ferrol. Sen patrocinios argallan festas nas que tocan grupos amparados pola Fonográfica e nas que se agasalla ao público asistente, con marabillosos singles de vinilo dos grupos partipantes da xolda, editados para a ocasión pola propia Fonográfica.

A idea leva dinamitando o status quo cultural da comarca dende hai un par de anos. Locais coma San Carlos (Esteiro-Ferrol) teñen sido testemuños de que na cidade de Ferrol hai vida extraterrestre, mais aló das Pepitas ou das recomendacións publicadas na axenda cultura local de La Voz de Galicia.

Falando de extraterrestres, Oscar Quant vén de presentar a súa última peza, en galego, leva por título Sinestesia. O tema é candidato a canción do verán, dentro da edición 2008 do A polo Ghit!, argallado pola Radio Galega e o portal de internet Vieiros.

Para explicar o que imos ver e escoitar, teriamos que remontarnos aos primeiros -e devonianos- Aviador Dro y sus obreros especializados, ou mesmo os bilbomarcianos Lavabos Iturriaga.

Que haberán tomado estes rapaces de Quant?. Cecais non sexa todo tan raro e tan só esteamos ante a verdadeira faciana destes quantianos de Ferrol, que até o de agora só eran pop e agora son monstro-pops?

Pequenas e pequenos monstros, con todos vós a Sinestesia de Quant, según o ollo de Rubén Coca:



E pra findar un agasallo sonoro. Un audio-entrevista que realizamos en maio de 2007, no programa Divertimento para pequenos monstros de Rádio FilsipiM, aos quantianos Rubén Coca e o propio Oscar. Pero quantas cosas, eh!?

13 de xullo de 2008

Roger de Flor: un desconocido menos.

Segunda das entregas de "Cancións", a nova e inflamábel sección deste blog. O artista, músico e autor, que vos presento é veciño da comarca de Ferrol, da comarca de Trasancos e se chama Rogelio Arias, mais polo seu nome artístico háino que nomear: Roger de Flor.

Roger de Flor, comezou interpretando as pezas dos seus artistas favoritos: Bowie, Dylan, Lou Reed, Burt Bacharach, etc. En Santiago de Compostela, nunha fonda crise existencia e creativa, decide reinventarse, mais antes tocaría a guitarra nunha orquesta de verbena. Dúcias de concertos pola Galiza e Portugal axudanlle a afianzarse coma
intérprete.

Daquela xa non há tempo pra crises existenciais, e forma o dúo La Sociedad Protectora del Hombre Mono, con Cristóbal Veiga, repasando o repertorio de Ray Davies e os Kings (partiparon no III Conspirando por unha radio libre, do Colectivo Opaíí!-Rádio Filispim). Neste punto a adicación á música é total e comezan as colaboracións coa cantante hispano-arxentina Alejandra Parada pra reivindicar o legado da bossa nova: Tom Jobim e Chico Buarque.

A súa faceta máis roqueira fica para o cuarteto Bang 74, formación na que aparecen as primeiras pezas de autoría propia e resucita o legado power pop dos 70 e 80. Con esta formación participa na edición do momento do Felipop, outro dos festivais de referencia da made in Ferrolterra.

Na actualidade, constitúe xunto a Quant e Boy Elliot (Daniel Alonso, Blood Filloas), a nova armada pop do cenario local, donde prevalece a calidade e orixinalidade fronte a suposta cualidade e virtuosismo dos grupos locais dos 80 e 90. O catálogo desa marabillosa idea local que é La Fonográfica General, recompila un bon feixe deses artificieiros da nova ofensiva pop local, que vos contamos.

Pola nosa parte tivémolo en directo en Divertimento para pequenos monstros, na findada grella de Rádio Filispim, apresentando o seu traballo Cancións de amor e retranca. Ademáis puidemos disfrutar dalgún dos seus intensos concertos nun local en Ares. Nos videiros días tentarei localizar esa entrevista que lle realizamos, os monstros, e porvos un enlace. A música local terá o seu espazo en "Cancións", así que todas atentas as próximas edicións.

De momento só decirvos que o video que ides ver e escoitar está producido por un elenco moi representativo do que poderían ser os novos valores do audio-visual da nosa comarca, e mesmo na Galiza: foi realizado polo cineasta Carlos Alberto Alonso e producido por Ruben Coca Produccións. Os estupendos exteriores responden as fermosas paisaxes das praias de Ferrol e comarca. A gravación/postproducción desenrolouse durante decembro de 2007.

Nesta ocasión escoitamos unha versión que Roger de Flor, fainos dun tema de Bob Dylan titulado xenéricamente
"Simple Twist of Fate" e que el rebautiza coma "Una desconocida más". A disfrutalo, monstros!

10 de xullo de 2008

Ignacio Copani: Cacerola de Teflón.

Con este video musical, inauguramos unha nova sección neste blog: as cancións. Pretendemos amosaros aquelas alfaias musicais que imos atopando nas nosas monstrosas singladuras. A peza foi achada nun dos meus blogs favoritos: Al sur del Río Bravo. O autor e intérprete chámase Ignacio Copani, e a canción leva por título: "Cacerola de Teflón".

Ao respeito, o propio Copani, di o que segue: "Os golpes militares pasaron de moda. Hoxe, os golpes son económicos. Cando ao imperio e as grandes empresas que o conforman, non lles son favorábeis as condicións económicas, practican estes golpes nos paises donde se atopan temporalmente estabelecidos. Pero non o poden fazer sós; precisan da axuda e o amparo de esbirros, traidores e vendepatrias. No meu pais, Arxentina, eses traidores teñen nome e apelidos: disfrazados de produtores rurais, hoxe tentan por en xaque ao país. A eles súmanse as grandes corporacións periodísticas, coma o Grupo Clarín e a malparida clase media arxentina, que sae a rúa coas súas cacerolas Essen a tratar de desestabilizar un goberno, que máis aló dos seus acertos e desacertos (que son bastantes) foi elixido polo pobo."

Que eu saiba, o autor non é popularmente coñecido por estas latitudes, mais gostaría que así o for a partir desta canción. Ignacio Copani, sofreu duros ataques e ameazas pola publicación da mesma; semella non sentou nada ben aos seus destinatarios. Neste enlace a unha carta pública do propio Copani, tedes máis información sobre o triste asunto.

Pequenas e pequenos monstros, tod@s, para eses golpistas de novo cuño: mas media e os seus monaguillos, esta peza de Ignacio Copani titulada "Cacerola de Teflón", até que lles estoupe na cabeza.

7 de xullo de 2008

Directiva de Retorno=Directiva da Vergoña

Durante os últimos meses, os Pequenos e pequenas monstros, descubrimos a realidade dos Centros de Internamento para Inmigrantes, CIEs, da man das crónicas d@s compañeir@s dos informativos Más Voces da URCM, para todo o Estado español e parte do mundo por dúcias de radios libres e comunitarias.

Como non podía ser menos Rádio FilispiM, a libre e comunitaria de Ferrol e Terra de Trasancos, amplificou tamén toda isa realidade.

Todas as crónicas, e os diversos especiais, foron esclarecedoras fronte a tanto silencio cómplice dos medios adeptos ao sistema da Vergoña.

Finalmente, o pasado 18 de xuño de 2008, o proxecto da Directiva sobre a detención e expulsión das persoas estraxeiras, foi presentado e tristemente aprobada cos votos da maioría dos europarlamentarios, dentre deles un bon feixe da suposta "esquerda", constituindo de facto unha nova agresión aos dereitos humáns en pleno século XXI.

Estas son algunhas das RAZÓNS que nos moven a cualificar esta Directiva como de Vergoña:

Ao prever unha detención que pode acadar até os 18 meses para as persoas cuxo único delicto é querer vivir en Europa, este proxecto conleva unha lóxica inhumán: a xeralización dunha política de retención dos estranxeiros que podería así converterse no xeito "normal" de xestión das poboazóns migrantes.

Ao permitir que sexa unha autoridade administrativa, e non un xuiz, en contra do Dereito Internacional, o que decida a detención dos inmigrantes nos Centros de Internamento de Estranxeiros, CIEs, antes de proceder a expulsalos, y estabelece tambén a detención de menores non acompañados.

Ao estabelecer unha prohibición de 5 anos antes de volver a Europa para todas as persoas expulsadas, esta Directiva estigmatiza ás persoas sen papeis e as transforma en delincuentes que deben ser excluid@s.

Por vez primeira neste eido, esta Directiva será xestionada cun procedemento de co-decisión entre o Parladoiro Europeu e o Consello de Ministros. Esta política regresiva vai en contra dos valores humanistas que constitúen a base e a forza do proxecto europeu. É por iso polo que a Directiva de Retorno é xa coñecida coma a Directiva da Vergoña.

O Parladoiro Europeu, @s parlamentari@s europeus, deben rectificar para impedir que Europa caiga de novo, nunha época escura de segregación entre nacionais e indesexábeis, ao través da sistematización dos centros de internamento para inmitrantes, CIEs, e do retorno forzado.

No Estado español, funcionan dez CIEs (Barcelona, Madrid, Málaga, Alxeciras, Canarias...) Detras desa eufemística denominación, hai verdadeiros cárceres de máxima seguridade nos que ningún diputado español ten dereito a entrar. Barrotes nas fiestras, tempos regulamentados e policías que vixilan as xornadas dos imnigrantes, entre os que hai menores e mulleres preñadas.

Ademáis, existen celdas de aillamento, para quen non cumpra o regulamento, é dicir, na práctica, para quen se queixa das condicións carcelarias ou se rebela ante a expulsión. O nicho de aillamento ten tan só un catre e ningúnha luz exterior, tan só unha pequena rexiña. Para poder ir ao baño hai que pedir permiso, dereito que non existe pola noite. Pequenos espazos, dotados de até vinte literas cada un, se aliñan un tras outro. As caras dos emigrantes pechados se achegan as reixas. Todos van vestidos de igual xeito e contan a mesma traxica historia da travesía pola mar. Pasan o día pechados e saen tan só unha vez ao día para comer.

Europa estase a transformar nunha fortaleza militarizada, ao tempo que un paraiso para o movimento de capitais, produtos e servizos. A partires de agora, as forzas de seguridade dos países da UE, poderán adicarse con impunidade á caza do inmigrante, deporte deleznábel de tintes fascistas iniciado recentemente na Italia de Berlusconi.

A vergoña, non a ostentan só os gobernos e europarlamentarios, é sen dúbida a vergoña de todas e todos, de quen somos europeus, das sociedades bébedas de consumismo e medo, é a vergoña da nosa incapacidade para dar resposta ao capitalismo totalitario dunha UE, que máis aló da crise provocada polo non irlandés ao novo Tratado, está disposta a impor o seu goberno antidemocrático das multinacionais e das finanzas, por riba dos dereitos e necesidades das persoas.

É probábel que estes días haxa convocatorias no Estado para visualizar o rexeitamento á esta Directiva. Ao tempo, se están a recoller sinaturas .

Pequenas e pequenos monstros,
o que está a acontecer é unha VERGOÑA. Temos que reaxir, non podemos ser cómplices. Precisamos seguir visualizando a problemática, transmitirlles aos inmigrantes que estamos con eles. Deixámosvos cun video que aporta, se cabe, máis información. Non pechedes os ollos, abrídeos ben.




Impresionante reportaxe do informativo Mas Voces sobre os Centros de Internamento para Inmigrantes (CIEs) no Estado español:





Audio publicado en Más Voces : www.masvoces.org

3 de xullo de 2008

A Igrexa mata, apostata!

Ese é o lema elixido polo colectivo coruñés MariBolheras Precárias, para a mani festa acción do pasado 28 de xuño, polo día do orgullo gay.

Os Pequen@s monstr@s achegámonos até Coruña, pra disfrutar da festa, e que festa!. A movida comezou á primeira hora da tarde cunha mani festa acción, que percorreu lugares emblemáticos do establismen coruñeso e findou cunha pinchada e baile na Praza da Leña (antes Praza de Espanha). Atrás ficaban as asembleas no centro social A Treu (Orilhamar) e os comunicados das MariBolheras que anticipaban a festa "a ideia é plantejar a máni como umha grande performance ´do it yourself´ de crítica radical e irónica à igreja. Som benvindos disfarces de bispos, curas, monjas, beatos, mantilhas espanholas, primeiras comunións, monaguilhos, todo tipo de objectos religiosos, virgens milagreiras, devotos...".

Se ben os políticos que andan a gobernar Corunha, e maís Ferrol, decidiron este ano oficializar (con festa patrocinada incluida nalgún caso) o día do orgullo gay, o certo é que, como todo, canto máis lonxe o politiqueo, mellor. Se queren mariconear, que sigan aso seu.

Até o que puidemos ver a festa foi un éxito total. Ao chegar a Praza da Leña a peña estaba danzando e cando marchamos ficaban os mesmos multiplicados por dez. A escena era tan sinxela coma efectiva: un lugar para a impartición apostólica do ritmo, unha barra para a comuñón e un lugar santo para a libre expresión. Muitos paños de cor rosa nos que locía unha imaxe "mariBolhera", e moito bon ambiente.

A cousa estivo tan ben argallada, canto as accións surpresas, posta en escea xeral e toneladas de ironía politico-social, que vos deixamos con este video que produciron os colectivos Olholivre e GZvideos.

Pequen@s monstr@s, antes de marchar, un desexo: que se estenda o exemplo de bon fazer e traballo en equipa deste colectivo por todo o País. Delegazóns da audacia MariBolhera no mundo mundial, xa!

26 de xuño de 2008

Festival de Músicas do Mundo (FMM) de Sines.

O Festival Músicas do Mundo de Sines (FMM) chega á súa décima edición, apresentado o programa máis extenso da sua historia. A cita é do dezasete ao vinteséis de xullo de 2008.
Serán corenta espectáculos e iniciativas paralelas repartidos por catro palcos montados na vila de Porto Covo e na pequena cidade de Sines, espallados en: Centro de Artes de Sines, Avenida Vasco da Gama... e un Castelo!

En relación a 2007, as principais novidades son o un potenzamento da parte do programa que se fai no Centro de Artes, ao pasar a haber tamén concertos nocturnos na zona exterior, e a inclusión
na madrugada dun segundo concerto de música xunto á praia, na Avenida Vasco da Gama, no propio Sines. O pai do rock chinés, Cui Jian, a diva da música indiana, Asha Bhosle, o grupo seminal do movimento hip hop, The Last Poets e os galegos Maful e Serralhe Aí!!! (de Ferrol!), son algúns dos destaques do programa.

Os concertos e actividades serán a todas horas e durante todo o festival. Algúns deles son de pago (5 e 10 euros), mais tamén os hai de balde. Aqueles de pago no Castelo, pódense seguir dende o exterior ao través das pantallas xigantes que a organización instala. O bon ambiente na vila durante estes días, pese a afluencia de público é moi tranquilo e nada masificado. O bo xantar, a Sagres (ou Super Bock) a muito bon prezo, axudarannos a supervivir.

O marco donde se desenvolve o festival e as multiplas actividades é incomparábel: Sines, Porto Covo... ummmm!. As praias do entorno (unha pasada!), lembran muito as das nosas costas: salvaxes e muito ben coidadas. Os parques de campismo son unha boa alternativa pra seguiren en contacto coa natureza e economizar. Iso si, cómpre ser previsora e tentar reservar e informarnos dos que temos pola zona.
Sines é unha pequena cidade encantada (co seu Castelo!) a 163 km de Lisboa, ao sul, no distrito de Setúbal, rexión do Alentejo, con perto de 12.500 habitantes. Posúe dúas freguesías: Sines e Porto Covo. Viches Sines dende o satélite?

É berce do grande navegante Vasco da Gama, mais tamén de xente marabillosa que farán da túa estancia aló algo certamente especial. Xa se sabe que entre Galegos e Portugueses temos muito en común. Na idade media, o norde de Portugal e a Galiza eramos unha mesma terra: Gallaecia. Mesmo, na Europa de hoxe en día, constituimos unha mesma eurorrexión. Que dicer da nosa lingua:o vencello entre o galego e o portugués é indiscutíbel. Máis de 200.000.000 millóns de persoas falan o galego-portugués no mundo, estados coma:
Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Moçambique, Portugal e São Tomé e Príncipe. Cada quen co seu sotaque, mais todos polo mesmo universo.

Dende o ano 1999, no que o festival acolle a 7000 expectadores, até o 2007 no que acolle 80.000, teñen pasado moreas de artistas procedentes dos cinco continentes: Omar Sosa (Cuba), Brigada Victor Jara (Pt), Hedningarna (Suecia), Kronos Quartet (EUA), The Skatalites (Jamaica), Tom Zé (Brasil), Trilok Gurtu Band (India), Varttina (Finlandia), Rao Kyao (Pt), Sr Coconut (Chile/Alemaña), La Etrure Criminale Banda (Italia), Jacky Molard (Bretaña)... e incluso Femi Anikulapo Kuti, o fillo de Fela Kuti, ao que lle adicamos un especial neste mesmo caderno. Podes consultar a relación completa de artistas que pasaron polo FMM de Sines, aquí.

O Pequeno Monstro foi testemuña da boa organización e do inmellorábel cartaz do pasado FMM de Sines 2007, do xantar, da cervexa e das praias. Aquelas cuestións que consideramos mellorábeis (aproveitamento do exterior do Centro de Artes de Sines para pequenas actuacións, e participación de grupos da Galiza) son xa unha realidade na actual edición. Así, achamos que a organización se esforza por fazer deste estupendo festival, unha cita ineludíbel para o quen o visita por vez primeira.
Este verán volvemos a Sines, a respirar. Xa estamos na procura dun sitio na terra de nós (tambén) que recolla os nosos corpos rebentados de tanta ledicia. Desta, realizaremos unha resportaxe audio-visual, con entrevistas e escenas do máis grande e (descoñecido aínda por estes lares) festival de músicas do mundo. Seguiremos informando. Ficamos co video oficial presentación do FMM Sines, 2008.

22 de xuño de 2008

As zambas do Che.

Hai 40 anos, nos catro pontos do continente Americano, nacía á vez a Nova Canción Latinoamericana. Grupos e solistas xenlleiros coma Los Folkloristas, Inti Illimani, Silvio Rodríguez, Pablo Milanés, Chico Buarque, Caetano Veloso e Gilberto Gil, daban a nota coas súas innovadoras propostas.

Ao tempo, tamén hai 40 anos, un
nove de outubro de 1967, Ernesto Che Guevara é asasinado en Higuera. O Che enfrentado tanto ao capitalismo coma ao comunismo ortodoxo, está a piques de se converter nun heroe dos novos grupos da esquerda que xurden na década de 1960. Convencido de que a revolución era a única solución posíbel para acabar coas inxustizas sociais existentes en Latinoamérica, en 1954, marcha a México, donde se une ao movimento 26 de xullo, grupo integrado por revolucionarios cubanos exiliados ás ordes dun tal Fidel Castro.

Mais volvamos ao noso, pequen@s monstros, que esa historia xa a coñecen. Daquela todo se facía dende o afecto, a creación musical e o compromiso político da Esquerda. Os discos viaxaban coa amigos e os recitais eran pola solidariedade e difusión do que outros facían de Ecuador a Chile, de Cuba á Arxentina, e de Brasil a Bolivia. Descubriron que o folklore é un elemento de luita social, que está ligado ás tracidicións e intereses populares. Hoxe en día, na radio, probablemente non atoparás unha mísera interpretación folklórica, pois son outros ben distintos os intereses das discograficas e as súas difusoras.

A estas alturas do artículo os meus pequen@s monstros, deben de estar flipando por cores e preguntándose "de que vai este Divertimento?". Pois ben, apreséntovos dúas Zambas (ritmos tradicionais arxentinos) e aos seus creadores. Prestade atención, pois soen confundirse. Imos deixar ben claro, en que momento da historia foron compostas e que seres humáns protagonizaron cada unha delas. Como denominador común: a figura do Che Guevara .

Zamba nº 1: Zamba do Che.

Hamlet Lima Quintana naceu o 15 de setembro de 1923 en Morón, no oeste do Gran Bos Aires. Dende os seus primeiros anos a poesía e a música estiveron vencelladas a súa vida cotiá. O seu pai escribía poesía, tocaba a guitarra e o piano, oao igual que a súa nai. É autor de máis de 400 cancions coa colaboración de destacados compositores, as súas míticas La amanecida (1961) e Zamba para no morir (1965) marcaron una postura distinta fronte ao folklorismo costumbrista e meramente descriptivo daquela época, polo que integrou o Movimento do Novo Cancioneiro xurdido en Mendoza en 1963. Foi un artista integral: poeta, cantor, músico, pintor.

A súa Zamba para no morir, é coñecida en Bolivia e outros lugares de America latina coma la Zamba del Che porque era a preferida do guerrilleiro e porque con ela acompañaban aos combatentes mortos.

Ademáis, Hamlet Lime, escribiu a cantata Che-Diario del regreso, con música de Oscar Cardozo Ocampo e interpretada por Jairo estreada en xuño de 2000 en Santa Clara (Cuba), no Memorial que garda os restos de Ernesto Guevara. O soño da zamba para no morir faciase realidade.

Militante do Partido Comunista, tivo unha intensa vida política e comprometida cos DDHH e as luitas populares. En 1976 foi integrante da Comisión Directiva da SADE, e junto Roberto Santoro (máis tarde desaparecido pola dictadura militar), Elías Castelnuovo, Vicente Zito Lema, David Viñas –entre outros- luitaron pola aparición con vida dos escritores desaparecidos Haroldo Conti, Antonio Di Benedetto, Alberto Costas, Oscar Barros, e moitos máis. Ofereceu recitais en Uruguay, Perú, México, Cuba e España, a donde marchou tras a prohibición e as repetidas ameazas da dictadura militar. Aínda así, volveu ao seu país, porque quería ser protagonista da historia.

Hamlet Lima Quintana, o
autor da letra Zamba para no morir, a canción favorita do Che, faleció en Bos Aires aos 78 anos o 21 de febreiro de 2002. Os intensos versos desta peza foron extraordinariamente musicados por Norberto Ambrós e Hector A. Rosales.

Zamba nº 2: Zamba para o Che.

A Zamba para o Che, foi escrita en novembro de 1967 por Rubén Ortiz Fernández, adicada ao Che, no ano do asasinato do guerrilleiro. Victor Jara chegaría a popularizala en anos sucesivos. Uns anos máis tarde
, Víctor Jara convirtiriase nun referente internacional da canción reivindicativa e de cantautor ao ser torturado e asasinado no antiguo antiguo Estadio Chile, polas forzas represivas da dictadura de Pinochet, que derrocou ao lexítimo goberno de Salvador Allende, o 11 de setembro de 1973.

Nas propias palabras do autor da peza, Rubén Ortiz, "
a miña composicón transmitía a tristura dunha zamba arxentina, a pesar de non ser unha zamba clásica, pois lle falta unha repetición. Un día tocamos e o ex embaixador de Bolivia, Mario Guzman, estaba de espectador no noso concerto, achegouse e comentoume que quería darme uns datos clandestinos da morte do Che, ‘él morreu no pobo de La Higuera, a xente ten comezado a levar ofrendas florais ao redor da escola donde o asasinaro e o chaman San Ernesto de la Higuera’, así incluiu esa estrofa á Zamba del Che ".

Pois esto é todo, pequenas e pequenos monstros. Interesante eh!. Pra findar quedades coas dúas zambas: a adicada a ele, máis a súa favorita, a que tantas veces escoitou emocionado en homenaxe aos compañeiros caídos na luita contra os de sempre. Sirvennos de banda sonora fugaz a esta pequena pero intensa lembranza á dignidade na América Viva, grazas a todos eses marabillosos seres humáns que, de cando en vez, aparecen e deixan semente.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...